Fernando Aguado (esq.) recibe o certificado de entrada na academia.

O artífice dos tres satélites galegos entra na Academia Internacional de Astronáutica

Foron o secretario xeral da Academia, Jean Michel Contant e o profesor da Universidade de la Sapienza de Roma Filippo Grazzianni os que propuxeron a incorporación de Fernando Aguado como membro da Academia Internacional de Astronáutica (International Academy of Astronautics, IAA), o foro de referencia mundial do espazo, do que forman parte persoas clave no sector como directores das axencias espaciais (NASA, ESA, JAXA, Roscosmos, ISRO…), astronautas, presidentes das principais industrias, así como investigadores e científicos que desenvolven a súa actividade neste campo. Máis de 1200 membros de 75 países, dos que só 12 son españois, integran a IAA, que centra a súa actividade na promoción da cooperación científica internacional a través de simposios e reunións, así como o desenvolvemento de estudos e informes estratéxicos en cuestións como a exploración e asentamento no Sistema Solar; os pequenos satélites; a exploración da Lúa e Marte; as misións rendibles científicas de satélites; o espazo como vía para promover a paz ou a declaración de principios referentes ás actividades que seguen na detección de posible intelixencia extraterrestre.

Fernando Aguado, Gustavo Medina (UNAM) e o mexicano Rafael Torres.
Fernando Aguado, Gustavo Medina (UNAM) e o mexicano Rafael Torres.

“Este nomeamento é unha grande honra e recoñece o traballo colectivo que se desenvolve desde o ano 2007 por parte da Universidade de Vigo. Desde esa data, o Grupo Estratéxico Aeroespacial contou coa participación de máis de 80 profesionais, entre profesores, investigadores e estudantes que permitiron a posta en órbita con éxito de tres satélites”, explica Fernando Aguado, que se amosa convencido que cara ao futuro a cooperación entre a Universidade, o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e a industria galega do sector, permitirá desenvolver novos e interesantes proxectos neste campo.

Aguado, que formará parte da Academia como membro da sección das Ciencias da Enxeñaría, non agocha a alegría que sentiu cando lle comunicaron o nomeamento “xa que é unha decisión moi especial a nivel mundial”, asegura. Creada en 1960 en Estocolmo e con sede na actualidade en París, a IAA conta entre os seus membros con referentes do mundo aeroespacial como o astronauta Buzz Aldrin, membro da histórica tripulación do Apolo 11, que en 1969 chegou á superficie da Lúa e segundo home, tras Neil Armstrong, en pisar a superficie do asteroide.

A Universidade de Vigo traballa agora no proxecto Dustcube coa NASA e a ESA

En canto ás achegas que o docente e investigador da Universidade de Vigo considera que pode realizar á Academia Internacional de Astronáutica, Aguado incide na experiencia acumulada ao longos destes últimos anos en pequenos satélites. “As grandes axencias como NASA e ESA están incorporando estas plataformas non só como demostradores tecnolóxicos, senón como ferramentas moi interesantes en misións interplanetarias, como no caso da misión AIDA de defensa espacial ante unha colisión dun asteroide, na que participamos desde a Universidade de Vigo co proxecto Dustcube”, detalla Aguado, que xa está a participar activamente nas actividades da Academia, concretamente nas comisións de tecnoloxía espacial, desenvolvemento de sistemas e definición de misións para pequenos satélites.

Así mesmo, o docente do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicación lembra que nos congresos e reunións que periodicamente organiza a IAA “defínense e promóvense as principais iniciativas, tanto actuais como futuras, e por conseguinte, son o marco axeitado para promover unha participación activa desde Galicia e España nos proxectos máis relevantes que se realizarán no futuro”, sinala.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.