Imaxe do AZOR-0, prototipo deseñado polos estudantes do campus ourensán. Foto: UVigo Aerotech.
Imaxe do AZOR-0, prototipo deseñado polos estudantes do campus ourensán. Foto: UVigo Aerotech.

O alumnado de Enxeñaría Aeroespacial de Ourense crea un equipo de aeromodelismo

Preto de 20 estudantes conforman UVigo Aerotech, e xa deseñaron o primeiro prototipo co que esperan participar en competicións interuniversitarias

18 estudantes do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense conforman o primeiro equipo de aeromodelismo creado na Universidade de Vigo. Formado pouco antes da declaración da pandemia do coronavirus e co nome de UVigo Aerotech, o equipo estivo traballando durante estes meses no deseño do aeromodelo e afronta o novo curso académico lanzando o deseño do seu primeiro prototipo, chamado AZOR-0. 

O aeromodelismo, explican desde o equipo universitario, é un deporte de competición con avións de pequeno tamaño non tripulados que se basea na investigación dos principios aerodinámicos e a súa adaptación á construción dun aeromodelo capaz de superar as probas das distintas competicións no eido estatal e internacional. A idea de pór en marcha un equipo propio, comentan desde UVigo Aerotech, xurdiu da man do profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Guillermo Rey, “quen propuxo crear un equipo de aeromodelismo co obxectivo de participar en competicións interuniversitarias, que funcionase de maneira similar a outros proxectos da Universidade de Vigo, como UVigo Motorsport”. Entre este profesor e o alumno da escola Alejandro Sanz, engaden, “fóronse perfilando as liñas xerais do equipo”.

“O noso proxecto, como equipo deportivo, baséase nos valores que rexen este tipo de competicións, destacando o traballo en equipo, o respecto e a deportividade. Tamén como equipo universitario defendemos o fundamental labor de I+D+i para a nosa competición e polo tanto aplicámolo en todos os departamentos do proxecto”, subliñan os membros de UVigo Aerotech. Ademais, comentan, “resulta unha iniciativa moi beneficiosa para o alumnado de Enxeñaría Aeroespacial, xa que constitúe unha formación complementaria para os nosos curriculums e para o futuro laboral”. Por outra parte, engaden, e dado que se trata dun equipo integrado tanto por alumnos como por alumnas da Universidade, os membros da iniciativa recalcan como “cremos firmemente na consecución da igualdade de xénero no mundo da enxeñaría e a tecnoloxía”.

Reunión de traballo de UVigo Aerotech. Foto: Duvi.
Reunión de traballo de UVigo Aerotech. Foto: Duvi.

Cinco departamentos e diversos retos

UVigo Aerotech está composto por 18 alumnas e alumnos dos diferentes cursos do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, que foron seleccionados tras superar unha entrevista presencial ao presentarse o dobre de solicitudes das prazas existentes. Actualmente están valorando ampliar o número de membros, animando ás persoas interesadas a estar pendentes de posibles ampliacións e novidades do equipo nos seus espazos en Internet. O equipo  traballa dividido en cinco departamentos co obxectivo de “cubrir todas as necesidades do proxecto de forma organizada”. Estes departamentos son Electrónica e Control (no que se implementan os circuítos do aeromodelo e se elixe tanto o hardware como o controlador empregados); Propulsión e Dinámica (que se ocupa do deseño, mantemento e ensamblaxe do motor); Dinámica (centrado no deseño e fabricación do tren de aterraxe); Aerodinámica (que abrangue o deseño e fabricación dos elementos aerodinámicos do modelo que permiten levantar a carga de pago necesaria); Estruturas (que estuda as necesidades estruturais do modelo e encárgase da fabricación) e Organización e Márketing  (que se dedica á organización interna e xestiona as redes sociais e a representación do equipo).

Tras centrarse nos meses de confinamento nos labores de deseño e investigación para a elaboración do aeromodelo, detallan os membros de UVigo Aerotech, “xa lanzamos o deseño do noso primeiro prototipo, o AZOR-0, un avión de aeromodelismo deseñado integramente polo equipo, que conta con 4.14 metros de envergadura, podendo alcanzar unha velocidade máxima de 59.44 Km/h”. Estas prestacións, indican os membros do equipo, permiten ao aeromodelo de aproximadamente 4.700 gramos teóricos ter un peso máximo en despegue de ata 12 quilos. A medio prazo, especifican, “o noso obxectivo é participar na Air Cargo Challenge, unha competición bianual de carácter universitario con participantes de todo o mundo”. Segundo apuntan desde UVigo Aerotech, esta competición “celebrarase en 2021 na cidade alemá de Múnic e conta con diversas probas e condicións para participar peculiares e interesantes, sendo a máis destacable que o aeromodelo debe ser moi lixeiro pero capaz de levantar moita carga”.

Deseño do prototipo. Foto: Duvi.
Deseño do prototipo. Foto: Duvi.

Debido á situación derivada da Covid-19, o equipo tivo que desenvolver estes meses o seu proxecto de xeito virtual e centrándose na fase de deseño. “Tiñamos a intención de fabricar o noso primeiro prototipo en madeira durante o mes de xuño, pero esta situación fixo que fose imposible. Isto permitiunos centrarnos máis no deseño, pero sen poder experimentar a fabricación do noso primeiro aeromodelo, que terá que agardar á próxima tempada se a situación sanitaria o permite e en función da normativa da competición na que aspiramos participar”.

Para o desenvolvemento do proxecto, comentan os seus responsables, contan co apoio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e de dúas empresas: Dosmasdos e Mecadis, agardando ampliar o contacto co sector a partir do inicio do novo curso académico. Entre estas colaboracións, apuntan como a escola cedeulles espazos tanto no edificio do Campus da Auga como no pavillón Manuel Martínez-Risco para desenvolver as súas actividades.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.