Xoves 28 Marzo 2024

Crean novos métodos para facer azucres ou biocombustible coa palla de cereal

A industria agroalimentaria enfróntase ao reto de xestionar os seus residuos e faino, entre outras liñas de actuación, buscando a través da I+D novos usos para os subprodutos que xera. É o caso da palla de cereal. Os cambios nos usos dos terreos agrícolas, máis orientados actualmente á obtención de alimentos e de biocombustible, traen consigo a necesidade e a oportunidade de aproveitar os residuos de cultivos de cereais como o trigo, a cebada ou a avea. Investigadores da Universidade de Vigo colaboran nun proxecto da Universidade de Córdoba que traballa na obtención de nanofibras de celulosa, actualmente obtidas principalmente de especies madereiras, destes residuos agrícolas.

O investigador da UVigo Gil Garrote.
O investigador da UVigo Gil Garrote.

Os resultados desta investigación conxunta veñen de ser publicados na revista Bioresource Technology, nun artigo titulado ‘Agricultural residue valorization using a hydrothermal process for second generation bioethanol and oligosaccharides production‘ e asinado por F. Vargas, E. Domínguez, C. Vila, A. Rodríguez Pascual e Gil Garrote, investigador este último da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Segundo explican os científicos do equipo de investigación Biorrefinería de Materiais Lignocelulósicos da Industria Agroalimentaria da Universidade de Córdoba, liderado por Alejandro Rodríguez, a celulosa é un dos polímeros máis dispoñibles do planeta pola súa presenza nos vexetais. Este grupo ten unha ampla bagaxe na obtención de papel e cartón a partir da celulosa, buscando agora novos procedementos químicos para obter máis produtos e de maior valor engadido, como hidroxeles ou compoñentes para a formulación de cemento.

A palla do cereal ata agora alimentaba o gando ou se queimaba no campo

Entre estes procedementos está a biorrefinería de materiais lignocelulosos, que permite separar nos residuos agrícolas como a palla de cereal a celulosa, a hemicelulosa e a lignina. O primeiro material é aproveitable directamente para facer papel desde a celulosa chamada nobre, mentres que coas hemicelulosas obtéñense compostos de interese industrial, como por exemplo xilitol. Por último, está a lignina, que está presente na chamada lixivia negra ou licor residual. A colaboración coa Universidade de Vigo permitiu desenvolver novas técnicas na separación da celulosa e a lignina. O proceso, de carácter innovador, disolve a materia prima cun catalizador ácido, obtendo unha fracción rica en hemicelulosas e outra rica en celulosa e lignina. A partir desta fracción líquida caracterizáronse azucres interesantes para a industria alimentaria, como xilitol. A fracción sólida, rica en celulosa, púidose fermentar para a obtención de biocombustibles.
Segundo comenta Rodríguez Pascual, “a palla do cereal ata o de agora empregábase para alimentar o gando ou se desbotaba no campo, en ocasións por medio de pequenos lumes controlados”. O procedemento desenvolvido durante a investigación parte dun proceso ambientalmente favorable, ao empregar sosa a presión atmosférica. Así obtéñense fibras celulósicas por un lado, que se utilizarán para a obtención de lignonanofibras de celulosa (con aparencia de xel), e o licor negro, rico en lignina, por outro. Os investigadores están obtendo lignonanofibras de celulosa mediante procedementos mecánicos, enzimáticos e por oxidación TEMPO, partindo da pasta celulósica sen branquexar, o que implica un menor custe económico e ambiental respecto a outras nanofibras que se obteñen mediante un proceso previo de branqueamento.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

A UVigo avanza na produción de biocompostos alimentarios a partir de palla de trigo

O proxecto Big-Prodixos recibe unha axuda do Ministerio de Ciencia para usar enzimas como ferramenta biotecnolóxica