Martes 23 Abril 2024

Novo pulo para un proxecto galego pioneiro no transporte de ácidos nucleicos

O programa Ignicia selecciona a iniciativa Traffikgene, liderada polo científico da USC Javier Montenegro, para levar ao mercado unha prometedora terapia xénica

O laboratorio que dirixe no CiQUS da Universidade de Santiago o científico Javier Montenegro acaba de recibir un importante pulo para continuar nunha das súas prometedoras liñas de traballo: o desenvolvemento de pequenas proteínas que actúan como vehículos de transporte, trasladando o material xenético ao interior das células para que poidan cumprir a súa función. Da man do programa Ignicia Proba de Concepto, impulsado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración coa Fundación Barrié, o proxecto, que xa recibira en 2018 o apoio da prestixiosa convocatoria Proof of Concept do Consello Europeo de Investigación (ERC), entrará agora nunha nova fase que buscará chegar ao mercado en forma de spin-off ou de licencia á industria, validando a súa tecnoloxía e elaborando os seus plans de negocio. A iniciativa Ignicia ten por obxectivo promover a transferencia dos resultados xerados nos centros de investigación galegos para facilitar a súa transferencia ao mercado.

O proxecto TraffikGene

Desde o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), Montenegro coordina este proxecto, centrado no desenvolvemento e síntese de novas moléculas para protexer e entregar ácidos nucleicos, como o RNA mensaxeiro (mRNA), no lugar apropiado, de forma eficiente e non tóxica. O proxecto desenvolvido no CiQUS por Marisa Juanes, Irene Lostalé-Seijo e Alberto Fuertes prevé alcanzar aplicacións en diversas áreas da biotecnoloxía, desenvolvendo unha eficiente ferramenta de transporte de ácidos nucleicos para a nova xeración de vacinas baseadas en ARN e no emerxente campo da inmunoterapia do cancro.

Publicidade

Javier Montenegro: “Queremos facer un vehículo que axude a transportar a posible vacina”

O equipo de investigación móstrase confiado co potencial que ofrece esta tecnoloxía e consideran que o respaldo obtido mediante esta convocatoria resulta fundamental para continuar cos esforzos que dende hai anos vén realizando o grupo neste eido de estudo. O apoio recibido na convocatoria Proof of Concept do ERC estaba dirixido a favorecer a explotación comercial dos avances conseguidos no proxecto DYNAP, outorgado na modalidade Synergy Grant, tamén convocada pola institución europea. Ademais, o equipo de Montenegro obtivo un proxecto do Instituto de Saúde Carlos III para estudar a posible aplicación desta tecnoloxía en vacinas contra a Covid-19 o pasado ano. Aínda que acadaron probas prometedoras en animais, aínda é preciso seguir avanzando en novos ensaios para demostrar a súa eficacia e seguridade.

A medio prazo, TraffikGene ten previsto constituírse como unha spin-off con base en Galicia, avanzando na aplicación terapéutica destes novos “vehículos”. Con este serían xa tres os proxectos xurdidos dende o CiQUS que acadan este apoio, sumándose a RuCSC, proxecto liderado por José Luis Mascareñas para o direccionamento selectivo e eliminación de células nai cancerosas, e Fluorotools, centrado no deseño de ferramentas para acelerar o descubrimento de fármacos e dirixido polo profesor Eddy Sotelo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno