Venres 19 Abril 2024

Un novo material deseñado desde Lugo para aproveitar a enerxía fotovoltaica

A investigadora María Lisbeth Jiménez explica na súa tese que a incorporación de nanopartículas de ouro pode aplicarse sobre calquera superficie

Unha investigación desenvolvida na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela achega unha nova vía para mellorar o aproveitamento da enerxía fotovoltaica, recollida da radiación solar. A profesora da Universidade Nacional de Costa Rica María Lisbeth Jiménez Carrillo, desenvolveu no campus lucense unha tese na que deseñou e caracterizou un material que incorpora á súa composición nanopartículas de ouro e que resulta axeitado para utilizar como recubrimento de calquera estrutura, como se se tratara dunha pintura condutora que posibilita a produción de enerxía eléctrica.

A investigación achega novas vías de estudo cara ao autoabastecemento enerxético e o aproveitamento da enerxía fotovoltaica emanada da radiación solar, un avance que vai na liña da crecente demanda de enerxía para uso doméstico e industrial e do progresivo desenvolvemento de fontes de enerxía renovables como é a solar.

Publicidade

A tese, dirixida polos profesores da USC Francisco José Fraga López e Eugenio Martínez Nuñez, constitúe un primeiro chanzo dunha liña de investigación máis ambiciosa e que precisa de novos avances para poder chegar á súa aplicación industrial, segundo precisa o profesor Fraga López, quen, sen embargo, precisa que este novo material permite reducir máis da metade os custos de aproveitamento da enerxía solar respecto das tradicionais placas solares.

O material resultante das investigacións realizadas por Jiménez Carrillo no marco da súa investigación de doutoramento presenta importantes vantaxes respecto dos paneis solares fotovoltaicos, xa que se pode aplicar sobre calquera superficie e en calquera lugar, tales como paredes de edificios, columnas, tellados, farois… Ademais, este material válido para recubrimentos ten tamén a capacidade de impermeabilización fronte ás inclemencias do tempo, explica o tamén decano da Facultade de Ciencias da USC.

Nanopartículas de ouro

O profesor Fraga López explicou que o novo composto obtido é un material illante á vez que condutor, xa que as partículas de ouro están dispersas nun matriz dun polímero illante semellante aos pegamentos comerciais dos compostos que se acostuman empregar para pegar materiais chamados a soportar pesos ou esforzos considerables. O decano da Facultade de Ciencias da USC lembrou asemade que vinculación desta investigadora centroamericana co Campus lugués naceu hai anos nunha acción formativa sobre aproveitamentos biolóxicos de calorimetría impartida por Fraga López na Universidade Nacional de Costa Rica e na que participaron estudantes e investigadores deste país e de Panamá. De feito, engade, este primeiro contacto propiciou que Jiménez Carrillo completara unha estadía de investigación durante tres anos no Campus de Lugo da USC, onde desenvolveu parte da tese de doutoramento que logo remataría no seu país.

As nanopartículas de ouro empregadas nesta investigación foron sintetizadas por redución química in situ dentro da resina diglicil éter de bisfenol A (BADGE n=0) e utilizouse m-xililendiamina(m-XDA) como axente entrecruzante. Ao material nanocomposto avalióuselle a dispersión e o tamaño das nanopartículas mediante microscopía electrónica de transmisión (TEM), seguimento da reacción mediante calorimetría diferencial (DSC), estudo da degradación do material en función da temperatura de utilización mediante un analizador termogarvimétrico (TGA), ademais de propiedades dieléctricas, mecánicas e dinamicomecánicas. O nanocomposite resultante presentou unha boa dispersión e mantivo as propiedades mecánicas da matriz mellorando a súa condutividade, como consecuencia das propiedades do ouro a escala nanométrica.

O xurado encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada de xeito telemático por María Lisbeth Jiménez Carrillo baixo o título ‘Deseño de nanocomposite resina epóxica/nanopartículas de ouro con potencial aplicación en placas solares para o seu aproveitamento enerxético’ estivo presidido polo catedrático de Física Química da Universidade de Vigo José Luis Legido Soto. Ramón Pedro Artiaga Díaz, catedrático dos materiais e enerxía metalúrxica, enxeñaría naval e industrial da Universidade da Coruña, e o tamén catedrático da USC José Blanco Méndez, completaron a composición dun xurado que deu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de doutoramento presentada por Jiménez Carrillo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Coidar a saúde e o medio ambiente: dúas razóns para incluír pescado azul na nosa dieta

A nivel mundial, el consumo anual per cápita de peixe nos últimos 50 años case se duplicou, cun crecemento exponencial en países como China