Xoves 18 Abril 2024

Nova estratexia para separar moléculas nocivas nas augas residuais

O investigador da UVigo Noel Escudero aborda na súa tese de doutoramento métodos que poden evitar a chegada de contaminantes emerxentes ás depuradoras

Un dos problemas máis importantes aos que se enfronta o sector do tratamento de augas residuais é a presenza, por unha banda, de compostos químicos recalcitrantes como os metais pesados ou as tinturas e, por outra, de contaminantes emerxentes como fármacos, pesticidas ou produtos de hixiene persoal. Existen diversidade de traballos que demostraron o seu impacto nocivo no medio ambiente, pero os niveis máximos de vertido de moitos deles non están aínda recollidos na lexislación vixente. Polo tanto, é necesario buscar tratamentos previos que eviten a chegada destes compostos ás estacións depuradoras de augas urbanas (EDAR). E este é o obxectivo da tese de doutoramento de Noel Escudero, investigador do grupo Procesos de Separación, cualificada cun sobresaínte cum laude.

O investigador explica que a súa tese busca avaliar a aplicabilidade dos sistemas acuosos bifásicos (ABS polas súas siglas en inglés Aqueous Biphasic Systems) “como unha técnica apropiada para a separación, recuperación e/o purificación de diferentes compostos”, en concreto neste estudo, as tinturas e os Ácidos Graxos Volátiles (AGVs).

Publicidade

Para o seu traballo de investigación seleccionou as tinturas industriais Reactive Black 5 e Acid Black 48 “como exemplos de compostos recalcitrantes que deberían ser eliminados a nivel de depuración industrial antes de ser enviados ás depuradoras de augas residuais”. Por outra banda, e co obxecto de demostrar a versatilidade destas estratexias de separación, tamén investigou a capacidade de separar outro grupo de compostos de valor engadido como son os Ácidos Graxos Volátiles (AGVs), producidos a partir da fermentación acidoxénica dos lodos xerados nas EDAR. Estes son de utilidade, por exemplo, para a produción de hidróxeno, de pilas de combustible microbianas, de produtos farmacéuticos ou téxtiles (fórmico ou butírico) ou herbicidas (acético ou propiónico).

A súa tese artéllase arredor de tres artigos publicados, centrados cada un deles nunha parte da súa investigación. Así, no primeiro artigo recóllense conclusións que demostran o potencial dun líquido iónico biocompatible como N1112OHDHC para desencadear a segregación de fases en disolucións acuosas dos tensioactivos non iónicos Triton X-100 e Triton X-102.

No segundo artigo, o investigador constata a idoneidade doutro líquido iónico biocompatible (N1112OHC4H5O6) para actuar como axente de segregación en disolucións acuosas de tensioactivos da familia Tween. Foi quen de demostrar a capacidade do líquido iónico proposto para separar eficazmente as tinturas industriais RB5 e AB48 presentes en disolucións acuosas da industria téxtil, con niveis de extracción que duplican os rexistrados con líquidos iónicos convencionais da familia imidazolio.

Finalmente, no terceiro artigo comprobou o efecto ‘salting out’ de N1112OHC4H5O6 en disolucións acuosas de surfactantes da familia Triton X, “caracterizando o equilibrio entre fases a diferentes temperaturas e aplicando estes sistemas á separación de catro AGVs de distinto tamaño de cadea alquílica”. Escudero concluíu que a concentración do tensioactivo e a temperatura de operación eran “variables clave a controlar para acadar niveis de extracción superiores ao 75% para o ácido fórmico e de aproximadamente o 100% para os ácidos acético, propiónico e butírico”. Polo tanto, resume o científico, “con este traballo séntanse as bases da aplicación deste tipo de sistemas na extracción de AGVs de lodos de EDAR”.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Estas son as substancias químicas que nos engordan e si, están por todas partes

Certos compostos dos envases, cosméticos, deterxentes ou dos propios alimentos poden ter un papel no aumento do sobrepeso e da obesidade na poboación

Documentos avalan que Rosalind Franklin foi esencial para o descubrimento da estrutura do ADN

Un artigo publicado por Nature demostra que a química colaborou en "pé de igualdade", proporcionando datos cruciais e verificando o resultado

As augas residuais de Santiago revelan menor consumo de cocaína pero un rápido aumento de MDMA

A capital galega tamén está no top 20 de cidades europeas auditadas que máis cannabis consomen