Non existe evidencia ningunha de que as mascotas poidan transmitir o coronavirus.

“Non hai evidencias de que os animais poidan contaxiar ós humanos”

O catedrático de Veterinaria Rodríguez Ferri analiza os casos puntuais dos tigres, cans e gato positivos con SARS-CoV-2

A tigresa malaia Nadia, de catro anos, do zoolóxico do Bronx en Nova York amosou unha tose seca, por iso os laboratorios veterinarios do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (USDA, polas súas siglas en inglés) decidiron facerlle un test de COVID-19. Esta semana confirmouse o positivo. Xunto a Nadia, a súa irmá Azul, outros dous tigres e tres leóns presentaron síntomas da enfermidade.

Segundo a Wildlife Conservation Society, os felinos puideron infectarse por un dos coidadores que era asintomático, antes de desenvolver os síntomas. “Implementáronse medidas preventivas apropiadas para todo o persoal que os coida e os outros felinos dos nosos catro zoolóxicos, para evitar unha maior exposición de calquera dos outros felinos do zoológico”, dicían nun comunicado.

A infección dos felinos únese á de dous cans, un de raza pomerania que desenvolveu unha resposta inmune ao virus pola presenza de anticorpos, segundo a Universidade de Hong Kong, e dun gato con signos clínicos de enfermidade respiratoria, cuxo dono estaba infectado por SARS-CoV-2, segundo a Universidade de Liexa en Bélxica.

Para Elías Fernando Rodríguez Ferri (Navarra, 1948), catedrático emérito de Microbioloxía e Inmunoloxía de Sanidade Animal da Universidade de León, é aínda cedo para saber a importancia destes casos puntuais de animais domésticos infectados.

“As autoridades sanitarias veterinarias están moi atentas. A mensaxe que están a dar sempre é a mesma: de momento non hai evidencias dabondo para pensar que eses animais escasos que se infectan poidan contaxiar a outros e sobre todo contaxiar ao humano”, subliñou en entrevista coa axencia SINC.

Elías Fernando Rodríguez Ferri.

Rodríguez Ferri, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Castela e León, precisa que é necesario partir da epidemia do SARS en 2002 e 2003 en China e da gripe aviaria influenza H5 N1 en 1997 como punto de apoio. En ambas as dúas epidemias, o que máis preocupou foi o foco animal dende o punto de vista sanitario humano. No caso da gripe foron as aves –primeiro migratorias e despois domésticas–, e no SARS, os morcegos a través dun animal intermediario, como a civeta.

“Cando o virus está nun hospedador máis ou menos final, e moi asentado, como é o caso do home, non é estraño que algúns animais que conviven con el pola razón que sexa como mascota ou animais de zoo tamén se contaxien”, recalca o experto. Rodríguez Ferri tamén destaca o sueste asiático como un punto quente de contaxios porque “as medidas de bioseguridade na explotación animal brillan pola súa ausencia, como nos mercados húmidos”.

“Por iso, non é raro que, como consecuencia da exposición dende un humano enfermo salte a un animal. Isto é esperable”, apunta. De feito, xa hai feitos que o evidencian na epidemia do SARS cando apareceron numerosos animais enfermos ou positivos serolóxicamente (con anticorpos).

“Afortunadamente a historia que eu espero que se repita nesta ocasión [co SARS- CoV-2] non tivo transcendencia epidemiolóxicamente. Os animais infectados ou enfermos non serviron nin de fonte de transmisión para outros animais nin de xeito inverso cara ao home”, indica o catedrático. Os organismos internacionais como a Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) ou a Asociación Americana de Medicina Veterinaria (AVMA) tamén destacan que non hai evidencias suficientes.

As autoridades sanitarias dos EUA recomendan limitar a interacción coas mascotas aos infectados

Con todo, nos Estados Unidos, onde máis de 400.000 persoas están infectadas oficialmente ata o momento, a USDA establece unhas recomendacións sobre o contacto con mascotas, sobre todo no caso de estar enfermo con COVID-19. “Evite o contacto coa súa mascota, incluíndo caricias, aniñalo, ser bicado ou lambido, e compartir comida. Se debe coidar á súa mascota ou estar preto de animais mentres está enfermo, lave as mans antes e despois de interactuar coas mascotas e use unha máscara facial”, aconsellan.

Para o veterinario español, as medidas de distanciamento entre donos e mascotas nos Estados Unidos son unha medida hixiénica xeral. “O que hai que facer é ser un propietario responsable se se trata con mascotas. Hai que pensar que estas situacións poden acontecer. Hai que tentar que un enfermo non teña ao seu lado un animal san, porque podería pasar”, comenta.

Ademais da posibilidade de que as mascotas enfermen, a principal pregunta é se a infección dos animais domésticos podería contaxiar a humanos. A resposta de Rodríguez Ferri é clara respecto diso: “Non se describiu neste momento casos de infección por parte de animais infectados polos humanos a outros humanos nese virus, nin sobre a experiencia preliminar do SARS”.

Naquela epidemia, os casos de animais non humanos infectados desapareceron sós. “Foron fondos de saco epidemiolóxicos. Iso é habitual”, afirma. No caso da gripe aviaria, os numerosos casos humanos remataron neles mesmos. Segundo explica o experto, para que se producise un caso de contaxio cun animal, tiña que haber unha sobreexposición dun animal enfermo ou portador para que enfermase o home.

“Pero non se produciu o que agora si se produciu en seres humanos: o virus adaptouse ao home e ultimou o proceso de adaptación mediante evolución e foi capaz de transmitirse interhumano, dunha persoa a outra”, detalla. “Para que houbese risco e preocupación o proceso debería ser similar nos animais, que o virus se adaptase desde o home ao gato e logo a outro gato e que fose capaz de transmitirse moi eficazmente entre eles. Pero polo momento non existen evidencias”, indica.

Varios equipos de investigación están a traballar para analizar e entender de que maneira o virus afecta os animais domésticos. Nun preprint, publicado sen revisión externa a semana pasada, o equipo liderado pola Academia Chinesa de Ciencias Agrícolas realizou experimentos con gatos, cans, patos, pitos, furóns –un modelo animal usado noutras circunstancias para avaliar vacinas– e porcos, aos que se lles inocularon importantes doses do virus.

Os cans amosaron susceptibilidade baixa ao SARS-CoV-2, e os porcos, patos e pitos, ningunha

Gatos e furóns foron os animais máis susceptibles ao virus, que se replicaba no tracto respiratorio superior do animal, pero ningún desenvolveu enfermidade grave nin faleceu. No caso dos cans, estes mostraron susceptibilidade baixa á infección por SARS-CoV-2 e os porcos, patos e pitos ningunha.

“Isto é unha boa noticia que vén confirmar que un modelo animal como o furón está ao dispor da medicina humana para estudar a enfermidade como para desenvolver fármacos antivirais, ou ensaios de vacinas”, di Rodríguez Ferri.

Noutro ensaio, realizado nun animalario de alta seguridade, introducíronse tres gatos aos que inocularon o virus, e preto puxeron noutras gaiolas a outros animais sans. Dos tres sans que se expuxeron fronte aos tres enfermos experimentalmente, un só contaxiouse. “Iso é o que hai en canto a investigación agora mesmo”, conclúe o veterinario.

O coñecemento sobre a orixe animal do virus SARS-CoV-2 é elemental para poder previr a aparición de novas epidemias e establecer un sistema de vixilancia e control para mitigalas, segundo o catedrático emérito, que apoia a petición dos veterinarios de ser incluídos nos comités de expertos sobre o coronavirus.

“Un veterinario ten unha boa formación epidemiolóxica e está afeito a traballar con poboacións e colectividades. A min paréceme que tanto desde o punto de vista diagnóstico como de prevención de grandes poboacións, o veterinario pode achegar moitas cousas”, recalca Rodríguez Ferri, que se incorporou esta semana ao comité de expertos do COVID-19 en Castela e León.

Con case un millón e medio de persoas infectadas no mundo, os veterinarios, que lidan a diario con centos de miles ou mesmo millóns de animais nalgunhas granxas, poderían colaborar en termos de bioseguridade. “Para eles, o máis importante é a prevención. Erradicaron enfermidades en animais das que non se dispoñía de vacinas utilizando elementos de bioseguridade, de desinfección e precaución”, lembra o experto.

Ademais, Rodríguez Ferri lembra que en Alemaña, o principal portavoz ministerial da crise do coronavirus, Lothar Wieler, é un veterinario virólogo. “A profesión veterinaria está a facer presión para que sexa considerada neste nivel complementario na enfermidade en si. É preciso que se comprenda”, apunta.

O experto apoia a existencia dunha soa saúde: humana e animal. A elas uniríase a ambiental. “Todo iso forma un triángulo perfecto porque os problemas son cada vez máis complexos e non son patrimonio exclusivo de ninguén. Todo o mundo ten unha parcela de intervención”, conclúe.

1 comentario

  1. Eu pregúntame se un animal de compaña Expósito a unha persoa infectada podería trasmitir o virus por contacto, coma se dun obxecto impregnado se tratara

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.