Venres 19 Abril 2024

Nieves R. Brisaboa recibe o Premio Nacional de Informática

A catedrática da UDC recolleu en Madrid o galardón, que entrega a Sociedad Científica de España e a Fundación BBVA, xunto a representantes da universidade

A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Nieves R. Brisaboa, recolleu este martes en Madrid o Premio Nacional de Informática que leva o nome de Ángela Ruíz Robles, un dos que outorga a convocatoria que organiza a Sociedad Científica de España e a Fundación BBVA.

Ao acto de entrega do premio asistiron o reitor, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella, e outros profesores deste centro.

Publicidade

O xurado do premio valorou o traballo de Brisaboa que “permitiu a creación da Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”.

En 1996 Nieves R. Brisaboa creou o Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, e hoxe en día os integrantes do devandito grupo son os encargados das materias de bases de datos do centro e todo o seu labor de investigación localízase na área da xestión de datos. A catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da universidade coruñesa obtivo o Premio Ángela Ruiz Robles polos “traballos de investigación e innovación relacionados coa xestión de datos, así como polas súas iniciativas nos campos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas, ademais da creación de empresas de base tecnolóxica”, refire a acta do xurado.

Nieves R. Brisaboa, con representantes da UDC e compañeiros da Facultade de Informática. Foto: udc.gal.
Nieves R. Brisaboa, con representantes da UDC e compañeiros da Facultade de Informática. Foto: udc.gal.

“A área de xestión de datos fai referencia a todo o relativo ao procesamento de datos: a súa adquisición, o almacenamento, a limpeza, a súa preparación para ser analizado, a súa explotación, a súa visualización… É unha área que estivo sempre omnipresente na informática”, explica a premiada á entidade organizadora. No seu laboratorio traballan tanto en investigación básica, onde desenvolven estruturas de datos e algoritmos eficientes para o seu procesamento, como en investigación aplicada, creando sistemas de información complexos como datos espazo-temporais. “Estes son datos de obxectos que se moven, ou que representan mapas, ou datos multimedia”, aclara a investigadora.

Unha das aplicacións finais desenvolta polo seu laboratorio é a Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que, segundo indica a propia R. Brisaboa, “poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”.

Outro exemplo que está en uso é o sistema de información territorial da Deputación da Coruña, que desenvolven no seu laboratorio desde o ano 2000. Como explica a catedrática premiada, “represéntanse todas as infraestruturas e equipamentos da provincia, e o nivel de detalle é enorme: podes ver o diámetro de cada condución de auga da provincia da Coruña”.

Nieves R. Brisaboa comezou como mestra de Educación Especial tras estudar Psicoloxía, pero un xiro na súa carreira levouna a estudar unha Formación Profesional de Informática. Máis tarde, matriculouse na carreira de Informática na universidade onde agora dá clases: “Terminei na primeira promoción de estudantes que se formaron aquí. Ben está o que ben acaba”.

Brisaboa considera que este premio é un “recoñecemento enorme” á súa traxectoria profesional e á de todo o seu equipo, e sinala: “É de xustiza dicir que foi un premio para todo o meu laboratorio; en informática non se pode traballar en solitario”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Unha científica galega secuenciará o xenoma da ‘herba de namorar’

A especie 'Armeria pungens' está presente nas illas Cíes, o único lugar de Galicia onde se pode atopar