Venres 29 Marzo 2024

Novo fito da astronomía: unha nave achégase máis ca nunca á coroa do Sol

A sonda Parker realiza unha viaxe sen prcedentes ata a estrela, e achega nova luz sobre os seus mecanismos en catro artigos que publica "Nature"

Non moi lonxe de temperaturas de 1.000.000ºC e ventos de 150 quilómetros por segundo, a sonda Parker da NASA acaba de derrubar un novo muro para a exploración espacial: nunca antes unha nave feita polo ser humano se achegara tanto á coroa do Sol, un lugar de onde emana a luz e o calor que fan posible a vida no noso planeta. A Parker, que saíu da Terra cara a nosa estrela en agosto de 2018, remitiu desde as inmediacións do Sol unha manchea de datos que se acaban de traducir en catro artigos de investigación que Nature publicou onte.

Estes primeiros datos de Parker amosan ao Sol dun xeito novidoso e sorprendente”, explica no portal da NASA Thomas Zurbuchen, administrador asociado de ciencias na sede da NASA en Washington. “Observar o Sol tan preto, en vez de facelo de moito máis lonxe, estanos dando unha visión sen precedentes dos fenómenos solares máis importantes, e como isto afecta á Terra, e achéganos novos datos moi relevantes para comprender como funcionan as estrelas activas nesta e noutras galaxias. É só o comezo dun tempo incrible e emocionante para a heliofísica, con Parker á vangarda de novos achados”, expuxo Zurbuchen.

Publicidade

Así, a información enviada desde Parker axudará a comprender algunhas das cuestións sen resolver sobre os mecanismos da estrela. Por exemplo, sábese que a coroa pode acadar máis de un millón de graos centígrados, pero no interior baixa a ‘só’ 5.000ºC. Do mesmo xeito, os datos permitirán estudar como se producen as ondas de partículas enerxéticas e o campo magnético que desencadea o vento solar, que flúe cara ao espazo exterior a miles de quilómetros por segundo.

Entre outras novidades, a sonda puido observar, por primeira vez, o vento solar mentres está todavía rotando. A comparación que fai a NASA é “como se Parker obtivera unha visión do carrusel xirando por primeira vez, e non só cando o neno salta fóra del”. Con estes datos, o instrumento de vento de Parker detectou a rotación a máis de 33 millóns de quilómetros do Sol, e mentres a sonda se achegaba á órbita, a velocidade da rotación metraba. Así, constatouse que a forza da circulación era máis forte do que os científicos prediciran (de 10 a 20 veces máis), pero ao mesmo tempo, a transición é máis rápida do previsto cara ao exterior.

Ondas solitarias

Alén destes novos detalles sobre o vento, os investigadores detectaron tamén un tipo de ondas xigantes solitarias que alteran a temperatura ao seu paso. “Para a nosa sorpresa, cando nos achegamos ao Sol, non só as pequenas ondas foron máis fortes, senón que tamén vimos ondas xigantes solitarias, como as do océano; e cando unha delas pasaba pola sonda, a velocidade do vento podía subir máis de 500.000 por hora en segundos”, explica á Axencia Sinc o investigador Justin Kasper da Universidade de Michigan, autor principal dun dos estudos.

O equipo viu miles destas ondas solitarias nos dez días que a sonda Parker estivo preto do Sol, e agora os investigadores pregúntanse se son as que quentan a coroa. “No artigo describimos como estas grandes ondas teñen un pico na velocidade e unha inversión na dirección do campo magnético”, apunta Kasper tras observar en detalle os datos sobre os ións de plasma e feixes de electróns do Sol.

O investigador tamén destaca a importancia que teñen todos estes datos para a Terra: “Esta nova información sobre como ocorre o quecemento e como flúe o vento solar mellorará en gran medida a nosa capacidade de predicir se unha exección de masa da coroa (unha erupción de material do Sol) podería golpear a Terra ou os astronautas no seu camiño a Marte”, apunta Parker.

A serie de artigos publicada en Nature tamén achega novos datos sobre a coñecida como “zona libre de po“, unha área duns cinco millóns de quilómetros arredor do Sol na que a influencia da estrela vaporiza estas partículas.

Outro dos estudos, dirixido polo investigador Stuart Bale da Universidade de California en Berkeley, céntrase no chamado vento solar lento (móvese a menos de 500 km/s), cuxas orixes foron menos claras cás do vento rápido (a máis de 500 km/s). Os autores atoparon que este vento lento orixínase en buracos na coroa que se atopan preto do ecuador do Sol.

A sonda Parker achegarase tres veces máis ao Sol nos vindeiros cinco anos, chegando finalmente a pouco máis de seis millóns de quilómetros da súa superficie. Isto permitirá aos científicos medir a potencia das ondas solitarias, comprobar se están a quentar a coroa, analizar se a rotación do vento ao redor do Sol segue aumentando e outros novos descubrimentos.

Durante este tempo, o Sol entrará nunha fase máis activa do seu ciclo de once anos, “polo que podemos esperar resultados aínda máis emocionantes nos próximos anos”, apunta o investigador Daniel Verscharen do University College de Londrés nunha valoración que acompaña aos catro artigos de Nature.


Máis información:

NASA’s Parker Solar Probe Sheds New Light on the Sun (NASA).

Sun-bombing spacecraft uncovers secrets of the solar wind (Nature).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

A Lúa non ten ceo

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de “E se estivésemos equivocados? E se a Terra...

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito