Ilustración de Opportunity sobre a superficie de Marte. Fonte: NASA.
Ilustración de Opportunity sobre a superficie de Marte. Fonte: NASA.

Punto final á aventura de Opportunity en Marte

A axencia espacial anuncia o fin da misión despois de varios meses intentando recuperar o contacto co vehículo, perdido desde o 10 de xuño de 2018

Foron máis de 1.000 intentos sen resposta. E a NASA decidiu este mércores que a aventura do Opportunity, un ‘rover’ que leva 15 anos percorrendo Marte e achegando información relevante sobre o pasado do planeta vermello, chegou ao seu final. Descansará no val da Perseverancia, onde foi localizada, pero sen poder contactar de novo con ela. “Non se me ocorre un lugar mellor para que Opportunity fique”, dixo Michael Watkins, director do Jet Propulsion Laboratory.

Así o anunciou a axencia nunha conferencia de prensa na que explicou os intentos en van desde que o 10 de xuño de 2018, unha enorme tormenta de area provocou o corte das comunicacións: posiblemente, os paneis solares do vehículo quedaron tapados pola area e impiden, desde entón, as comunicacións coa Terra.

“Grazas ás misións pioneiras como Opportunity, chegará o día no que os astronautas poidan camiñar pola superficie de Marte”, declarou Jim Bridenstine, administrador da NASA. “Cando chegue ese día, unha parte desa primeira pegada será dos homes e mulleres que fixeron posible Opportunity, e o pequeno ‘rover’ que desafiou as posibilidades que tiña e fixo moito pola exploración”.

“Opportunity foi durante máis dun decenio un icono da exploración planetaria, ensinándonos sobre o pasado de Marte como un planeta potencialmente habitable, e revelando paisaxes descoñecidas”, dixo Thomas Zurbuchen, outro dos dirixentes da NASA.

En declaracións a Science, a finais de xaneiro, o investigador Steven Squyrez adiantou que a noticia triste podía estar cerca: “O fin da temporada de ventos podería significar o fin do Opportunity”, afirmou. Desde xuño do pasado ano, foron constantes os intentos desde o Jet Propulsion Laboratory (JPL) de Pasadena, en California, sen obter resposta.

Porén, os enxeñeiros confiaban en que os ventos estacionais, intensos entre novembro e a fin de xaneiro, poderían limpar de area os paneis de Opportunity, permitindo a súa recuperación. Pero semella que non foi posible.

A historia de Opportunity

Con todo, a pesar do inesperado final, desde a NASA están máis que satisfeitos cos servizos prestados polo vehículo. Porque en principio estaba previsto que a súa misión durase arredor de 90 días, e estivo activo durante 14 anos. E percorreu máis de 45 quilómetros cando se agardaba que só se desprazara uns 1.000 metros. O seu ‘xemelgo’ sobre Marte, o Spirit, tamén deixou de emitir sinais en 2010 despois de numerosos intentos por recuperar o contacto.

Aínda coa chegada a Marte da Curiosity, un proxecto máis avanzado que os anteriores, Opportunity seguiu recollendo datos e enviándoos á Terra. Entre outros fitos, atopou evidencias da presenza de auga, afloramentos de rochas e detectou diversos minerais. Percorreu máis de 45 quilómetros polo planeta e enviou máis de 200.000 imaxes. Co gallo do seu 11º aniversario de misión, a NASA publicou en 2015 un vídeo no que se resume o seu percorrido.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.