Recreación dos géyseres emerxendo da superficie de Europa. Fonte: NASA.
Recreación dos géyseres emerxendo da superficie de Europa. Fonte: NASA.

A NASA confirma a presenza de vapor de auga e posibles géyseres na lúa Europa

A investigación obtén a primeira evidencia directa mediante a medición das súas moléculas nun dos principais satélites de Xúpiter

Hai xa corenta anos, a nave Voyager tomou as primeiras imaxes con detalle de Europa, unha das 79 lúas do planeta Xúpiter. As fotografías amosaban unhas fendas dun cor pardo na superficie desta lúa, cuberta en parte de xeo, o que lle daba unha aparencia das veas dun globo ocular. Aquilo levou a afondar nas investigacións de posteriores misións, ante a posibilidade de que houbera algún tipo de vida nela. Agora, científicos da NASA veñen de confirmar a primeira medición de vapor de auga na superficie de Europa, que ás veces agroma en forma de géyseres cara ao exterior. Para conseguir estas medicións, o equipo do Centro de Voo Espacial Goddard da NASA usou os datos recollidos por un telescopio do observatorio W. M. Keck no cumio do volcán Mauna Kea, en Hawai.

O feito de confirmar a presenza de vapor de auga axudará a comprender mellor o funcionamento interno desta lúa. Entre outros aspectos, estes achados reforzan a idea de que hai un océano de auga líquida debaixo da capa de xeo en Europa, cunha cantidade de auga que posiblemente dobra á que hai na Terra debido a súa profundidade, calculada en ata 150 quilómetros (aínda que a lúa no seu conxunto só ten unha cuarta parte do diámetro do noso planeta).

Á esquerda, unha vista de Europa tomada desde 2,9 millóns de quilómetros (1,8 millóns de millas) o 2 de marzo de 1979 pola nave espacial Voyager 1. No centro, imaxe en cor de Europa tomada pola nave espacial Voyager 2 durante o seu pase próximo o 9 de xullo de 1979. Á dereita, vista de Europa composta a partir de imaxes tomadas pola nave espacial Galileo a fins da década de 1990. Fonte: NASA/JPL.
Á esquerda, unha vista de Europa tomada desde 2,9 millóns de quilómetros (1,8 millóns de millas) o 2 de marzo de 1979 pola nave espacial Voyager 1. No centro, imaxe en cor de Europa tomada pola nave espacial Voyager 2 durante o seu pase próximo o 9 de xullo de 1979. Á dereita, vista de Europa composta a partir de imaxes tomadas pola nave espacial Galileo a fins da década de 1990. Fonte: NASA/JPL.

Algúns científicos sospeitan que outra fonte para estes géyseres podería orixinarse en depósitos de auga derretida a pouca profundidade, non moi afastados da superficie de Europa. Tamén é posible que o forte efecto do campo de radiación de Xúpiter estea a afectar ás partículas de auga da capa de xeo de Europa, aínda que a recente investigación desbotou deste mecanismo como o orixe da auga observada.

“Determinados elementos químicos que son esenciais (como o carbono, hidróxeno, osíxeno, nitróxeno, fósforo e xofre) e fontes de enerxía, dous dos tres requisitos para a vida, atópanse en todo o sistema solar. Pero o terceiro, a auga líquida, é algo difícil de atopar máis aló da Terra”, di Lucas Paganini, un científico planetario da NASA que dirixiu a investigación de detección de auga en Europa. “Aínda que os científicos aínda non detectaron auga líquida directamente, atopamos a seguinte mellor opción: auga en forma de vapor”.

A revista Nature Astronomy publica os resultados da investigación, na que detectaron suficiente auga sobre a superficie de Europa (2.360 quilogramos por segundo) para encher unha piscina olímpica en cuestión de minutos. Con todo, os científicos tamén descubriron que a auga aparece con pouca frecuencia, polo menos en cantidades o suficientemente abundantes como para ser detectadas desde a Terra, dixo Paganini: “Para min, o interesante deste traballo non é só a primeira detección directa de auga sobre Europa, senón tamén a falta de deteccións dentro dos límites do noso método de medición”.

De feito, o equipo de Paganini detectou a débil pero distintiva sinal do vapor de augasó unha vez en 17 noites de observacións entre os anos 2016 e 2017. A través destas medicións co Observatorio Keck, os científicos detectaron vapor de auga no hemisferio de Europa que sempre está orientado na dirección de órbita ao redor de Xúpiter. Europa, como a Lúa da Terra, está gravitacionalmente axustada ao seu planeta anfitrión (Xúpiter), polo que un dos seus hemisferios, o hemisferio adiantado, sempre mira cara a adiante na dirección orbital, mentres que o chamado hemisferio atrasado sempre mira na dirección oposta.

Os científicos utilizaron un instrumento do Observatorio Keck chamado espectrógrafo, o cal pode medir a composición química das atmosferas planetarias a través da luz infravermella que estas emiten ou absorben. Moléculas como as de auga emiten frecuencias específicas de luz infravermella a medida que interactúan coa radiación solar que son detectadas por estes precisos instrumentos.

Os géyseres como evidencia de auga

Antes desta recente detección de vapor de auga, houbo máis achados fascinantes en Europa. Un dos primeiros proveu da nave espacial Galileo da NASA, que mediu perturbacións no campo magnético de Xúpiter preto de Europa mentres orbitaba este xigante planeta gaseoso entre 1995 e 2003. As medicións suxeriron aos científicos que un fluído condutor da electricidade, probablemente un océano salgado debaixo da capa de xeo de Europa, estaba a causar as perturbacións magnéticas. Cando os investigadores analizaronlas perturbacións magnéticas máis detidamente en 2018, atoparon evidencia de posibles géyseres.

Mentres, en 2013, científicos anunciaron que grazas ao Hubble puideron detectar hidróxeno e osíxeno, compoñentes da auga (H2O), en forma de géyseres na atmosfera de Europa. E uns anos máis tarde, outros científicos usaron Hubble para reunir máis evidencia de posibles erupcións cando tomaron fotos de proxeccións similares a trazos que apareceron no perfil de Europa mentres transitaba diante de Xúpiter.


Referencia: A measurement of water vapour amid a largely quiescent environment on Europa (Publicado en Nature Astronomy).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.