José Rivas e Jorge Mira xunto co resto de integrantes de Nanomag. Foto: Santi Alvite

Nanodispositivos que se camuflan para achegar remedios ás células

O proxecto Bow, que coordina o investigador José Rivas, da Universidade de Santiago, recibe 4,5 millóns de financiamento da UE

A camuflaxe de nanodispositivos superparamagnéticos para facelos pasar por vesículas extracelulares, ou o que é o mesmo, vehículos da comunicación intercelular entre órganos, é unha das metas do proxecto BOW ‘Biogenic Organotrophic Wetsuits’. Esta investigación na que toma parte a USC, acaba de ser financiada con 4,5 millóns de euros no marco do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea.

Baixo a coordinación de José Rivas, profesor emérito na Facultade de Física, o grupo de investigación Nanomag, pertencente ao Instituto de Materiais da USC, desenvolverá unha tecnoloxía que permita “vestir” cunha monocapa ou multicapa a estes nanocompostos de partículas magnéticas a escala nanométrica.

José Rivas é o responsable do proxecto BOW. Foto: Santi Alvite.

Deste xeito, agárdase dotar a dispositivos sintéticos cunha superficie de gran complexidade biolóxica que lles permita biomimetizarse, camuflarse do sistema inmune e dirixirse a dianas de interese como órganos ou tumores. Os científicos camuflan estes dispositivos cunha membrana fabricada a partir dunha vesícula  extracelular que dará forma á información contida no interior do nanodispositivo.

As vesículas extracelulares con tamaños nanométricos son a peza chave da comunicación intercelular entre órganos “feita polas células para as células” —sinalan os investigadores—, e que permiten o transporte de lípidos, proteínas e acedos nucleicos. Asemade, toman parte en procesos fisiolóxicos e participan nos mecanismos de propagación de diversas enfermidades, incluíndo cancro e infeccións. A investigación que acaba de botar a andar e que será desenvolvida por un consorcio internacional integrado por once socios de Italia, Alemaña, Irlanda, Suíza, Estonia, Chequia e España, supón un primeiro exemplo disruptivo de nanotecnoloxía bioxénica.

“O éxito desta tecnoloxía non incremental promoverá o progreso de nanodispositivos e nanomateriais implantables cara á produción sostible e a translación clínica, contribuíndo a fortalecer e manter a posición de liderado na biotecnoloxía europea e impactando a calidade de vida das persoas”, explica o profesor Rivas. Os obxectivos do proxecto consisten na produción de vesículas extracelulares con funcións biomiméticas e organotrópicas; a síntese e funcionalización de nanocompostos superparamagnéticos; así como o deseño dun dispositivo microfluídico para a fabricación simplificada de nanocompostos recubertos con membrana de vesícula extracelular. Neste senso, o profesor Rivas reivindica que “os nanomateriais e os nanodispositivos constitúen unha tecnoloxía fundamental para mellorar a medicina de precisión e os enfoques terapéuticos”.

Nos últimos cinco anos, este é o terceiro proxecto europeo do programa Horizonte 2020 que obtén o grupo de José Rivas, que ten en vigor un cuarto proxecto europeo máis doutro programa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.