Sábado 20 Abril 2024

O momento da morte pode adiviñarse dentro dos ollos?

Científicos galegos e portugueses desenvolven un método que permite determinar a data da morte mediante a análise do humor vítreo, peso e temperatura

O humor vítreo é ese líquido viscoso que sae do interior dun dos ollos dunha muller nunha das escenas máis célebres da historia do cinema, na curtametraxe Un can andaluz, de Luis Buñuel. Nesta substancia, que dá consistencia ao globo ocular, pode estar, segundo apuntan científicos das universidades de Santiago de Compostela e Coímbra, unha resposta precisa para establecer a hora aproximada do falecemento dunha persoa.

O artigo de investigación, publicado na revista Forensic Science International, propón un método “confiable” para estimar o intervalo postmortem (IPM) a través do estudo bioquímico do humor vítreo xunto con outras variable físicas. En concreto, segundo explica a toxicóloga Elena Lendoiro, investigadora do Instituto de Ciencias Forenses (INCIFOR) da universidade compostelá, mídense os niveis de hipoxantina (un dos produtos da degradación do ADN), o potasio e, nalgúns casos, a urea.

Publicidade

A liña de investigación do equipo galego remóntase, segundo explica o catedrático de Ciencias Forenses na USC José Ignacio Muñoz Barús, coordinador da investigación, a hai máis de 10 anos, cando xa publicaron outros traballos nos que apuntaban cara a este método como unha importante posibilidade na práctica forense. Agora, no marco da colaboración entre as universidades de Santiago e Coímbra, e dentro dos traballos da tese de doutoramento de Cristina Cordeiro, o equipo puido analizar máis de 330 cadáveres que sufriron unha morte con causa coñecida,  tanto natural como violenta, con autopsia completa e IPM tamén coñecido, para contrastar a eficacia deste método.

O método analiza os niveis de hipoxantina, potasio ou urea no humor vítreo dos ollos.
O método analiza os niveis de hipoxantina, potasio ou urea no humor vítreo dos ollos.

Segundo Muñoz Barús, este novo traballo afina moito máis a marxe de erro no estudo. “Neste tipo de investigacións, por razóns obvias, é difícil obter un número suficientemente grande de mostraxes, pero despois de moitos anos compilando datos, conseguimos a información suficiente para cuantificar e diminuír o posible marxe de erro”.

Na actualidade, sobre todo nos casos que requiren de investigación forense para determinar o momento da morte, o método máis habitual é a medición da temperatura rectal e o estudo dos fenómenos cadavéricos. Pero o traballo dos investigadores galegos e portugueses encamíñase cara á proposta dun novo método que poida establecer con máis exactitude a hora dun falecemento.

Con todo, Muñoz destaca que “determinar a hora da morte non consiste nunha ecuación sinxela, cunha resposta dun dato único; hai unha marxe de erro en cada caso, pero o bo é que agora podemos cuantificalo, e iso é moi importante para a investigación forense”. Os resultados do traballo son, ademais, “de aplicación directa”, segundo o profesor da USC, polo que se poderían usar directamente para resolver as dúbidas sobre o momento da morte dunha persoa. Na actualidade, organismos oficiais como os Institutos de Medicina Legal  xa utiliza a medición de potasio no humor vítreo dos ollos para determinar o intervalo da morte, pero esta nova proposta axudará, segundo os seus autores, a introducir a medición da hipoxantina ou a urea nestas análises. Ademais, tal e como destaca o investigador da USC, estas técnicas son menos complexas, e poden desenvolverse en laboratorios con equipamento básico, que xunto con a determinación da temperatura rectal e o peso melloran a precisión da estima.

“Ao contrario que outros fluídos, como o sangue ou os ouriños, o humor vítreo está máis protexido nos ollos dos procesos autolíticos e mecánicos que sofren os cadáveres, e por iso é unha ferramenta interesante”, engade Elena Lendoiro. Para obter mostras de calidade suficiente, explica a investigadora da USC, é precisa unha extracción adecuada do humor vítreo dos ollos e un pretratamento deste fluído viscoso. Posteriormente, mediante cromatografía líquida, separánse os diferentes elementos e mídense a través do seu peso molecular para ver as proporcións nas que se atopaban e, deste xeito, afinar a data do óbito da persoa.

Deste xeito, o novo traballo conclúe que é posible minimizar o erro a través do control das mostraxes, evitando así as posibles contaminacións que dificulten a obtención dos resultados.

Hai, porén, limitacións lóxicas: “Obviamente, cando comeza a putrefacción dos cadáveres, estas mostraxes do humor vítreo, como outros métodos como a temperatura rectal, deixan de ter valor”, conclúe o profesor Muñoz.


Referencia: A reliable method for estimating the postmortem interval from the biochemistry of the vitreous humor, temperature and body weight (Publicado en Forensic Science International).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopan microplásticos na dieta dos pingüíns da Antártida

Científicos portugueses, españois e británicos demostran a presenza de poliéster e polietileno nos excrementos destes animais polares

Caracterizan as pinturas prehistóricas de Penedo Gordo, en Vilardevós

Un equipo das universidades de Vigo e Coímbra publica na revista "Minerals" un artigo no que se describen as análises realizadas no xacemento

Existe realmente a morte por “causas naturais”?

Sempre hai unha razón biolóxica determinada detrás dun falecemento, aínda que a medicina e a lei establecen diversas clasificacións

Que pode (e que non) dicirnos o ADN sobre un delito?

Ángel Carracedo e Lourdes Prieto, da USC, participan nunha guía que aclara e desbota mitos sobre o papel da xenética nas ciencias forenses