Mapa orientado ao norte orbital, en paralelo á liña do amencer. Fonte: José María Martín Olalla.

Mapa orientado ao norte orbital, en paralelo á liña do amencer. Fonte: José María Martín Olalla.

Catro mitos sobre o cambio de hora en Galicia

Nin un sinal de apoio a Hitler, nin somos os únicos que nos deitamos de día, nin a liña do Sol é perpendicular aos meridianos

A enquisa que lanzou a Comisión Europea sobre o cambio de hora (manter os dous cambios anuais ou ficar na de inverno) volveu acender o debate sobre o fuso horario de Galicia e España. É certo que os nosos reloxos están desfasados respecto á luz solar? Vivimos peor por iso? Que acontece no resto de Europa? Existen posicións enfrontadas, con argumentos sólidos e contrastados, pero ás veces o debate cae en falacias ou en premisas incompletas. No 2016, a raíz dun encontro celebrado en Santiago, o Consello da Cultura Galega editou unha publicación na que se recollen os argumentos a favor e en contra desta posible modificación. Foi unha das primeiras neste senso, e unha obra necesaria para achegarse mellor ao asunto. Nela, desmontáronse algúns dos mitos e bulos que adoitan empregarse no debate:

Un acordo entre Franco e Hitler

É un bulo amplamente difundido: Franco, como unha das moitas mostras de apoio que tivo cara ao líder nazi, decidiu situar a España no fuso horario de Alemaña en troques do de Reino Unido. No capítulo do libro que o propio Jorge Mira coordinou, o catedrático da USC refírese a isto. “Descoñécese quen é o introdutor deste bulo, pero dado que non se atopa antes de 2008 referencia ningunha a el en Internet, posiblemente fose posto en circulación ese ano”, di Mira. A historia é máis ou menos así, segundo conta o científico da USC.

“España sufriu case unha decena de cambios de hora oficiais (as veces de xeito case caótico) a cargo tanto do bando republicano como do bando nacional. A hora de Berlín foi tan republicana como franquista. A II República desapareceu, de feito, baixo o fuso horario de Berlín.

Por se fose pouco, en contradicion co relato construído, cando Franco entrou en Madrid, Barcelona e Valencia, suprimiu nelas o horario de Berlín e pasou ao de Londres.

En marzo de 1940 realizouse un cambio ao horario de verán que, simplemente, non tivo volta atrás. Tal e como sinala Pere Planesas, “na práctica, supuxo un cambio permanente da hora oficial de Espana adoptando, sen dicilo e, posiblemente, sen planealo, a do fuso horario +1”. Ese suposto vínculo nazi do noso fuso simplemente non existe.

Nesa época Europa xa estaba inmersa na II Guerra Mundial, un período que viviu múltiples cambios de horas oficiais dos contendentes (sen ir máis lonxe, o Reino Unido chegou a estar instalado en UTC+2, 1 hora máis que España). Ao rematar a guerra, varios dos países que adoptaran o horario de Berlín mantivéronse nel. Un deles foi a Francia de Charles de Gaulle. Cinco anos despois, De Gaulle impulsaría a CECA, o xermolo do que hoxe é a UE, e posiblemente lle parecese unha boa medida empezar esa unidade polo fuso horario. Naquel momento Hitler e o réxime nazi xa non existían, así que se fai difícil soster un aliñamento con eles. España só seguiu a medida do seu veciño máis poderoso. Se alguén quere poñerlle apelidos ao actual fuso horario espanol, que diga que é gaullista e europeo.

E Portugal? “Ou Portugal está mal ou España está mal”. Que hai desa típica frase? Portugal quedou ancorado na hora británica, así que as súas marcas de referencia horaria non evolucionaron como as de España. Hoxe, cada país está adaptado ao seu fuso: a fronteira horaria é virtual. Se cando en España empeza o Telexornal das 21:00 vostede chama un amigo portugués, oirá de fondo a sintonía do Telejornal das 20:00″.

Para saber máis: http://personal.us.es/olalla/time/sgm.pdf

A Terra non é plana

A moi pouca xente se lle ocorre hoxe en día defender que a Terra é plana. Porén, á hora de debater o fuso horario, algúns argumentos reducen a xustificación de atrasar unha hora o reloxo en Galicia que “estamos na mesma lonxitude ca Portugal ou Reino Unido”.

Algo que non deixa de ser certo. Pero é unha afirmación incompleta. Como a maioría da xente defende, a Terra é unha esfera (lixeiramente aplanada nos polos, si), e o seu eixe de rotación está inclinado uns 23,5 graos. Esa é a causa das oscilacións das horas de luz ao longo do ano. Estas oscilacións son meirandes a medida que nos achegamos aos polos, mentres que no Ecuador apenas son perceptibles.

Fonte: José María Martín Olalla.

Fonte: José María Martín Olalla.

Por isto, se puideramos ver como acontecen os amenceres e os solpores, a liña de varrido non sería paralela á lonxitude; non é pararela ao meridiano de Greenwich que pasa pola península Ibérica; esta non deixa de ser unha liña artificial creada polo ser humano que non é representativa do comportamento natural do Sol e a Terra.

Atoparemos, entón, unha situación variable. No solsticio de inverno, non só amence máis tarde en Portugal e Reino Unido. Cando o Sol xa alumea en Italia, Austria ou Alemaña oriental, na península Ibérica aínda é de noite; pero tamén é noite en Estocolmo, Copenhague, Bruxelas, París ou Amsterdam.

Debido a que o Reino Unido está máis ao norte, a diferenza de horas de sol é maior do que en Santiago, e a de Santiago é maior ca de Lisboa. Algo que se pode comprender mellor cunha perspectiva lixeiramente distinta. Poñamos en vertical a liña do amencer en inverno, e fagamos unha pequena rotación do continente europeo, tal e como fai Martín Olalla.

Mapa orientado ao norte orbital, en paralelo á liña do amencer. Fonte: José María Martín Olalla.

Mapa orientado ao norte orbital, en paralelo á liña do amencer. Fonte: José María Martín Olalla.

Deitarse de día, erguerse de noite

Este mito é dos máis sinxelos de comprobar. Abonda cunha viaxe ao norte de Europa en datas próximas aos solsticios ou, se non é posible, mirando nunha cámara web calquera cidade de Escandinavia.

A queixa é habitual, sobre todo nos fogares con nenos pequenos, nos meses de maio e xuño, antes de que remate o curso. “É imposible deitalos de día”. Como fan, entón, nos países escandinavos? O 1 de xuño, por exemplo, o Sol ponse en Oslo ás 22.23 horas, 17 minutos despois que en Santiago. Pero hai un pequeno matiz. O Sol volve asomar en Santiago ás 6.58, mentres que en Oslo xa está saíndo ás 4.08, dúas horas e 50 minutos antes! E ademais, como en Noruega o astro rei apenas se agocha no horizonte, a noite non chega a ser pechada en ningún momento.

Se ficara todo o ano o horario de verán, o 21 de decembro en Galicia amencería ás 10 da mañá

E o contrario acontece no inverno. Ás veces é difícil erguer aos cativos (e a nós mesmos) cando aínda é de noite. O 21 de decembro, o Sol asoma en Santiago ás 9.02, 16 minutos antes que en Oslo. Pero tamén se oculta en Noruega ás 15.12, case tres horas antes ca en Santiago (18.03). E isto tamén ten que ver co mito dos nosos horarios das comidas e ceas.

Aquí está outro importante debate, a raíz da enquisa impulsada pola UE. Deixar o horario de verán durante todo o ano? Se fose así, o 21 de decembro, o Sol non sairía en Galicia ata as 10 da mañá. Sería isto asumible?

Comemos e ceamos tarde

Sábado pola mañá. Cruzamos o Miño para pasar o día en calquera nalgunha das fermosas vilas do norte de Portugal. Decidimos non cambiar a hora coa que saímos de Galicia. Despois dun agradable paseo, xa son as tres da tarde e comezamos a buscar un lugar no que xantar. Por unha cousa ou por outra, chegan as 16 horas no noso reloxo antes de que atopemos un restaurante. E cando chegamos, dinnos que a cociña xa está pechada. Algo que podería acontecer en Galicia. Pero resulta que en Portugal aínda son as 15 horas.

É só un exemplo de que o problema non é o reloxo, senón a nosa adaptación aos ciclos de luz e escuridade. O mesmo acontece coa hora da cea. “O reloxo cambia, a vida non“, é unha das frases que adoitan empregar expertos como José María Martín Olalla, investigador da Universidad de Sevilla que estudou en profundidade os pros e os contras do posible cambio de hora. Olalla é partidario de deixar as cousas como están. Na publicación editada polo Consello da Cultura Galega, defende que os galegos e os españois reaccionaron de xeito racional ao adianto do fuso horario, atrasando os seus horarios.

Nesta táboa pode comprenderse como a distancia das comidas e das ceas respecto ao ocaso é moi semellante nos diferentes países europeos, aínda que xantemos e ceemos a horas bastante distintas. Os nosos hábitos respecto do sol son moito máis parecidos do que poderiamos pensar:

Datos de referencia para a comida e a cea nos diferentes países. O cadro expresa de tres formas diferentes eses instantes: t é a hora oficial, t* é a hora estándar válida para comparar uns con outros (no caso de Francia, Bélxica e España corresponde á hora do meridiano de Londres) e a columna Δt é a distancia ao anoitecer invernal. Os datos están redondeados á decena do minuto máis próximo, agás o irlandés, que o está ao cuarto de hora. Os datos dos países sinalados cunha estrela obtivéronse da Enquisa de Uso do Tempo Harmonizada en Europa (Hetus 2005). Fonte: CCG.

Datos de referencia para a comida e a cea nos diferentes países. O cadro expresa de tres formas diferentes eses  instantes: t é a hora oficial, t* é a hora estándar válida para comparar uns con outros (no caso de Francia, Bélxica e España corresponde á hora do meridiano de Londres) e a columna Δt é a distancia ao anoitecer invernal. Os datos están redondeados á decena do minuto máis próximo, agás o irlandés, que o está ao cuarto denhora. Os datos dos países sinalados cunha estrela obtivéronse da Enquisa de Uso do Tempo Harmonizada en Europa (Hetus 2005). Fonte: CCG.

Para máis información, podes descargar aquí o libro É o noso fuso horario un problema?

2 respostas a “Catro mitos sobre o cambio de hora en Galicia”

  1. Rubén Díez Lázaro

    Primeiro: Caedes na falacia de botar contas segundo o Sol sae o se se pon. En realidade, a hora deteminase polo poso do Sol polo meridiano, non pola hora a que sae ou sepon, que é variable segundo a latitude, como vos mesmo decides. O paso polo meridiano depende só da lonxitude xeográfica.

    Segundo: “O reloxo cambia, a vida non”: penso que non interpretades ben esta afimación. Se un galego as 16:00 hora española non se atopa de xantar en Portugal (15:00), é precisamente porque tanto o galego como o portugués xantan A MESMA HORA: as 15:00 en España e as 14:00 en Portugal son A MESMA HORA). E decir, as 16:00 hora española é a mesma hora que as 15:00 portugesas, e é tarde para xantar porque tanto os galegos coma os portugueses xantamos A MESMA HORA (15:00 en horario español, 14:00 no portugués) . Logo ¿porqué “etiquetar” de forma diferente o instante que os bioritmos marcan coma “hora de xantar”??

    Terceiro: Caeis na falacia do “argumento de autoridad”.

    • Claroquesi

      Poco ha ido usted a Portugal, para saber que allí la hora de comer es entre 12:30 a 13:30 hora de Portugal. Luego pretenden los guiris españoles comer a la hora que le sale del higo.
      Para terminar, le gusta demasiado la palabra falacia. Se le ve el plumero.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.