Xoves 28 Marzo 2024

Minia Manteiga, primeira catedrática de Astrofísica galega

Cando era nena, Minia Manteiga Outeiro deitábase na herba, xunto á casa dos seus avós na aldea, a ver o ceo. “En Galicia tiñamos ceos moi escuros, podiamos ver a Vía Láctea, e como se ía movendo o firmamento co paso das horas; aquilo era un espectáculo. E eu pensaba: gustaríame moito entender isto”. A nena Minia hoxe é profesora da Universidade da Coruña e traballa coa Axencia Espacial Europea no proxecto Gaia, facendo o mapa da Vía Láctea que contemplaba abraiada desde un herbal na aldea dos seus avós. E ademais, acaba de converterse na primeira muller catedrática de Astrofísica de Galicia.

É, para Minia Manteiga, “un colofón á carreira, pero cun regusto algo amargo, porque levaba seis anos acreditada e non puido seguir adiante o proceso porque en 2012 conxelouse a oferta pública e quedamos sen posibilidade de promoción”. Porén, por fin chegou o nomeamento, polo que recibiu numerosas felicitacións de compañeiros. “Pertenzo a unha promoción de Física da USC que tivo a sorte de quedar na universidade a ensinar e a investigar, e todos se alegraron moito cando o souberon”.

Publicidade

Tras estudar Física en Santiago, Minia Manteiga especializouse en Astrofísica en Canarias

Cando vía aqueles ceos de nena, Minia lembra que a Astrofísica parecíalle “algo moi complicado, que esixía moito, e ao alcance de moi poucos. Logo vin que o que se precisa é vocación; tes que ser unha persoa interesada polo avance da ciencia e o coñecemento, pero precisas un nivel de abstracción grande, con capacidade para entender conceptos moi teóricos, e tes que ser consciente de que non vas ver aplicacións directas no teu traballo ou na sociedade que che rodea”.

A vocación e a paixón pola astronomía estaba aí, así que decidiu estudar Física, e a cousa non foi mal. “Ao rematar 3º, tiña boas notas e pensei: ‘Pois ao mellor non era tan difícil, non?’ E alí deu un dos primeiros pasos cara a astrofísica, grazas a Ruth Carballo, unha compañeira que hoxe traballa tamén no proxecto Gaia desde a Universidad de Cantabria. “En Santiago só podiamos facer a especialización en física electrónica ou física fundamental, e Ruth marchara a Canarias a estudar Astrofísica, xusto estaban empezando a traballar cos grandes telescopios do Roque de los Muchachos e o Teide. Ela estaba moi contenta coa experiencia, e pensei en ir eu tamén. Faleino cos meus pais, que fixeron un esforzo importante, e puiden marchar alí”.

Despois de estancias en Italia e no INTA, en Madrid, Minia obtivo unha praza en Vigo, e despois na Coruña

Comezou así unha etapa de case seis anos, na que realizou a tese de doutoramento e traballou nun entorno que era “un luxo enorme; aproveitamos moi ben aqueles anos”.

Chegou despois unha estancia en Frascati, preto de Roma, cunha bolsa do Ministerio de Educación e Ciencia, e outra etapa no Instituto de Técnica Aeroespacial (INTA) de Madrid. Ata que apareceu a oportunidade de regresar a Galicia.

“Sería sobre o ano 1993 ou 1994, cando me avisaron de que buscaban doutores en Física para Ciencias do Mar en Vigo. Non estaba especializada en oceanografía, pero é certo que a astrofísica comparte bastantes cousas coa meteoroloxía e a oceanografía (ecuacións, leis físicas…) e vin que se o preparaba, podía conseguir praza”. Así regresou Minia Manteiga a Galicia, e pouco despois xurdiu a oportunidade de entrar na Escola de Náutica da Coruña, onde traballa desde entón como profesora no departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña.

Compaxina, por tanto, a docencia no eido náutico e meteorolóxico, coa investigación en astrofísica. “É unha tarefa algo bipolar, sobre todo con Gaia, que é o que máis esixe; hai que cambiar o ‘chip’, pero ben, que con ganas e gusto unha pode facer máis do que pensa”.

O proxecto Gaia

Equipo da UDC que participa no proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea.
Equipo da UDC que participa no proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea.

En 2004, unha reunión en Santiago abriu a porta a participar nunha das misións máis ambiciosas da Axencia Espacial Europea, o proxecto Gaia, que pretende realizar un mapa da Vía Láctea. “Eu seguía traballando con compañeiros do Instituto de Astrofísica de Canarias, e nalgúns traballos precisabamos sistemas de computación para almacenar toda a información que recollíamos. Así que, colaborando coa Facultade de Informática da UDC, comezamos a traballar en sistemas que utilizaban redes neuronais artificiais”.

Foi nunha xornada celebrada no Cesga, sobre técnicas avanzadas de computación, na que participou un equipo de investigación catalán que traballaba en Gaia, cando se empezaron a tecer as relacións. “Falando con eles, dixeron que se precisaban expertos en redes neuronais artificiais para procesar todos os datos recollidos polo proxecto”.

O equipo galego meteuse no proxecto, e conseguiu facerse un importante oco.Xunto a outros expertos como Carlos Dafonte, Marco Antonio Álvarez González e Daniel Garabato Míguez, enxeñeiros informáticos do departamento de Computación da Universidade da Coruña, e as astrofísicas Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e a propia Ruth Carballo, da Universidad de Cantabria, Minia Manteiga sinala que “fomos medrando en tamaño e responsabilidade”.

O equipo galego de Gaia terá a responsabilidade de contrastar e validar os datos recollidos sobre as estrelas

No terceiro catálogo de Gaia, que se vai presentar en 2022, este grupo será o encargado de validar e contrastar os datos recollidos. “Cando obtemos a información, ás veces a sinal é bastante difusa, e hai que revisar moi ben todos os datos para non publicar erros”.

O proxecto Gaia, segundo explica Manteiga, vai ser un gran paso no coñecemento da nosa galaxia. “Por primeira vez poderemos ver en tres dimensións un conxunto enorme de estrelas da Vía Láctea, comprobar os seus movementos e brillos reais. E iso é fundamental para coñecer canta enerxía están emitindo, así que as teorías dos modelos físicos sobre cómo funcionan as diferentes clases de estrelas vanse poder comprobar grazas a Gaia”.

Alén disto, o proxecto no que participa este equipo galego vai ofrecer novos datos sobre a vida das galaxias: “A Vía Láctea, durante o seu tempo de evolución, foi anexionando outras galaxias máis pequenas, e por iso hai estrelas anómalas dentro dela, que proceden destes choques con outras galaxias. Isto vainos axudar a entender porque observamos galaxias con formas e tamaños tan diversos, e en definitiva, a entender mellor o contexto da nosa propia galaxia no Universo“.

1 comentario

  1. Mi sorpresa al ver este artículo, donde da razón de Minia, de la cual guardo un grato recuerdo de su paso por el l colegio. Ana Parga y yo estaríamos encantadas de poder contactar con ella.
    Un saludo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente