Martes 19 Marzo 2024

Miguel Ángel Ríos: “Batuecas foi a maior autoridade sobre pesos atómicos”

O expresidente da Academia de Ciencias foi alumno do Científico Galego do Ano 2019 no curso 1959-60 nos seus estudos de Química en Santiago

No curso 1959-60, un mozo chamado Miguel Ángel Ríos asistía ao 1º curso da carreira de Química en Santiago de Compostela. Alí recibiu as leccións de Tomás Batuecas Marugán, o que vai ser o Científico Galego do Ano 2019. Sesenta anos despois daquel primeiro encontro, Ríos, hoxe catedrático emérito da USC e presidente ata hai poucas semanas da Real Academia Galega de Ciencias, lembra ao seu profesor, homenaxeado por unha razón “lóxica, xa que Tomás Batuecas tiña que recibir este recoñecemento, e que mellor que facelo no Ano Internacional da Táboa Periódica”, salienta o expresidente da RAGC.

– Que lle debe a ciencia galega a Tomás Batuecas?

Publicidade

– Ten moito que agradecerlle. O primeiro, que permanecese aquí, desde que chegou como primeiro catedrático de Química Física en España, ata a súa morte. Era habitual que Santiago fose un sitio de tránsito, temporal. A xente sacaba a cátedra, botaba un tempo e logo marchaba a outros sitios que lles interesaban máis.

E Tomás Batuecas non o fixo: tivo todas as oportunidades posibles para marchar, porque era unha referencia. Pero escolleu desenvolver a carreira aquí. E non só iso. Ademais de traballar aquí, conseguiu ser un científico moi relevante no seu tempo. Acadou fama internacional, presidindo a Comisión Internacional de Pesos Atómicos, e fíxoo nun lugar no que estaba case todo por facer. Viña de traballar en Madrid e en Xenebra, e en Santiago non había escola, nin docentes, nin laboratorios, e iso foi o que máis lle preocupou: poñer en marcha as instalacións necesarias para impulsar a disciplina. Era, como moitas persoas naquel tempo, que podía facer moito con poucos medios.

– E naceu así unha disciplina en Santiago que segue dando froitos.

– El viuse moi acollido a nivel humano, e por iso quedou, pero tamén a nivel científico. Tivo unha rede de colaboradores e alumnos moi notables cos que se puxo en marcha e formou a moitas xeracións. A Química Física é unha disciplina clave, porque a química, no fondo, é física, e soubo aproveitar moi ben o feito de ter a primeira cátedra de España. Eu tiven a sorte de ser alumno del no curso 1959-1960, explicoume Química Física no 1º curso de carreira, e en máis materias antes de que se xubilara.

Tomás Batuecas, Científico Galego do Ano 2019

– Como o lembra nas aulas?

– Lembro que as clases eran no edificio antigo, onde hoxe está Xeografía e Historia, e que me impactou moito, porque viña ás clases cunha bata blanca e acompañado por dous axudantes, e sabiamos que era unha persoa moi respectada. Pero ao mesmo tempo era un pracer escoitalo, porque ao ser alguén moi preparado, iso ao ensinar aos alumnos nótase.

Aínda me lembro como facía os exames, que eran orais, e quería que razoásemos as nosas respostas, non lle gustaba a memorística. Preguntoume como podía facer para obter magnesio a partir dos minerais da natureza.

Transmitía a química moi vivamente, e iso que estaba xa a piques de xubilarse, pero notábase a súa paixón. E non hai que esquecer que tiña unha gran relevancia internacional: era unha voz escoitada, e amigo de dous premios Nobel (Linus Pauling e Louis de Broglhie).

– Como foi  o seu papel na toma do carbono-12 como referencia?

– Foi unha decisión clave, que ata o momento permanece, e posiblemente siga así durante moito tempo. E el presidía a Comisión que así o decidiu. As masas atómicas son un dato de referencia, porque cando se empezou a formar a táboa periódica os elementos colocábanse en función dela, e tamén porque é un elemento fundamental para traballar en Química.

Era importante ter unha escala, e empezouse co hidróxeno. Pero apareceron problemas, porque había elementos que non se combinaban con el, e houbo que buscar a alternativa do osíxeno para estas excepcións. Logo chegou o momento no que esa escala tamén xeraba problemas, porque había que facer dous pasos e acumulábanse erros, e foi cando se pasou a utilizar como referencia o osíxeno-16.

“Foi un gran mérito chegar á presidencia da Comisión Internacional de Pesos e Medidas desde Santiago”

Porén, era unha escala química. E coa radiactividade descubriuse que a maioría dos elementos químicos teñen isótopos: átomos iguales químicamente, pero que teñen pesos atómicos lixeiramente diferentes porque teñen máis ou menos neutróns no núcleo. E o que acontece na natureza é que a masa atómica medida nun sitio pode non ser a mesma ca noutro.

Cando xurdiu a escala física, había que aplicar factores de conversión, cambiar de unha para a outra, e era un lío. E de aí xurdiu a proposta do carbono-12, que se aprobou con Tomás Batuecas dirixindo a Comisión Internacional de Pesos Atómicos, nunha reunión que houbo en 1961. A frase que todos os estudantes de Química coñecen: “a unidade de masa atómica é a doceava parte da masa do isótopo 12 do carbono”.

– Unha evidencia do seu prestixio.

– El era un experto internacional, sen dúbida, con autoridade e criterio propio, e sendo presidente da Comisión de Pesos Atómicos, levou a cabo a iniciativa, e hai que recoñecerllo. Foi un gran mérito chegar á presidencia desta entidade desde Santiago, porque era naquel momento a maior autoridade internacional na materia.

E iso temos que amosalo en Galicia. Se preguntamos pola rúa, moi pouca xente sabe quen foi. E temos que traballar neste aspecto da cultura científica, que á sociedade galega lle soe este nome; non pode ser que se coñeza por aí adiante, e non aquí, que o tivemos entre nós. E tamén para que sirva de exemplo: foi un extraordinario investigador, un magnífico profesor, e un home honesto.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha placa rende homenaxe a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

Está situada no Parque das Ciencias, onde a Academia fixo honores anteriormente a outras personalidades da nosa comunidade

A RAGC homenaxea cunha placa a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

O acto terá lugar o vindeiro luns no Parque das Ciencias ás 12:30 horas, ao que asistirá a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Estas son as substancias químicas que nos engordan e si, están por todas partes

Certos compostos dos envases, cosméticos, deterxentes ou dos propios alimentos poden ter un papel no aumento do sobrepeso e da obesidade na poboación