Sábado 20 Abril 2024

Un método para identificar e eliminar contaminantes emerxentes en augas naturais

A científica Rocío Facorro desenvolveu na USC unha tese na que propón técnicas para eliminar funxicidas e filtros UV

A investigadora Rocío Facorro Souto presentou recentemente na súa tese de doutoramento unha proposta con novas metodoloxías analíticas para a identificación e cuantificación de contaminantes emerxentes, como os filtros UV ou certos funxicidas, en augas, así como a súa eliminación mediante procesos de fotólise. A investigación desenvolveuse no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), baixo a dirección da profesora da USC e investigadora de CRETUS María Llompart Vizoso e do investigador Thierry Dagnac.

Os filtros UV, así como determinados funxicidas, empréganse de forma masiva en áreas preto de corpos de augas naturais. Como explica Rocío Facorro existe, por tanto, o risco de que estas substancias se incorporen ao ciclo da auga de forma directa ou indirecta (a través das plantas de tratamento de augas residuais) e poidan tamén sufrir procesos de transformación, dando lugar a produtos de degradación potencialmente perigosos que cómpre vixiar.

Publicidade

Os resultados do traballo desenvolvido nesta tese presentan propostas de eliminación de funxicidas e filtros UV en mostras de auga respectuosas co medio ambiente e de aplicación factible a unha maior escala, aclara a investigadora. O traballo demostrou a capacidade destas metodoloxías para a eliminación incluso dos compostos máis persistentes en mostras con alta concentración de materia orgánica. Concretamente, o traballo utilizou procesos de fotólise directa con radiación UVA e UVC, así como métodos avanzados de oxidación como a catálise con H2O2, e a fotocatálise heteroxénea empregando nanopartículas de TiO2. Neste caso empregouse un fotorreactor de mediana escala no que se incorporaron nanopartículas P25-TiO2 inmobilizadas nunhas estruturas monolíticas de acetato de celulosa.

Como explica a doutora Facorro, tamén se probou a utilidade da técnica avanzada de espectrometría de masas de alta resolución para a identificación, cuantificación e monitorización tanto dos precursores como dos seus posibles produtos de degradación. En canto á parte de seguridade alimentaria, a tese desenvolve unha metodoloxía para a determinación de micotoxinas de distintos xéneros en matrices complexas, presentando como novidade a análise simultánea de 26 compostos, cando o habitual é un número reducido de micotoxinas do mesmo xénero.

A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións en revistas internacionais de impacto no ámbito da química analítica (Analytica Chimica Acta, Journal of Chromatography A, Toxins) e presentados en diversos congresos de ámbito internacional. O tribunal encargado de avaliar o traballo acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaliente cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Un equipo da USC descobre un novo factor que altera o ciclo do carbono

O estudo realizado polos galegos Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas podería ser de utilidade na loita contra o cambio climático

Polbos, chocos e luras: pezas clave para garantir a seguridade alimentaria

Científicos da USC expoñen os vínculos entre os ecosistemas, as políticas e o benestar humano para fomentar un sistema alimentario de cefalópodos máis sostible

A Academia de Ciencias premia un estudo galego que foi portada da prestixiosa revista ‘Science’

O outro proxecto galardoado, tamén da USC, é un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles