Xoves 18 Abril 2024

A metade das científicas cre que ser muller dificulta a súa carreira

Un informe da Fundación Cotec constata as distintas percepcións entre homes e mulleres en canto á igualdade na investigación

As mulleres e os homes que investigan en España perciben de xeito moi distinto a desigualdade de xénero na súa contorna laboral. Así, mentres que o 46% das investigadoras, case a metade, pensa que ser muller afecta negativamente á súa carreira profesional, tan só o 10% dos seus compañeiros percibe que ser muller supón unha desvantaxe. O resultado pertence ao Informe CERU de Igualdade de Xénero en Investigación, realizado pola Sociedade de Científicos Españois no Reino Unido (CERU), cuxos resultados foron presentados este luns na sede da Fundación Cotec para a innovación.

Nun tema clave para a igualdade de xénero, como é a conciliación, aparecen tamén diferenzas importantes. O 60% das mulleres cre que o permiso de maternidade ten efectos negativos na súa carreira, unha percepción que só ten un 33% dos homes respecto ao permiso de paternidade. Concorda co feito de que gozaron algunha vez deste tipo de permisos a metade de homes que de mulleres (52% fronte a 27%).

Publicidade

O informe reflicte ademais que o 79% dos homes séntese tratado de maneira igualitaria no seu lugar de traballo, unha igualdade que só percibe o 55% das mulleres. Pola contra, o 70% das mulleres pensa que as investigadoras non ocupan suficientes postos de liderado en España, fronte a un 53% dos homes que opina o mesmo.

As carreiras tronzadas das nais científicas

Para realizar o informe enviouse un cuestionario a investigadores de 63 institucións españolas, incluídas universidades públicas e privadas, así como institutos públicos de investigación. Contestaron 1.295 investigadores (o 64% deles, mulleres), que representan todas as etapas da carreira investigadora, desde estudantes ata líderes de grupo establecidos. Entre os consultados cóntase cunha mostra de todas as áreas de investigación, incluídas as ciencias biolóxicas, tecnoloxía, enxeñería, matemáticas, medicina, artes, humanidades, ciencias sociais, negocios ou dereito.

Outros datos significativos que expón o estudo de CERU son que as investigadoras senten menos apoio dos seus compañeiros e compañeiras de traballo que os homes (51% fronte a 64%), pensan en maior proporción que o seu traballo non é valorado na súa contorna (22% fronte a 15%), senten menos animadas a solicitar un ascenso (51% fronte a 61%) e mesmo perciben en maior medida que son desanimadas de maneira activa a tentalo (22% fronte a 14%).

Resulta, por último, significativo que só un 40% do total de enquisados, homes e mulleres, cre que os departamentos están comprometidos coa igualdade de xénero.

O Informe CERU busca proporcionar evidencia clara e significativa de que homes e mulleres teñen unha comprensión diferente da fenda de xénero na academia, así como animar a aplicar medidas que garantan que tanto homes como mulleres sexan conscientes das diferentes percepcións que existen sobre xénero no seu lugar de traballo.

Estudos previos demostraron que hai desigualdade de xénero na investigación e que a desigualdade se fai máis patente a medida que se chega a posicións de maior responsabilidade. Con todo, ata a data non se avaliaron as experiencias, expectativas e percepcións que os investigadores teñen sobre a igualdade de xénero nas institucións españolas.

A enquisa de CERU traslada a España a iniciativa impulsada en Reino Unido por institucións como a Royal Society, a Royal Academy of Engineering, a Royal Society of Biology ou a Academy of Medical Sciences que, a través do Equality Champion Unit ( ECU), recompila de maneira periódica datos sobre percepción e experiencia de xénero entre os investigadores en Reino Unido. Esta información reúnese no último informe da British Athena Survey of Science, Engineering and Technology ( ASSET) 2016.


Podes consultar aquí (PDF) o Informe sobre igualdade de xénero na investigación en España 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia