Xoves 25 Abril 2024

Atopan un mecanismo de ataque da bacteria que provoca a perda de millóns de dentes

Un equipo do CSIC describe un elemento clave do sistema de secreción dos factores de virulencia da Porphyromonas gingivalis, causante da periodontite

A bacteria Porphyromonas gingivalis é unha das máis de 6.000 millóns de bacterias, pertencentes a máis de 770 especies, que compoñen o microbioma da nosa boca. A meirande parte destes microorganismos son comensais ou mutualistas e contribúen ao mantemento da homeostase a boa saúde oral. Porén, nalgúns casos, unha dieta inadecuada e unha hixiene insuficiente poden conducir a alteracións na composición do microbioma e ao crecemento desmesurado de especies patoxénicas e oportunistas, como a P. gingivalis, unha das causantes da periodontite, que nos casos máis graves causa unha inflamación crónica e a destrución do tecido das enxivas e, consecuentemente, a perda de dentes. 

Agora, un equipo liderado por científicos do Instituto de Bioloxía Molecular de Barcelona  (IBMB-CSIC) descifrou un mecanismo de ataque da principal bacteria causante da periodontite grave, unha enfermidade que afecta as enxivas. O estudo, publicado na revista PNAS, podería servir para o desenvolvemento de antisépticos bucais específicos que consigan acabar con esta bacteria.

Publicidade

O achado podería servir para o desenvolvemento de antisépticos bucais específicos que consigan acabar con esta bacteria

Estímase que entre o 5% e o 20% dos adultos e ata o 40% dos anciáns en Europa padecen periodontite, segundo cifras da OMS, e que preto dun 30% da poboación europea de entre 65 e 74 anos perdeu todos os dentes por esta causa. É, por tanto, un relevante problema de saúde pública, que supón un gasto moi importante de cartos en tratamentos para moitas persoas.

Os investigadores do centro catalán descubriron un elemento clave do sistema de secreción dos factores de virulencia da bacteria P. gingivalis. Esta bacteria ten un sistema de secreción (denominado T9 SS) para enviar proteínas (coñecidas en linguaxe científica como proteínas de cargo) ao medio que a rodea, o tecido das enxivas que protexe os dentes.

Estrutura tridimensional de algúns dos sete dominios da proteína PorU presente na "P. gingivalis". Foto: IBMB-CSIC.
Estrutura tridimensional de algúns dos sete dominios da proteína PorU presente na “P. gingivalis”. Foto: IBMB-CSIC.

Estas proteínas producidas por P. gingivalis participan na virulencia das bacterias, a inflamación das enxivas e a destrución de tecido e, en última instancia, na perda de dentes en caso de periodontite grave. O sistema de secreción estudado polos científicos, o T9 SS, ten un encima clave, denominada PorU, que executa dous pasos esenciais para que as proteínas cargos poidan ser segregadas de forma proveitosa para a bacteria.

En colaboración coa Universidade Jaguelónica de Cracovia (Polonia), a Universidade de Tesalia (Grecia) e a Universidade de Louisville (Estados Unidos), os científicos do Departamento de Bioloxía Estrutural do IBMB-CSIC conseguiron resolver a estrutura da encima PorU e desvelaron o seu mecanismo de actuación.

Francesc Xavier Gomis-Rüth, investigador do IBMB-CSIC e un dos líderes do traballo, explica: “Puidemos determinar que unha estratexia de dimerización, un tipo de reacción química, da encima PorU proteína é a responsable de regular a súa actividade, reprimíndoa ata que chega á membrana exterior da bacteria, onde se asocia a un complexo de ensamblaxe que permite a secreción das proteínas cargos”.

Dado que a encima PorU só se atopa en especies bacterianas, o coñecemento da súa estrutura e función podería servir para o desenvolvemento de antisépticos bucais específicos contra a bacteria implicada na periodontite e, por tanto, no tratamento da enfermidade.


ReferenciaIntermolecular latency regulates the essential C-terminal signal peptidase and sortase of the Porphyromonas gingivalis type-IX secretion system (Publicado en PNAS).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte