César de la Fuente.
César de la Fuente.

Un material que pode converter superficies en antibióticos contra as superbacterias

O científico galego César de la Fuente lidera unha investigación para combater a resistencia bacteriana en catéteres e outras superficies

A resistencia crecente das bacterias aos antibióticos é unha “pandemia silenciosa”, en palabras de César de la Fuente Núñez (A Coruña, 1986), profesor da Universidade de Pennsylvania e líder do grupo Machine Biology. O seu equipo une a potencia dos computadores e o deseño de novos materiais coa bioloxía para estudiar, detectar e tratar doenzas infecciosas. Un dos seus desafíos é, por tanto, dar resposta ao problema das superbacterias. Cada vez é máis frecuente nos hospitais que xurdan patóxenos fronte aos que ningún antibiótico é capaz de responder. As bacterias evolucionaron para conseguir esquivar, nalgúns casos, os avances destes fármacos. Fronte a isto, a ciencia procura novas estratexias.

De la Fuente e o seu equipo desenvolveron nos últimos anos estudos nos que demostraron, por exemplo, que o veleno dunha especie de avespa asiática contén compostos que poden ser usados como antibióticos. E agora, nun novo traballo, publicado na revista ACS Nano, describen un material que, de seu, é un antibiótico co que se poden cubrir superficies nas que existe risco de que medren estes patóxenos.

O equipo dun científico galego converte un veleno de avespa nun antibiótico

“Podería usarse para recubrir materiais médicos, como mesas cirúrxicas, e tamén superficies de alto contacto, como teclados de ordenadores, pantallas táctiles, etc.”, explica De la Fuente. As análises realizadas atoparon unha “potente actividade antimicrobiana” deste material contra bacterias cmo Acinetobacter baumanni, Salmonella enterica e Escherichia coli, alterando a membrana exterior e non seleccionando resistencias bacterianas.

As bacterias superresistentes están a ofrecer problemas crecentes nalgunhas disciplinas médicas. Por exemplo, nos catéteres usados para exploracións dentro do corpo. “En Estados Unidos, os catéteres infectados con bacterias causan unhas 13000 mortes cada ano“, apunta o científico coruñés. “En xeral, estímase que as superbacterias van matar 10 millóns de persoas cada ano en 2050; é preciso desenvolver novas estratexias para combatelas e este novo estudio represente isto mesmo”, engade. O custo desta pandemia silenciosa será tamén elevadísimo, de arredor de 100 billóns de dólares.

Tal e como se expón neste novo artigo, arredor do 80% das infeccións bacterianas están causadas por biofilms, ou biopelículas, é dicir, comunidades de bacterias que colonizan superficies e desenvolven unha estrutura tridimensional, en forma de capa, que medra en cuestión de horas e amosan unha especial resistencia a fármacos antibióticos.

O material ideado polo equipo de César de la Fuente, baseado en líquido iónico, ten un baixo custo e é fácil de fabricar, o que facilitaría o seu uso en ambientes clínicos e industriais. “Pensamos que estes bos resultados teñen que ver coas propiedades peculiares dos materiais que deseñamos. Durante 20 días de exposición continua a estes materiais, as bacterias non desenvolveron resistencias; é un dato revelador que que nos anima a crear máis materiais deste tipo”, conclúe.

Durante a súa traxectoria, o investigador coruñés recibiu xa importantes recoñecementos, como o premio Langer ou o galardón ao mellor investigador novo por parte da American Chemical Society, ademais de entidades como o MIT, a Harvard Medical School, a Sociedade Americana de Microbioloxía, a Fundación Ramón Areces ou la Caixa. César de la Fuente é licenciado en Biotecnoloxía pola Universidad de León e realizou o seu doutoramento no laboratorio do doutor Robert Hancock, na Universidade de British Columbia, en Vancouver Canadá), onde se especializou no descubrimento de novas terapias para o o tratamento das infeccións bacterianas.


Referencia: Coatable and Resistance-Proof Ionic Liquid for Pathogen Eradication (Publicado en ACS Nano).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.