Un dos pasos a nivel da vía do tren na parroquia de Parga, onde se desenvolveu o proxecto da USC. Foto: Google Street View.
Un dos pasos a nivel da vía do tren na parroquia de Parga, onde se desenvolveu o proxecto da USC. Foto: Google Street View.

Cando as matemáticas poden unir unha parroquia

Un equipo da USC presenta a vindeira semana nun congreso internacional en Santiago os avances no deseño dun desvío ferroviario en Parga (Gutiriz)

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas, acollerá a próxima semana, os días 22, 23 e 24 de xullo vai celebrar o primeiro congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019). Un encontro internacional no que se darán a coñecer avances significativos no campo da Matemática Industrial. Uns avances entre os que hai casos galegos, que poden contribuír directamente a mellorar a vida dos cidadáns. Así, como experiencia de éxito presentarase o proxecto de deseño óptimo dun desvío ferroviario en Parga (parroquia do municipio lucense de Guitiriz), desenvolto por investigadores da Universidade de Santiago, dos Departamentos de Matemática Aplicada e de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo.

Este equipo traballa desde hai varios anos nunha liña de investigación centrada na optimización do deseño de estradas e vías férreas aplicando as matemáticas. Buscan o traxecto óptimo entre dous puntos, minimizando custos de tipo económico, de construción (movemento de terras, pavimentación, mantemento…) e ambientais. E, ao mesmo tempo, teñen en conta outro tipo de aspectos como que a nova vía non atravese poboacións, que se eviten edificios… En relación a esta liña de investigación, publicaron varios artigos, en particular na revista Cacaie, a publicación máis importante no campo da enxeñería civil.

O caso da parroquia de Parga

Un dos investigadores do equipo é Miguel Vázquez-Méndez. Explica que a liña ferroviaria no noroeste de España discorre a través de moitas vilas e aldeas, “o que xera un alto risco de accidentes pola existencia de moitos pasos a nivel”. Para paliar este problema, nos últimos anos ADIF realizou numerosas accións, que na súa maioría consisten en pechar a vía do tren e substituír os pasos a nivel por pontes ou pasos subterráneos que permiten o tránsito de vehículos e peóns. Con todo, “estas accións poden afectar negativamente a algúns aspectos importantes do territorio desde o punto de vista económico, ambiental, social…”, explica Vázquez.

Este é o caso da parroquia de Parga, onde os veciños crearon a plataforma Parga non se divide para buscar alternativas ao proxecto de ADIF, que pretende suprimir os pasos a nivel coa construción dun paso subterráneo para vehículos. Fronte a esta proposta, solicitan un desvío ferroviario que bordee a área urbana, sacando a vía do pobo para non dividilo en dous. Así, a plataforma veciñal encargoulle un estudo a este equipo da Universidade de Santiago. Os investigadores deseñaron “unha variante ferroviaria que cumpre coas normas técnicas e é óptima desde o punto de vista económico”. Utilizáronse as matemáticas como ferramenta para obter este trazado alternativo, que consideran viable.

Miguel Vázquez-Méndez explica: “Trátase de cambiar o trazado da vía nunha determinada zona para evitar o núcleo da parroquia. Escollemos dúas zonas do trazado da vía, un curvo e outro recto, e buscamos un novo trazado que conecte correctamente co actual; que sexa óptimo en termos económicos e que se adapte ben ao terreo, cunha lonxitude mínima e un movemento de terras tamén mínimo, evitando pasos a nivel e cruzando as estradas por arriba ou por abaixo”.

O congreso CMTI

A directora de ITMATI é Peregrina Quintela Estévez, catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago, ademais de impulsora e presidenta da Rede Española Matemática-Industria. Destaca que “as Matemáticas son moi transversais e teñen aplicación en todos os campos da vida”. Indica que no transcurso deste encontro presentaranse resultados logrados en sectores tan diversos como o da automoción, biomedicina, enerxía e medio ambiente, loxística, big data ou no campo da intelixencia artificial, entre outros.

Así, durante o evento mostraranse unha serie de aplicacións das Matemáticas que conseguiron mellorar certos procesos na industria. É o caso dun modelo de amortecemento dos sistemas de freado para evitar que renxan; o deseño da fabricación centralizada e distribuída de biomasa; a planificación, realización e control eficientes do fluxo de pacientes, materiais e información no sector sanitario; ou a obtención en tempo real de estimacións fiables das posicións, velocidades ou aceleracións de vehículos como trens, coches ou mesmo avións non tripulados -entre outras moitas aplicacións-.

O congreso conta co apoio da European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería de Educació, da Xunta de Galicia, a Rede Estratéxica en Matemáticas ( REM) e a Enterprise Europe Network -a principal rede que brinda internacionalización e innovación ás empresas no ámbito europeo-.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.