Martes 19 Marzo 2024

Dous millóns para transformar o metano en fármacos ou combustibles

O investigador do CiQUS de Santiago Martín Fañanás é un dos beneficiarios da prestixiosa convocatoria Consolidator Grant da Unión Europea

O científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) Martín Fañanás Mistral é un dos seleccionados pola prestixiosa convocatoria Consolidator Grants do Consello Europeo de Investigación (ERC). Fañanás recibirá case dous millons de euros para desenvolver unha nova tecnoloxía que permita transformar o gas metano en produtos de alto valor engadido, como fármacos ou biocombustibles.

“O metano é o hidrocarburo máis simple e é o maior compoñente do gas natural. Debido aos altos niveis deste gas no noso planeta −de feito, prevese que nos próximos anos se converta na materia prima máis abundante− existe un interese social na conversión deste hidrocarburo en produtos de alto valor engadido”, explica Fañanás ao xornal da USC.

Publicidade

Na actualidade, o metano utilízase principalmente como fonte de enerxía, aínda que o seu uso como combustible é complicado debido á súa alta volatilidade e inflamabilidade, o que complica a súa almacenaxe e transporte. Ademais, ao queimar metano xérase CO2 polo que constitúe un problema para o quecemento global, aínda que o metano é xa de seu outro gas de efecto invernadoiro (de feito, con maior efecto que o dióxido de carbono, aínda que presente en moita menor medida na atmosfera).

Outro uso do metano é a xeración de gas de síntese −mestura de H2 e CO− que é fonte doutros hidrocarburos ou de metanol, aínda que os métodos utilizados para esta transformación requiren un custo enerxético moi alto. “Por estes motivos o desenvolvemento de metodoloxías sintéticas alternativas que permitan transformar o metano noutras moléculas é altamente necesario para a nosa sociedade”, sinala.

Porén, o uso do metano en procesos sintéticos é un gran reto xa que este composto presenta unha moi baixa reactividade debida en gran medida á forte ligazón entre o carbono e os hidróxenos que resulta moi difícil de romper. Como consecuencia, describíronse moi poucos exemplos do emprego de metano en síntese de moléculas orgánicas máis complexas, explica o investigador.

Con este gran reto por diante, o proxecto BECAME (acrónimo de Bimetallic Catalysis for Diverse PE5 Methane Functionalization) propón unha nova tecnoloxía que permitirá, non só activar a ligazón C-H do metano, senón tamén utilizalo como reactivo sintético. Mediante a utilización cooperativa de dous catalizadores metálicos, o metano utilizarase para a construción de fármacos, a modificación selectiva de medicamentos e mesmo se desenvolverán metodoloxías para transformar metano noutros hidrocarburos máis grandes, tendo un potencial interese tanto na industria farmacéutica como na industria  petroquímica.

O uso directo de metano na síntese destes compostos de alto valor engadido suporá un gran avance para a química sintética, resultando nunha tecnoloxía sustentable e de alta eficiencia atómica que permita a construción de moléculas orgánicas a partir dunha materia prima moi abundante.

Currículo de Martín Fañanás

Nacido en Zaragoza en 1980, o investigador realizou unha estancia predoutoral no grupo do Profesor Steven Ley na Universidade de Cambridge (Reino Unido), onde traballou na síntese total do produto natural Bengazol A. No ano 2009 uniuse ao grupo do Profesor Ben Feringa (Nobel de Química en 2016) na Universidade de Groningen (Países Baixos) como investigador postdoutoral. Alí traballou no desenvolvemento de reaccións catalíticas de sustitución alílica enantioselectiva, reaccións de acoplamento cruzado de compostos organolíticos e reaccións de oxidación.

En 2014, incorporouse ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC como investigador Ramón y Cajal. No ano 2015 foi galardoado co premio “Thieme Chemistry Journal Award”, e en 2016 co premio ‘Jóvenes Investigadores’ da Real Sociedade Española de Química. Tamén foi galardoado co premio Lilly ‘Joven Investigador 2018’.

A súa investigación céntrase no desenvolvemento de novas metodoloxías catalizadas por complexos de metais de transición que permitan levar a cabo transformacións sustentables e de alta eficiencia atómica orientadas á formación enantioselectiva de enlaces C-C, a activación e funcionalización de alcanos, e síntese de compostos de fósforo con interese biolóxico.

A convocatoria Consolidator Grants (ERC-CoG) acaba de recoñecer na súa convocatoria de 2019 a máis de trescentos científicos de 37 nacionalidades diferentes, entre eles 14 españois, dos que Fañanás é o único baseado en Galicia. Esta liña de financiamento apoia o traballo de científicos con entre 7 e 12 anos de experiencia despois do seu doutoramento, e cunha traxectoria científica prometedora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

Demostrada a eficacia dun novo fármaco contra o cancro de colon

Os investigadores desenvolveron un medicamento dirixido contra a proteína CD98hc, unha nova diana terapéutica presente na superficie das células tumorais

A galega Innopharma aumenta a súa capacidade para o desenvolvemento de fármacos

A Xunta de Galicia dota con cinco millóns de euros a esta plataforma nos últimos tres anos a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional