María José Alonso, no discurso de recollida do premio en Madrid.

María José Alonso: “A ciencia gañará a batalla; xuntos conseguirémolo”

A investigadora da Universidade de Santiago recibiu hoxe a Medalla ao Mérito na Investigación e a Educación Universitaria

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e xefa do grupo Nanobiofar do CiMUS, María José Alonso, recibiu este martes a Medalla ao Mérito na Investigación e na Educación Universitaria na súa categoría de Plata. Outorgado polo Goberno de España a proposta do Ministerio de Ciencia e Innovación, este recoñecemento honorífico distingue a persoas e entidades que teñan destacado de modo eminente no desenvolvemento e fomento da educación universitaria e da investigación científica e técnica.

O Consello de Ministros aprobou a concesión desta medalla en recoñecemento á traxectoria investigadora da profesora Alonso, destacando a súa “prestixiosa traxectoria no ámbito da investigación científica” ao que o ministro de Ciencia e Tecnoloxía, Pedro Duque, engadiu na súa intervención  o “traballo sen descanso  para atopar unha vacina contra a COVID-19”. Ademais de María José Alonso, as Medallas recoñeceron a na súa categoría de Ouro, a título póstumo, á investigadora e bioquímica Margarita Salas e ao historiador Santos Juliá. Na categoría de Plata tamén foron distinguidos os virólogos e investigadores do CSIC Luis Enjuanes e Mariano Esteban.

Foto de grupo dos galardoados.

A profesora María José Alonso agradeceu na súa intervención o recoñecemento, afirmando que “é un día especial nunha etapa de inflexión na miña vida, provocada por esta situación crítica, que me ten feito reflexionar sobre o realmente importante, que é a saúde e a calor do ser humano, valorando a gran responsabilidade que temos os científicos coa sociedade”. Fixo extensible esta distinción a todos os seus compañeiros de profesión, afirmando sentirse “privilexiada por abordar o gran reto que representa o desenvolvemento dunha nova vacina”, insistindo que “a ciencia gañará a batalla. Todos xuntos conseguirémolo”.

A profesora Alonso recibiu este galardón de mans da vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, nunha cerimonia celebrada onte en Madrid. Calvo subliñou ante os premiados que “non hai máis mérito que intentar servir, servir ben e facelo cos logros que vostedes teñen”, destacando ademais que “non podemos saír desta crise sen aprender a lección de que somos un gran país que ten que apoiarse na súa ciencia. E farémolo”.

A Medalla é unha nova honra que vén distinguir a carreira investigadora de María José Alonso, sumándose aos recoñecementos outorgados por parte de institucións científicas internacionais, despois da súa elección como membro da Academia Nacional de Medicina dos EUA, do prestixioso College of Fellows do Instituto Americano de Enxeñaría Médica e Biolóxica (AIMBE) e do CRS College of Fellows.

Traxectoria investigadora
Ao longo da súa carreira científica María José Alonso traballou en universidades prestixiosas como a Universidade de París Sur (1986-87) e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) (1991-92). Dende 1992 lidera na USC un grupo de investigación pioneiro en España no ámbito da nanomedicina e nos sistemas de liberación de fármacos e vacinas. Neste último, foi pioneira no desenvolvemento de vacinas que achegan unha resposta inmune duradeira grazas ao uso de partículas biodegradables que controlan a súa liberación ao sistema inmune. Ao longo da última década, traballou en colaboración con grupos americanos, canadenses e europeos no desenvolvemento dunha vacina fronte ao VIH.

Coordinou diversos proxectos de investigación con financiación internacional da Organización Mundial da Saúde, a Fundación Bill e Melinda Gates e a Comisión Europea. É autora de 289 publicacións científicas e conta con máis de 27.000 citas (índice-h 90) e rexistrou 22 familias de patentes. A calidade das súas publicacións científicas sitúaa no ‘TOP TEN’ en farmacoloxía (Times Higher Education international ranking, 2010) e está incluída en ‘The Power List’, un listado dos investigadores máis influentes no campo biofarmacéutico (The Medicine Maker, 2020).

A profesora Alonso foi vicerreitora de Investigación e Innovación da Universidad de Santiago de Compostela, impulsando a creación dos seus centros singulares de investigación e do Campus Vida da USC. Asesorou ao Ministerio de Ciencia e Innovación na elaboración da Lei de Ciencias, Tecnoloxía e Innovación e formou parte do consello asesor do Ministerio de Saúde en España.

María José Alonso está no ‘Top Ten’ mundial en publicacións científicas sobre farmacia

Xunto co seu equipo teñen sido galardoados con numerosos premios de investigación por parte de asociacións científicas, revistas científicas e fundacións. Entre outros, o Premio Rey Jaime I na modalidade de Novas Tecnoloxías, o Premio ‘Novoa Santos’ da Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), o premio ‘Maurice-Marie Janot’ da Asociación Internacional de Tecnoloxía Farmacéutica (APGI), o ‘Founders Award’ da sociedade internacional Controlled Release Society (CRS), o ‘Outstaning Service Award’ da CRS, o ‘Women in Sciences Award’ da CRS, a Medalla do Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos, así como o Premio ‘María Josefa Wonenburger’ e a ‘Medalla Castelao’ outorgados pola Xunta de Galicia.

Es Académica de Numero da Real Academia de Farmacia de Galicia, da Real Academia Nacional de Farmacia e da Real Academia Galega de Ciencias. Destaca o seu nomeamento como membro da National Academy of Medicine de Estados Unidos (NAM) (solo existen dous académicos residentes en España). É “Fellow” do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) e da Controlled Release Society.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.