Venres 29 Marzo 2024

O mapa da vacinación e os casos de Covid-19 no teu concello

Con preto do 92% da poboación maior de 12 anos completamente vacinada, en Galicia afróntase, como en boa parte da Unión Europea, unha etapa que semella achegar a fin da meirande parte das restricións vixentes por mor da pandemia da Covid-19. Estanse a detectar menos de 50 casos diarios (a incidencia acumulada a 14 e 7 días é, respectivamente, de 37,31 e 13,81 casos/100.000 habitantes), os hospitais contan con menos de 60 persoas ingresadas con Covid-19 (16 delas na UCI) e hai pouco máis de 1.100 casos activos.

Case 230 concellos sen casos na última semana

Deste xeito é patente, a pesar da crecente interacción social e o comezo da actividade lectiva, como a efectividade das vacinas está a reducir non só os casos graves, senón tamén a transmisión do virus mesmo nos casos leves ou asintomáticos. Deste xeito, case 230 dos 313 concellos galegos non rexistran ningún caso de coronavirus desde o pasado 20 de setembro. E só 9 municipios (Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Foz, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ames) teñen 10 ou máis positivos diagnosticados nesta última semana.

Publicidade

Cinguíndose ás dúas últimas semanas, 174 concellos mantéñense desde mediados de setembro libres de novos casos de coronavirus, e só 15 superan a decena de diagnósticos. O resto dos municipios sitúanse nun abano de entre 1 e 9 casos, segundo os datos que achega a Consellería de Sanidade.

Deste xeito, só Foz, cun surto localizado nun centro de educación infantil, supera a incidencia de 500 a 14 días, xunto a Vilasantar e Melón, concellos de escasa poboación nos que, con menos de 10 diagnósticos, a incidencia dispárase. No rango temporal de sete días, en ningún caso se supera a taxa de 250, e só oito concellos están no abano de entre 125 e 250 casos/100.000 habitantes. Todos eles, agás Foz e O Barco de Valdeorras (tamén nun brote escolar) están por baixo dos 10 casos detectados nesta última semana.

As maiores taxas de vacinación, por riba do 95%

Sanidade tamén achega nas últimas semanas o avance da cobertura de vacinación, tanto cunha dose como con pauta completa, en cada un dos 313 concellos do país. A resposta cidadá está sendo maioritaria, e en 263 destes municipios xa acudiron a recibir a primeira dose máis do 90% das persoas maiores de 12 anos. En canto á pauta completa, superan este limiar 202 concellos.

No caso da poboación con primeira dose, Larouco lidera a listaxe co 99,08% da poboación maior de 12 anos coa primeira das doses, seguido de Chandrexa de Queixa (98,1%) e outros sete municipios (A Capela, Sobrado, Vilar de Barrio, Alfoz, O Pino, Frades e Baleira) por riba do 97%.

En canto á pauta completa, xa hai 14 concellos (A Capela, Vilar de Barrio, O Pino, Sobrado, Frades, Abadín, Alfoz, Baleira, Trazo, Larouco, Monfero, Montederramo, Santiso e O Páramo) con máis de 95 de cada 100 veciños maiores de 12 anos xa vacinados.

Na outra banda, só cinco municipios manteñen unha cobertura menor do 80%. Son Boborás, A Lama, Beariz, Avión e Negueira de Muñiz.

Neste escenario, a Xunta mantén aberta a campaña de vacinación para recuperar a todas as persoas dentro da poboación diana que aínda non recibiran as súas doses e desexen facelo. Ata este xoves 30 de setembro, permanecen abertos 15 puntos de vacinación en todas as áreas sanitarias para facilitar a adminstración do fármaco. Estes son os lugares e horarios de cada un dos puntos:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.