Inauguran o maior sistema solar a escala de España, cun tamaño de máis de 20km

A asociación Astróbiga constrúe unha réplica exacta e instálaa en Ciudad Rodrigo (Salamanca) co obxectivo de divulgar a astronomía

Réplica de Xúpiter. Foto: Asociación Astróbriga
Réplica de Xúpiter. Foto: Asociación Astróbriga

Serías capaz de mirar directamente ao Sol sen que te cegase a súa luz? A resposta parece obvia. Non obstante, tes a posibilidade sen observalo sen lentes e a un palmo da túa man. Como é posible? Grazas á iniciativa da Asociación Astróbriga, que vén de construír o maior sistema solar a escala de toda España. Acaban de instalalo en Ciudad Rodrigo, Salamanca, e o seu principal obxectivo é o de divulgar a astronomía, así como a promoción do turismo da comarca. Porque un sol de case cinco metros de diámetro non se atopa en calquera sitio.

Aínda que a imaxe do sistema solar é icónica, por como somos capaces de vela nos libros e nos atlas, non é unha representación fiel da realidade. Nin as distancias nin os tamaños son proporcionais aos reais. Iso é o que buscaba a Asociación Astróbriga con este proxecto: crear unha réplica do sistema solar a escala 1:290.000.000. Tanto os planetas como os satélites están fabricados en 3D e expostos en cubos de cristal sobre columnas de aceiro. E non só iso. Tamén están distanciados os uns dos outros. É dicir, ir dun ao outro a pé sería o equivalente ao tempo que tarda a luz en chegar a cada un deles.

Variación de tamaño

Máis polo miúdo, as réplicas dos astros varían en tamaño, de igual forma que o fan os reais. O astro rei, instalado nun céntrico parque de Ciudad Rodrigo, ten 4,8 metros de diámetro. Outras das maquetas máis grandes son as que se corresponden cos planetas de Xúpiter (48,2 centímetros) e Saturno (40,1 centímetros), que foron as últimas pezas en colocarse. A distancia que hai entre uns e outros é de kilómetros. Mentres que os planetas rocosos están no centro histórico de Ciudad Rodrigo, os gaseosos están en localidades próximas.

Localización dos planetas en Ciudad Rodrigo. Foto: Google Maps/Asociación Astróbriga
Localización dos planetas en Ciudad Rodrigo. Foto: Google Maps/Asociación Astróbriga

O máis afastado, sen dúbida, é Plutón, situado a máis de 20 kilómetros do Sol e moi preto da fronteira con Portugal. Ese sería o punto final da exposición, que vai acompañada de paneles informativos. Segundo recolle a Axencia SINC, “este sistema solar é único no mundo polas súas características e dimensións”, tal e como afirma o presidente da asociación Astróbriga, Nicolás Cahen.

Máis alá da entidade promotora, tamén está a participación cidadá. Amais diso, este proxecto contou cun orzamento de 90.000 euros e tamén colaborou a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), a Deputación Provincial de Salamanca, o Concello de Ciudad Rodrigo, a asociacion ADECOCIR e as empresas Iberdrola, Acofarma e GMV. Todo un sistema solar a escala que se artella para achegar a astronomía á cidadanía. Para dar a coñecer os planetas, os satélites e o sol. E para aprender a miralos sen que a luz nos impida ver o seu brillo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.