Lyn Evans repasou en Santiago as razóns da construción do LHC. Fonte: USC.
Lyn Evans repasou en Santiago as razóns da construción do LHC. Fonte: USC.

Lyn Evans: “Facer chocar partículas é como bater dúas laranxas maduras”

Un dos pais do acelerador de partículas do CERN ofreceu en Santiago de Compostela unha conferencia na que explicou a súa experiencia

Non hai reto pequeno para un físico de partículas, agás que se trate dunha incompatibilidade entre un equipo Mac e un Windows. Foi o que lle pasou a Lyn Evans (Aberdare-Gales, 1945), que tivo que atrasar uns minutos a súa conferencia en Santiago de Compostela debido a este contratempo. Pero finalmente todo se arranxou, e o físico galés puido explicarlle a un público cheo de mozas e mozos (“é moi bo ver tan xente nova aquí”, dixo) como se pode construír a meirande estrutura de uso científico que xamais desenvolveu a humanidade: o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) que discorre entre Francia e Suíza, preto de Xenebra, nunha enorme circunferencia de 27 quilómetros de diámetro. Unha “marabilla da tecnoloxía“, tal e como dicía o título da charla, na que el tivo unha participación esencial. A conferencia enmarcouse na segunda edición da Semana da Ciencia, que organiza o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

O obxectivo do LHC, tal e como lembrou Evans, é achegarse o máximo posible ao momento do Big Bang para coñecer a orixe das partículas que deron orixe a todo o que somos. Para explicar como foron aqueles momentos, o ínvestigador presentou os trazos do Modelo Estándar da Física de Partículas no que trata de afondar o acelerador do CERN, con fitos como o achado do bosón de Higgs. “Pero fáltannos cousas: aínda non podemos explicar cal foi a asimetría que deu lugar á que se impuxera a materia sobre a antimateria, e o modelo tampouco explica nin a matería nin a enerxía escuras, que conforman probablemente gran parte do universo. E para saber iso, ademais de moitas outras cousas, construímos o LHC”, expuxo o investigador.

Polo camiño, mentres xorden preguntas, vanse obtendo tamén avances esenciais para a sociedade. Evans mencionou o caso da tecnoloxía PET (tomografía por emisión de positróns), un dos métodos de imaxe e diagnóstico máis precisos da medicina, e que foi posible desenvolver grazas aos achados do LHC.

A construción do acelerador de partículas

Para ver os primeiros pasos do gran acelerador hai que ir ata os anos 80, cando os científicos do CERN comezaron a valorar a posibilidade de desenvolvelo. En 1994 aprobouse o proxecto, e as obras comezaron en 1996. Doce anos despois, en 2008, tiveron lugar as primeiras colisións de partículas. Polo camiño, alén da complexidade que supón unha obra de tal magnitude, o físico galés explicou que xurdiron imprevistos, como a presenza de ríos subterráneos que houbo que drenar desde decenas de metros de profundidade, ou o achado dunha vila romana e de moedas antigas procedentes de varias zonas de Europa, entre elas Londres, que lle valeron a Evans para facer unha brincadeira sobre o mercado común nos tempos do Brexit.

Lyn Evans, a carón do LHC. Foto: CERN.
Lyn Evans, a carón do LHC. Foto: CERN.

Unha obra da que Evans se fixo responsable “pese a que non tiña coñecementos en enxeñaría civil”, lembrou. Mentres explicaba o proceso, foron pasando pola pantalla imaxes das enormes estruturas de instrumentos como Atlas ou CMS, dous dos principais detectores de colisións, que teñen que cumprir unhas condicións ideais para levar as partículas a velocidades próximas ás da luz. Citou o físico galés, entre outros exemplos, as temperaturas extremadamente baixas ás que se sitúan os imáns superconductores (apenas 2K, ou -271ºC, moi preto do cero absoluto), feitos con aliaxes de niobio e titanio que forman miles de filamentos de micras de diámetro, ou as especiais condicións do helio superfluído, un líquido sen viscosidade que é quen de superar ata os poros máis pequenos que outros líquidos non poden traspasar.

O obxectivo de dispositivos tan precisos e mastodónticos é obter o maior nivel de detalle posible das colisións das partículas, para atopar por fin os versos soltos do Modelo Estándar. “Facer chocar partículas é como bater dúas laranxas maduras“, exemplificou Evans. Cada salpicadura de zume, cada fragmento do choque que sae despedido, é susceptible de ofrecer a información que mude o coñecemento da nosa esencia.

“Un dos grandes logros do CERN é facer que a xente colabore de forma pacífica”

Despois do fito do LHC, Evans está agora inmerso aos seus 74 anos noutro proxecto que marcará o futuro do CERN, sumando fitos á súa traxectoria despois de recibir en 2013 xunto a varios dos seus compañeiros o Breakthrough Prize, o maior premio económico da ciencia, na categoría de Física Fundamental. Desde 2012 é o director do proxecto do Colisionador Linear, unha iniciativa internacional coa que se pretende dar saída a un novo acelerador de partículas para, entre outros obxectivos, mellorar o coñecemento do bosón de Higgs. Evans encabeza unha colaboración de países de todo o mundo que procuran a solución máis acaída para a investigación. Tal e como explicou en Santiago, “un dos grandes logros do CERN é facer que a xente colabore de forma pacífica“.

O acto foi introducido polo vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri e o director do IGFAE, Carlos Salgado, que agradeceron a Lyn Evans a súa visita a Santiago de Compostela e lembraron o resto de actos que acollerá a Semana da Ciencia.

Este martes será o momento da física teórica e cineasta Ágnes Mócsy cun coloquio para explorar as interseccións arte-ciencia, que terá lugar ás 20 horas no CGAC. Mócsy, física teórica, cineasta e comunicadora, conta con traballos de gran relevancia sobre o estado do universo uns microsegundos despois do Big Bang. Dedícase desde hai dez anos ao estudo da intersección entre arte e ciencia, así como á inclusividade de orixe e de xénero na ciencia.

Para o mércores está prevista ás 21 horas na Nave de Vidán unha nova sesión da Nerdnite, esta vez centrada na temática de aceleradores de partículas. Xa o xoves ás 18 horas celebrarase a entrega de premios do II Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, coa exposición dos monólogos dos participantes. Ao finalizar, ás 20:00 horas, a investigadora Pía Zurita da Universität Regensburg impartirá o seminario “Protón e núcleos: canto sabemos realmente?”, dirixido ao alumnado de Física. E o venres, Ágnes Mócsy participará de novo cun coloquio sobre a diversidade na ciencia. A semana pecharase o sábado cunha xornada de portas abertas nos centros singulares da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.