O vínculo entre o lupus e as mutacións xenéticas podería axudar no tratamento da doenza.
O vínculo entre o lupus e esta mutación xenética podería axudar no tratamento da doenza.

Atopan un vínculo entre o lupus e unha mutación xenética

A orixe exacta do lupus eritematoso sistémico (LES), unha enfermidade autoinmune e sen cura que en Galicia padecen máis de 2.000 persoas, segue sendo un misterio. Parece ser que diversos factores se mesturan para provocar a súa aparición, pero ningún parece determinante. Porén, un traballo publicado en Nature Communications esta semana afonda nun posible vínculo entre unha mutación xenética e a doenza.

A investigación, desenvolvida desde hai varios anos por un amplo grupo de investigadores, liderados por Simon Jiang, apunta cara a dúas anomalías no ADN que se atoparon na maioría dos casos dos pacientes de lupus que foron estudados.

“Por primeira vez mostramos que unhas raras variantes xenéticas que aparecen en menos do 1% da poboación causan lupus, e como estas variantes conducen a enfermidade no corpo”, afirma Jiang, investigador da Universidade Nacional de Australia. “Ata agora, pensábase -engade Jiang- que estas raras variantes desempeñaban un papel insignificante no comportamento autoinmune nos humanos e en enfermidades autoinmunes relacionadas”.

Porén, parece que estas dúas mutacións son responsables dun dos sinais de identidade máis misteriosos da enfermidade. Estudos recentes demostran que na gran maioría dos pacientes con lupus, algo descoñecido parece estar dirixindo a produción excesiva e espontánea dunha molécula inmune, mesmo cando non se pode atopar unha infección por virus.

Estas moléculas son interferóns tipo 1 (IFN T1) e cando estas comezan a multiplicarse sen control, poden producir cambios profundos no desenvolvemento das glóbulos brancos (ou linfocitos) que producen anticorpos.

Este é, precisamente, o papel que se supón que xogan os dous xenes mutantes, coñecidos como BLK e BANK1. Comparando 69 pacientes con lupus con 97 participantes anciáns sans, os autores descubriron que estas raras variantes xenéticas eran moito máis comúns entre o primeiro grupo, mesmo cando o equipo repetía o estudo con 64 pacientes con lupus. Nos modelos de rato tamén se atopou que as variantes aumentaban a cantidade de glóbulos brancos que non funcionaban correctamente.

O enigmático crebacabezas do lupus

“Significativamente, demostramos que estas variantes exercen efectos daniños sobre a función das proteínas, o que finalmente leva a un punto final común de aumento da actividade de T1 IFN nos linfocitos”, escriben os autores.

Aínda que é certo que o lupus pode ser provocado por factores hormonais e ambientais – como a luz solar – os factores xenéticos seguen sendo un dos riscos máis poderosos. De feito, crese que as posibilidades de que un xemelgo comparta a enfermidade co seu irmán é aproximadamente dun 50 por cento.

Ao identificar algúns dos xenes responsables, os investigadores poderían facilitar o diagnóstico, un punto da doenza especialmente complicado, xa que o lupus ten unha serie de síntomas semellantes a outras enfermidades. “Só levará algunhas semanas a secuencia do xenoma dun paciente”, di Jiang. Así, explica o científico, “podemos mirar como se comporta o sistema inmune, facer análises de sangue e coa secuenciación do xenoma poderemos encaixar as pezas e ver se é lupus”.

Aínda así, a investigación de Jiang non só ten o potencial de axudar aos médicos co diagnóstico. Hoxe en día, os novos tratamentos para o lupus son limitados e de acción ampla cun bo conxunto de efectos secundarios. En 2011, a Axencia de Alimentación e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) aprobou o primeiro fármaco para a enfermidade.

Con este novo enfoque, é posible que se abran camiños cara ao tratamento personalizado da doenza. “Xa comezamos a tratar a persoas que teñen estas mutacións xenéticas con terapias dirixidas, no canto de bombardear o seu sistema inmunitario con tratamentos non específicos (a principal vía de tratamento actual) que teñen moitos efectos secundarios”, di o investigador. Ademais, engade, “como os xenes cos que traballamos están tamén ligados a outras doenzas autoinmunes, o noso achado podería aplicarse tamén á artrite reumatoide ou a diabetes de tipo 1.

ReferenciaFunctional rare and low frequency variants in BLK and BANK1 contribute to human lupus (Publicado en Nature Communications).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.