Pasaron máis de seis anos desde a apertura dos últimos tramos da A-8, a autovía que une o litoral do Cantábrico desde Galicia ata o País Vasco. Un dos seus puntos, nos arredores do alto do Fiouco, entre Abadín e Mondoñedo, causou numerosas incidencias de tráfico pola presenza da mesta néboa, nunha zona onde a nubosidade é moi habitual. No verán de 2014, un grave accidente múltiple marcou o que despois se convertería nunha situación recorrente: o corte do tramo entre os quilómetros 536 e 552, que se prolongou ata un mes cada ano desde a súa apertura, o que leva aos vehículos a usar a N-634 antes de reincorporarse á autovía xa libre da falta de visibilidade.
Despois de numerosos retrasos, cos conseguintes problemas para as persoas que transitan decote polo tramo do Fiouco, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), anunciou hai poucos días que ía poñer en marcha a “construción de prototipos e experimentación en campo de solucións innovadoras” para resolver os problemas no tramo entre Mondoñedo e A Xesta (Abadín).
Deste xeito, varias empresas desenvolverán sobre o terreo as propostas tecnolóxicas que, con diferentes enfoques, procurarán que o tramo sexa transitable. Foron catro os proxectos seleccionados para a última etapa de probas, despois dunha fase de selección na que participaron preto de 30 iniciativas, das que sete superaran o primeiro filtro, tal e como lembraba a pasada semana a través das redes sociais o ministro do ramo, José Luis Ábalos.
Sector Público y empresas españolas de infraestructuras avanzan soluciones inteligentes al problema de las nieblas en las carreteras. Seguridad y digitalización prioridades de la nueva movilidad. #Niebla #A8
+INFO: https://t.co/pskrTPc3Th pic.twitter.com/eK43fS5lhr— José Luis Ábalos (@abalosmeco) October 16, 2020
Os enfoques tecnolóxicos abordan o problema do Fiouco desde dúas perspectivas: por unha banda, a de facilitar o tránsito dos vehículos mellorando a sinalización e, por outra banda, disipando a néboa presente na zona.
Nesta fase, os promotores das solucións construirán e experimentarán na zona, a tamaño real, os catro prototipos seleccionados “co obxecto de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nunha contorna real nas condicións de néboa características do tramo”. Son os seguintes:
Sistema de balizamento lateral da vía con luz láser
A proposta de Tecnivial consiste na instalación dun conxunto de elementos de balizamento con luz láser que delimitan o trazado en condicións de baixa visibilidade, e inclúe a monitorización da néboa para acender e axustar a potencia luminosa, ademais dun detector para avisar da posibilidade de que haxa vehículos circulando a unha velocidade anormal.
Sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED
A proposta da UTE das empresas Sener e Api baséase en tecnoloxías de monitorización activa, instaladas ao longo da autovía e se combinan con información en tempo real para guiar aos condutores. O modelo ten en conta a distancia entre os vehículos que transitan pola vía para determinar unha velocidade axeitada segundo a visibilidade. Os sinais amosaranse sobre o asfalto proxectadas mediante tecnoloxía LED.
Sistema de difusión por aspersores de materiais higroscópicos
O segundo dos enfoques tecnolóxicos, destinados a reducir a presenza de néboa na zona do Fiouco, conta, por unha banda, cunha proposta da construtora San José. Instalaranse unha malla que desprenderá compostos como o nitrato de amonio, urea, cloruro cálcico e cloruro sódico, co obxectivo de aglutinar as pingas de auga en suspensión para que se precipiten sobre a estrada e melloren a visibilidade.
Barreiras estáticas e dinámicas
O outro dos proxectos para a difusión da néboa, proposto por Typsa, consiste nunha combinación de barreiras estáticas e dinámicas coa que se pretende desviar a néboa a unha altura que non afecte o tráfico. As barreiras estáticas instalaranse en perfís do terreo favorables para desviar pasivamente o fluxo de néboa, mentres que as dinámicas usarán ventiladores de eixe vertical situados de forma transversal á dirección do vento.
As tres propostas que quedaron desbotadas incluían outros sistemas de balizas intelixentes, barreiras aerodinámicas contra a néboa nos laterais da autovía ou a instalación dunha estrutura de formigón para dificultar a entrada da nubosidade na calzada.
Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada mediante as catro propostas, segundo informa o Ministerio, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados para resolver a problemática existente. De ser efectiva, suporía un novo investimento nun tramo afectado por numerosos obstáculos durante a súa construción, con cambios respecto ao trazado inicial,