Martes 19 Marzo 2024

Linguas que se extinguen, medicina que se esvaece

Unha investigación expón como a progresiva desaparición de idiomas indíxenas provoca unha notable perda de coñecemento sobre o uso medicinal das plantas

“Cada lingua indíxena é, por tanto, unha reserva única de coñecementos medicinais: unha pedra Rosetta para desentrañar e conversar as contribucións da natureza ás persoas”. É unha das frases coas que os investigadores Rodrigo Cámara-Leret e Jordi Bascompte do Departamento de Bioloxía Evolutiva e Estudos Ambientais da Universidade de Zurich, resumen a importancia de conservar unha gran fonte de coñecemento acumulado durante milenios e que semana a semana está a perderse. Non é unha metáfora, estímase que cada dúas semanas desaparece unha lingua no mundo. E nisto inciden os dous investigadores nun artigo que publicou a semana pasada a revista PNAS, no que expoñen que “a meirande parte do coñecemento medicinal é lingüísticamente único, é dicir, coñecido por un só idioma, e está máis fortemente asociado con idiomas ameazados ca con plantas ameazadas”.

Para mergullarse en todo esta xungla de coñecemento, Cámara-Leret e Bascompte analizaron tres grandes conxuntos de datos etnobotánicos de Norteamérica, o noroeste da Amazonia e a illa de Nova Guinea. Compilaron 3.597 especies de plantas medicinais e 12.495 aplicacións medicinais asociadas con 236 linguas indíxenas. E observaron que máis do 75% destas plantas e usos están vinculadas a un único idioma. Isto é, se as palabras desaparecen, e nada se fai, desaparecerá o coñecemento que conteñen.

Publicidade

“A maioría dos pobos indíxenas transmiten oralmente os seus coñecementos. Polo tanto, se unha lingua deixa de transmitirse, pode ocorrer que tamén desapareza toda unha biblioteca viva”, resumía a través das redes un dos autores, Rodrigo Cámara-Leret.

Así o evidencia un dos cadros que recolle o artigo, e que fai patente o alto nivel de vulnerabilidade deste coñecemento. A porcentaxe marcada en vermello amosa os usos de plantas medicinais que só se coñecen nun idioma en Norteamérica, a Amazonia e Nova Guinea:

Imaxe

A ameaza é, por tanto, maior para as linguas que para as propias especies. Dos 3.597 taxóns estudados, menos do 5% está incluído na Lista Vermella de Especies Ameazadas. Aínda que parte destas especies non están sometidas a unha avaliación axeitada, os autores consideran que poucas delas corren un risco real.

Porén, o foco da preocupación está no coñecemento adquirido sobre elas e a súa transmisión oral. Algo especialmente preocupante no caso do continente americano. “Os resultados destacan que as Américas son un punto quente de coñecemento indíxena (isto é, a maioría dos coñecementos medicinais están vinculados a linguas ameazadas) e, por tanto, un área prioritaria clave para futuros esforzos na conservación”, escriben os autores.

No caso de Nova Guinea, unha das illas máis grandes do mundo, o estudo tamén destaca un panorama preocupante. A perda de transmisión de linguas nunha soa xeración ten unha magnitude moi alta: un estudo recente na illa expón que apenas o 58% dos mozos e mozas falan con fluidez a súa lingua indíxena fronte ao 91% da xeración dos seus pais.

Desaparición do 30% das linguas

As estimacións apuntan a que arredor dun 30% das 7.400 linguas que hoxe se falan no mundo desaparecerán a finais do século XXI. Para concienciar sobre a necesidade da súa conservación, as Nacións Unidas impulsarán entre 2022 e 2032 un Decenio Internacional das Linguas Indíxenas.

“O noso estudo suxire que cada lingua indíxena achega coñecementos únicos que poden ser complementarios a outras sociedades que procuran remedios mediciñais potencialmente útiles. Polo tanto, a extinción prevista do 30% destas linguas comprometería substancialmente a capacidade da humanidade para o descubrimento de medicamentos”, resumen os autores.

A investigación sobre as aplicacións medicinais das plantas existentes no planeta é aínda incipiente. Estudiáronse con este obxectivo apenas un 6% das plantas superiores, o que mantén a incerteza sobre as súas posibles aplicacións científicas.

Pero xa hai precedentes prometedores neste sentido. Por exemplo, constatouse que algunhas plantas usadas polos aborixes Yaegl de Australia posúen propiedades semellantes ás dos antibióticos, que poderían usarse para complementar o combate contra as resistencias bacterianas. Ou unha planta de Madagascar, a Catharanthus roseus, que contén vinblastina, fármaco usado no linfoma de Hodgkin e outros tipos de cancro. O coñecemento baixo o mar é igualmente prometedor, con exemplos como a trabedectina, presente nun tunicado mariño, e que a empresa Pharmamar investigou para desenvolver fármacos contra o cancro

Con todo, máis alá das posibles aplicacións científicas, os autores do traballo destacan que este coñecemento ten unha gran importancia cultural de seu, e que deben poñerse maiores esforzos na súa conservación.


Referencia: Language extinction triggers the loss of unique medicinal knowledge (Publicado en PNAS).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que linguas contribuíron o galego? Unha historia de 2.000 anos en tan só 30 segundos

Un vídeo resume a evolución dos idiomas en Europa dende o século V a.C. ata o século XIV

Que entendemos realmente por “plantas medicinais”?

Os principios activos das especies vexetais poden ser interesantes para a farmacoloxía pero hai que ter coidado cando se quere facer un consumo directo da planta

Os humanos evolucionaron para ser fisicamente activos na vellez

Un novo estudo pretende dar unha explicación evolutiva definitiva a como a actividade física, sobre todo nas idades avanzadas, promove a saúde

A propósito da oficialidá: guía para coñecer a lingua asturiana

A declaración da lingua asturiana como oficial está na actualidade desde fai meses; aquí tes varias claves sobre a súa historia e marco legal