Martes 23 Abril 2024

Juan Lema toma posesión como presidente da Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde a toma de posesión do seu novo presidente, Juan Manuel Lema Rodicio, que releva no cargo a Miguel Ángel Ríos Fernández, ao frente da institución durante os últimos cinco anos. Durante o acto, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela,foron entregados tamén os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo internacional liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a un enxeñeiro da Universidade da Coruña (UDC).

Asistiron ao acto, co que quedou aberto o curso académico da RAGC, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da UDC, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo (Uvigo), Belén Rubio; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio; e o director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero.

Publicidade

Durante a súa intervención, Juan Lema, catedrático de Enxeñaría Química da USC e académico da RAGC desde 2016, quixo recoñecer o labor do seu antecesor, Miguel Ángel Ríos. Logo de destacar que el, xunto co equipo directivo saínte, “soubo estabilizar a Academia e desenvolver un número moi salientable de iniciativas en prol da ciencia en Galicia”, Lema anunciou que elevará a proposta de nomear a Ríos presidente de honra da institución.

A nova xunta directiva da RAGC.

O novo presidente subliñou que é a súa intención ampliar ao máximo o radio de acción da RAGC, buscando a colaboración do maior número de entidades posible, tanto no eido da Administración (desde a autonómica ata as provinciais e as locais), como no das fundacións, os colexios profesionais, as asociacións, outras academias, o tecido empresarial, o ámbito educativo, etc.

Ademais, destacou que este labor se realizará preservando a independencia, “un dos máis importantes activos da RAGC, que debemos exercer á hora de crear opinión sobre temas centrais que lle afectan á sociedade”. Neste sentido, Lema propúxose que a RAGC sexa capaz de contribuír ao convencemento da sociedade de que un maior esforzo en I+D “resulta nun mellor desenvolvemento socioeconómico e, en consecuencia, nunha sociedade máis feliz”.

Pola súa banda, o presidente saínte fixo un repaso polas numerosas iniciativas desenvolvidas durante o seu mandato. Ríos recoñeceu o traballo do seu equipo subliñando que “é indiscutible que a RAGC progresou nestes últimos cinco anos, e que o fixo con rumbo claro e ben definido, co ánimo de converterse nun faro capaz de iluminar e orientar á sociedade galega cos escintileos da luz da ciencia”.  A isto engadiu que aínda queda moito camiño por percorrer e que a RAGC “precisa dun novo impulso e dun novo presidente que poida acometer esta tarefa con ánimos renovados”.

Nanopartículas patentadas

Os representantes do equipo recoñecido co Premio de Investigación 2018, Alejandro Sánchez e Inés Fernández, quixeron dedicarlle o galardón a Begoña Seijo. Esta investigadora da USC foi, en palabras dos seus compañeiros, “unha gran científica cuxo falecemento prematuro lle impediu ver que as nanopartículas que foron desenvolvidas coa súa axuda presentan hoxe un enorme potencial clínico”.

Premiados e autoridades presentes no acto.

O seu proxecto propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana “cun método de preparación extremadamente sinxelo, compoñentes de baixo custo e elevada seguridade”, capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía, e, tal e como destacaron os premiados, “a recente concesión da patente nos Estados Unidos, considerado como o mercado máis importante no cancro co 50% das vendas mundiais, supón un importante aval sobre a innovación que representan as nosas nanopartículas”.

O proxecto está a ser liderado pola USC e conta coa colaboración da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM).

Pola súa banda, o enxeñeiro informático premiado na categoría de investigadores mozos, Adrián Diéguez, foi quen de explicar de xeito moi claro a súa estratexia para facilitar o traballo dos programadores cando se enfrontan á resolución de grandes problemas científicos aplicando técnicas de computación avanzada.

Este investigador do Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática da UDC puxo como exemplo de aplicación a manobra que un coche autónomo ten que facer de xeito inmediato para esquivar un peón na calzada. “A velocidade de cálculo é esencial para que o vehículo poida tomar a decisión de xirar en cuestión de milisegundos”, explicou. A solución proposta por el simplifica o traballo dos programadores na resolución deste tipo de problemas científicos a través do uso de tarxetas gráficas (GPU), capaces de facer cálculos complexos a máis velocidade que un procesador (CPU).

A lección inaugural do curso académico da RAGC estivo a cargo de Juan José Nieto Roig, que disertou sobre as novas tendencias en investigación, facendo un percorrido desde a nanotecnoloxía e a intelixencia artificial ata os exoplanetas e a computación cuántica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización