Venres 19 Abril 2024

Un Verne volve a Vigo

Tes a mesma nariz ca el“, díxolle Abel Caballero a Jean-Michel, mentres os dous eran retratados polos fotógrafos xunto a un busto do seu tataravó Jules. O descendente do autor francés, xornalista e escritor, chegou a Vigo 140 anos despois do seu devanceiro para lembrar a súa figura e a súa presenza na cidade olívica. A sala de conferencias do MARCO, que acolle neste momento unha exposición sobre a presenza de Vigo na obra do escritor, estaba ateigada de xente.

Mais as semellanzas entre Jules e Jean-Michel non quedan aí. En 1878, o barco no que viaxaba Verne viuse obrigado a abrigarse na ría de Vigo debido a un temporal. E este xoves, en 2018, o avión que traía ao seu tataraneto tivo que ser desviado a Santiago debido ao mal tempo e aos problemas co sistema anti-néboa de Peinador. Un percance que obrigou a retrasar media hora a charla que conduciu o xornalista Eduardo Rolland, cofundador de GCiencia.

Publicidade

Que tiña que aportar o tataraneto do afamado escritor da Volta ao mundo en oitenta días? Por medio dun intérprete, comezaron a sucederse as preguntas. Entrevistador, entrevistado e intérprete iniciaban o diálogo diante dunha pantalla que anunciaba o título da conferencia; Verne en Vigo: a primeira escala das súas viaxes.

Eduardo Rolland entrevistan do ao tataraneto de Jules Verne | FOTO: Suso González
Eduardo Rolland entrevistando ao tataraneto de Jules Verne | FOTO: Suso González.

Eduardo Rolland comezou falando do busto de Jules Verne, unha obra escultórica que chamou a atención dos asistentes. José Molares, o autor do coñecido polbo do Náutico, cedeuna para o acto. “Ten a vantaxe de que nos vai permitir comparar os trazos fisonómicos de Jean Michel con Jules Verne”, bromeou Rolland. Ao abeiro das risas que espertou o comentario, iniciouse unha apaixonante conversa.

 Por que foi Vigo especial para Verne?

“Sente vostede algunha emoción ao pisar as rúas que o seu tataravó pisou hai 140 anos?”, lanzou o xornalista. O Verne do século XXI respondeu: “A través desta aventura podo entender a importancia de Vigo na obra de 20.000 leguas de viaxe submarina”.

“De traballar nun banco pasei a un departamento de comunicación, o que me introduciu no xornalismo. Para min é unha necesidade escribir”. Jean-Michel Verne admitiu unha especie de “determinismo xenético” na súa faceta de escritor. Tamén se falou sobre segredos. Por exemplo, ante o gran éxito das obras de Verne entre a sociedade actual, o neto non atopou explicación.  “Curiosamente, as obras do meu avó teñen hoxe máis éxito fóra de Francia”, puntualizou.

Houbo unha cuestión que non precisou do intérprete. Michel Verne entendeuna perfectamente. “Pódese un aburrir de discutir se Verne era escritor de ciencia ficción ou un divulgador científico?”,preguntou o Rollland. Sucedéronse neste ambiente as preguntas que volvían tratar a relación de Vigo co prestixioso escritor. “Cando Verne fala da Ría de Vigo, podemos apreciar certo enfoque filosófico”, reseñou Jean-Michel.

Unha vez rematada a entrevista, os presentes puideron preguntar sobre algúns dos aspectos descoñecidos de Jules Verne. Na quenda de intervencións por parte do público, a Sociedade Verniana de Vigo propúxolle unha colaboración coa Sociedade Verniana de Nantes. “Cremos que temos motivos para irmandarnos entre Nantes e Vigo; cidades mariñeiras ambas, cunha historia industrial as dúas”. Con esa proposta no aire, pechouse un acto para lembrar: 140 anos despois da chegada de Jules a bordo do iate Saint Michel III, un Verne volveu a Vigo.

Algúns dos asistentes á conferencia Verne en Vigo, a primeira escala das súas viaxes | FOTO: Suso González
Algúns dos asistentes á conferencia “Verne en Vigo, a primeira escala das súas viaxes” | FOTO: Suso González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A censura aos xornais na Grande Guerra

A propaganda foi unha arma decisiva na I Guerra Mundial e usouse en Galicia en medios convencionais e libelos

Mergulladores e luz para o capitán Nemo

Os respiradores Rouquayrol e as lámpadas Ruhmkorff usadas en Rande inspiraron a Verne en ”20.000 leguas”

O primeiro telegrama a Mondariz

A vila termal foi pioneira do teléfono e do telégrafo para dar servizo aos seus visitantes ilustres

O coleccionista de 40.000 especies de moluscos

O ferrolán Paz y Membiela dirixiu a Comisión Científica do Pacífico de 1862 e foi un destacado naturalista que descubriu novas especies