Xoves 25 Abril 2024

Javier Rey: “Queremos que a Casa da Ciencia sexa un lugar para a experimentación cidadá”

O novo delegado institucional do CSIC en Galicia expón os principais retos vindeiros, entre os que destacan os traslados de varios dos centros da entidade

O pasado venres 10 de setembro, a sede do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia acolleu a toma de posesión do novo delegado da institución en Galicia. Javier Rey Campos, (Pontevedra, 1958), investigador da Misión Biolóxica de Galicia, sucede no cargo a Antonio de Ron. Faino nun momento relevante para o CSIC en Galicia, co traslado de varios dos seus centros (Incipit, Instituto de Investigacións Mariñas e Instituto Padre Sarmiento) a novas sedes, así como a integración do Instituto Español de Oceanografía (con sedes en Vigo e A Coruña) no CSIC.

Do mesmo xeito, o novo delegado encargarase da posta en marcha dunha nova instalación destinada á divulgación en Galicia. A Casa da Ciencia, que abrirá as súas portas na Casa da Parra de Santiago de Compostela, probablemente na última parte de 2022, será unha aposta da institución para achegar o seu traballo á cidadanía.

Publicidade

– Cales son os primeiros asuntos que ten na axenda como delegado?

– Estamos traballando agora mesmo con proxectos en marcha moi interesantes. Hai algún inmediato,, como o traslado do Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio) ao edificio Fontán da Cidade da Cultura. que se fará en outubro ou novembro. Pero tamén hai outros traslados próximos que van axudar aos centros do CSIC en Galicia, como o do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que vai ter un edificio propio na Acibechería. Aquí é precisa unha rehabilitación intensa que levará aínda un tempo. E estamos tamén coa construción da nova sede do Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo, nos terreos da ETEA.

– Está tamén en marcha o proxecto da Casa da Ciencia na Quintana. Que se vai poder ver neste edificio?

– Vai estar situada na Casa da Parra, un edificio emblemático e ben fermoso, que vai axudar moito no obxectivo que temos. Temos que traballar tamén na rehabilitación, que será máis rápida ca no caso do Incipit, e confío en que estea lista na segunda metade do 2022. Pero faremos unha presentación pública este ano.

O obxectivo da Casa da Ciencia vai ser o da promoción da cultura científica e a divulgación cara á cidadanía. Fundamentalmente do CSIC, a nivel estatal, non só galego, pero tamén aberta a outras institución e a disposición de toda a cidadanía galega.

Ademais das exposicións, as conferencias, debates, etc. que trataremos de achegar á sociedade tamén a través da internet, queremos que a Casa da Ciencia sexa un lugar para a experimentación cidadá, con espazo para que calquera persoa que o desexe poida facer ciencia e entrar en contacto con científicos. Cremos que esta disciplina é a forma máis inmersiva de comunicar a ciencia á sociedade.

Javier Rey Campos, novo delegado do CSIC en Galicia

– Ademais do traslado do IIM, están en plena integración do IEO. Como vai mudar o panorama con estes cambios?

– O traslado do IIM vai aumentar considerablemente a superficie do instituto, e por suposto vai ser unha mellora moi importante, porque a actual sede xa ten unha idade e non foi renovado. Na primeira fase irá o IIM, pero nunha segunda incorporarase tamén a Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) que é a que xestiona o buque Sarmiento de Gamboa. Respecto á integración dos Oceanográficos de Vigo e Coruña, estamos traballando para adaptar as estruturas de persoal e a organización.

– Fai dous anos, o anterior delegado, Antonio de Ron, falaba dun “baleiro de investigadores novos” na institución que había que cubrir. Como se está a abordar isto?

– Estou completamente de acordo coa afirmación. Creo que o mellor investimento en ciencia é o do talento, máis alá dos recursos e equipamentos que se poidan obter. Houbo un tempo de seca non só en Galicia, senón en toda España. Creo que isto está cambiando desde fai un tempo, xa se incorporou persoal novo. A oferta de emprego público xa é comparativamente mellor ca noutras épocas, polo que agardo que a pirámide de idade cambie un pouco. Hai que ter en conta que en parte é normal que haxa persoal de maior idade, porque a carreira é moi longa, pero non pode ser algo esaxerado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas