O Campus Terra participa na creación dun iogur para veganos

O iogur para veganos 'Es avena!' (dereita) desenvolveuse na Aplta do Campus Terra.
O iogur para veganos 'Es avena!' (dereita) desenvolveuse na Aplta do Campus Terra.

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC colabora de xeito activo co grupo alimentario Citrus no desenvolvemento dun novo produto 100% vexetal e apto para veganos, un iogur único no mercado que comercializará esta compañía con sede en Valencia co nome ‘Es avena!’, que vén de ser distinguido como o produto alimentario máis innovador do ano nos Wabel Awards de París.

A participación deste equipo do campus lucense a creación deste novo produto alimentario que comercializará o grupo Citrus na súa gama de artigos Sun&Vegs produciuse a través dun proxecto Retos, en cuxa convocatoria se pedía o desenvolvemento de produtos fermentados de base vexetal, segundo explicou a xestora da proxectos da Aplta. Patricia Parada sinalou asemade que nunha primeira fase traballouse de xeito experimental con varios cereais, aínda que de seguida se canalizou a investigación cara a avea, cuxo proxecto de fermentación se completou.

O equipo da USC desenvolveu o produto a partir da fermentación de avea

Es avena! é o resultado do traballo de desenvolvido na Aplta da USC, aínda que na creación deste produto tamén participaron o equipo de I+D+i do Grupo Alimentario Citrus e a Universidade Politécnica de Valencia (UPV). Froito desta colaboración é o novo snack funcional da  gama Sun&Vegs de Citrus, un artigo que ben podería considerarse como substitutivo ou cando menos como alternativa dos iogures e outros lácteos tradicionais. Es avena!, composto por ingredientes 100% vexetais e elaborado con fermentos naturais como L. casei e L. Acidophilus, é un produto potenciado polo proceso de fermentación da bebida de avea, segundo subliña o Grupo Alimentario Citrus.

Respecto á súa comercialización por parte de Citrus, Es avena! chegará aos mercados como un ‘snack‘. A empresa contempla asemade ofrecer este produtos con cinco sabores diferenciados e elaborados con froita: froitos vermellos, figo, cirola pasa, framboesa e granada, ademais do sabor natural (avea).

O responsable de I+D e Innovación da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC, Alfonso Pérez Quintáns, salientou que o desenvolvemento deste produto por parte do Grupo Alimentario Citrus encádrase no marco das novas tendencias do mercado alimentario, un sector que nas últimas datas está a prestar especial atención á crecente demanda da cidadanía de produtos veganos ou vexetarianos e de alimentos que non deparen riscos de alerxias ou intolerancias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.