Verónica Bolón Canedo e Rubén Nogueiras Pozo, os galegos que recibirán a bolsa da Red Leonardo. Imaxe: Fundación BBVA.

Verónica Bolón Canedo e Rubén Nogueiras Pozo, os galegos que recibirán a bolsa da Red Leonardo. Imaxe: Fundación BBVA.

Dous investigadores galegos reciben a bolsa Leonardo da Fundación BBVA

Verónica Bolón traballará nun proxecto sobre 'wearables' e Rubén Nogueiras investigará sobre un xen que actúa como supresor tumoral

A Red Leonardo, un programa de bolsas de excelencia que apoia desde 2014 a Fundación BBVA, seleccionou a dous investigadores galegos entre os 64 proxectos que financiará na convocatoria deste ano. Verónica Bolón Canedo (Carballo, 1984), profesora de Computación na Universidade da Coruña e investigadora sobre Intelixencia Artificial no grupo Lidia desta universidade; e Rubén Nogueiras Pozo (Vigo, 1977), profesor de Fisioloxía e Farmacoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, poderán impulsar cadanseu proxecto, ao seren seleccionados entre as 1.521 solicitudes presentadas. Desde o seu nacemento, o programa Leonardo apoia a científicos e creadores de múltiples disciplinas que apostan por proxectos innovadores.

Verónica Bolón

Verónica Bolón Canedo. Imaxe: Fundación BBVA.

Verónica Bolón Canedo. Imaxe: Fundación BBVA.

A investigación de Verónica Bolón abordará os dispositivos intelixentes coñecidos como wearables: lentes, reloxos, pulseiras ou mesmo aneis que incorporan a intelixencia artificial á vida cotiá. Ante a súa crecente presenza, os investigadores están á procura de dispositivos cada vez máis pequenos e que poidan procesar máis datos. Para isto, cómpre optimizar ao máximo a información que debe manexar o dispositivo, eliminando as variables innecesarias para realizar unha tarefa determinada, e ademais poder facer cálculos potentes e sofisticados usando os menores recursos hardware posibles. O proxecto da investigadora carballesa busca, deste xeito, cumprir ambos obxectivos. Unha vez finalizado, espérase obter un produto software que poida ser ofrecido ás empresas fabricantes de wearables.

Verónica Bolón é actualmente profesora axudante no departamento de Computación da UDC. Graduouse en Enxeñaría Informática nesta universidade en 2009. Despois de doutorarse en 2014, realizou unha estancia posdoutoral na universidade de Manchester, e en 2016 reincoroporouse á UDC.  É autora de traballos moi citados na área do aprendizaxe máquina, e de varios libros. Foi premiada pola Asociación Española para a Intelixencia Artificial.

Rubén Nogueiras

Rubén Nogueiras Pozo. Imaxe: Fundación BBVA.

Rubén Nogueiras Pozo. Imaxe: Fundación BBVA.

O obxectivo do proxecto do investigador vigués, segundo informa a Red Leonardo, é estudar o papel dun supresor tumoral moi coñecido, o xene p53, sobre as accións que pode ter na síntese de glicosa e do que se empezan a coñecer novos aspectos en canto á súa función metabólica. Nos últimos anos describiuse que algúns xenes “clásicos” na regulación do ciclo celular teñen accións metabólicas relevantes a nivel sistémico. Diferentes grupos sinalaron a p53 como un destes xenes. Nun dos traballos que levou a cabo o grupo de Nogueiras concluíuse que a deficiencia hepática de p53 incrementa o almacenamento de lípidos no fígado. Dado que o exceso de lípidos afecta de maneira directa ao funcionamento hepático, expoñen a hipótese de que p53 tamén podería regular a homeostase da glicosa. Neste proxecto preténdese investigar a resposta de p53 ao estado nutricional e a súa relevancia para manter a glicosa, os mecanismos que regulan a súa acción gluconeoxénica e o seu papel como mediador do glucagón e a GH.

Rubén Nogueiras, licenciado e doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, imparte actualmente clases de Fisioloxía e Farmacoloxía. Na súa carreira conseguiu logros científicos como dilucidar as bases moleculares para un control directo do metabolismo lipídico a través do sistema nervioso autónomo, o que deu lugar a publicacións en revistas de alto impacto. En 2009 puxo en marcha un grupo de investigación centrado no estudo do mecanismo molecular implicado na obesidade e metabolismo que a día de hoxe continúa investigando as vías mediante as cales o hipotálamo regula o balance enerxético.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.