Venres 29 Marzo 2024

Investigadores galegos avanzan na comprensión da evolución molecular da vida

O equipo do CiQUS crea unha rede de fibras que imita, de maneira sinxela, a estrutura dun posible citoesquelete capaz de inducir respostas complexas

O citoesquelete é unha estrutura clave. Está composta de filamentos, dálle forma ás células e está implicada en funcións tan importantes como a mobilidade e a división celular. Un equipo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de publicar na revista Nature Communications os resultados dun estudo que afonda no funcionamento desta estrutura.

Para iso elaboraron un sistema de fibras que se unían dentro de pequenas pingas de auga servindo, así, como modelos elementais de células primitivas ou protocélulas. Esta rede de fibras, creada polos investigadores do CiQUS, daba lugar á reprodución artificial dalgunhas das posibles funcións dun citoesquelete natural primixenio. Con este estudo, o equipo da USC avanza na comprensión da evolución molecular da vida.

Publicidade

A rede de fibras formada a partir de péptidos agregados é capaz de imitar respostas celulares complexas. Foto: CiQUS
A rede de fibras formada a partir de péptidos agregados é capaz de imitar respostas celulares complexas. Foto: CiQUS

Demostración experimental

Por primeira vez, os investigadores conseguen demostrar experimentalmente que a formación dunha rede de fibras a partir de moléculas sinxelas podería ter suposto unha vantaxe evolutiva para a realización de tarefas complexas. Desta maneira, o estudo propón un posible fundamento molecular para a formación e o funcionamento dunha rede sinxela de fibras. A mesma rede que podería ter permitido que moléculas simples levaran a cabo en células primitivas algunhas funcións vitais que hoxe en día se desenvolven en sistemas moito máis complexos.

“O sistema que deseñamos está formado por péptidos —pequenas proteínas— capaces de agregarse formando fibras, nun proceso controlado pola reacción deste péptido con outra pequena molécula estimuladora”, explica o investigador Javier Montenegro sobre a formación da rede sintética que fabricou o seu grupo.

Indución de tarefas complexas

Este entramado de fibras “imita de forma sinxela a estrutura dun posible citoesquelete nesas pingas de auga ou protocélulas, sendo ademais capaz de inducir respostas complexas como, por exemplo, a captación de nutrintes do medio, a fusión de membranas e a comunicación e intercambio de moléculas entre entidades individuais”, engade o coautor principal do estudo e membro do equipo, Ignacio Insua.

O estudo, que acaba de ser publicado, foi desenvolvido integramente no CiQUS en colaboración con todo un equipo internacional de investigadores. A supervisión do traballo correu a cargo de Javier Montenegro, no que tamén asinan como autores principais Ignacio Insua e Richard Booth, xunto aos investigadores Sahnawaz Ahmed e Alicia Rioboo.


Referencia: Supramolecular Fibrillation of Peptide Amphiphiles Induces Environmental Responses in Aqueous Droplets (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos