Sábado 20 Abril 2024

O intersticio non é un novo órgano, pero coñecelo mellor é moi relevante

O concepto de intersticio non é nada novo. Figura desde hai moito tempo na literatura da Bioloxía e a Medicina. Xa se coñecía como intersticio o espazo comprendido entre as células dos seres vivos e incluso se menciona nas materias de ciencias no ensino secundario ou o Bacharelato. A propia Real Academia Galega defíneo como a “fenda ou pequeno oco entre dous corpos ou entre as partes dun corpo”. Porén, un artigo publicado a pasada semana en Scientific Reports saltou aos medios de comunicación de todo o mundo, afirmando que os científicos descubriran un novo órgano no corpo humano que permanecera oculto ata o de agora.

A existencia do intersticio xa aparece reflectida nun artigo de 1826

Pero, é isto certo? No artigo, asinado por investigadores estadounidenses, non se fala en ningún momento do achado dun novo órgano. O que se fai é describir dunha forma máis precisa e ampla a estrutura xa coñecida desde hai moito tempo, composta por tecido conectivo e líquido intersticial, que une unhas células con outras. Así, na introdución do seu traballo, os científicos sinalan que “mentres a comprensión da anatomía e composición do espazo intersticial entre as células é cada vez maior, a existencia, ubicación e estrutura dos espazos inter-tecidos e intra-tecidos só se describiu dun xeito vago na literatura”.

Publicidade

Segundo sinala a web Hipertextual, que contactou con Mark Westneat, un dos autores do estudo, a mención ao intersticio xa aparece en textos de 1826, polo que non é nada novo. “A idea de que este é un órgano novo ou que o estudo descubriu algo novo e previamente non identificado no corpo humano é claramente falsa“, di Westneat. Hipertextual explica que a orixe da información sobre o falso achado está nunha nota de prensa publicada por Eurekalert! da que se fixeron eco medios de todo o mundo.

A importancia do intersticio

Aínda que a mera existencia do intersticio non é ningunha novidade para a ciencia, si é certo que as claves da súa función e a súa estrutura son bastante descoñecidas. O achado dos investigadores estadounidenses é importante por varias razóns. O artigo expón que, mentres estudaban os condutos biliares dun paciente con cancro a través dunha novidosa técnica endoscópica, os investigadores atoparon un patrón de estruturas que non encaixaba coa anatomía coñecida desta zona, explica a web Xataka. Deste xeito, decidiron contactar con outros expertos para intentar comprender o que estaban observando. A investigación concluíu que o que ata o de agora se consideraba un simple tecido conectivo é, en realidade, unha rede de pequenas cavidades que se sosteñen por unha rede de coláxeno e elastina. Xa se coñecía a súa existencia, pero non se podía ver porque a tecnoloxía non o permitía ata agora.

Coñecer mellor o intersticio podería contribuír, por exemplo, a neutralizar de forma máis efectiva as metástases do cancro. O achado sinala que as células tumorais poderían moverse polo corpo humano a través deste tecido, conseguindo entrar no sistema linfático.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T