De esquerda a dereita, Fernando Muñoz, María Permuy, Antonio González Cantalapiedra e Mónica López Peña, nas inmediacións da Facultade de Veterinaria da USC. Foto: USC.
De esquerda a dereita, Fernando Muñoz, María Permuy, Antonio González Cantalapiedra e Mónica López Peña, nas inmediacións da Facultade de Veterinaria da USC. Foto: USC.

iBoneLab, a empresa lucense que analiza a integración de biomateriais en tecidos vivos

A nova spin-off da USC está impulsada polo grupo de investigación de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria de Lugo

Un equipo de investigadores do grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria, do Campus de Lugo da USC puxo en marcha iBoneLab, unha nova spin-off especializada no estudo da integración de biomateriais nos tecidos vivos e a análise do seu comportamento e reaccións. A empresa biotecnolóxica terá entre os seus obxectivos testar e avaliar a biocompatibilidade de materiais en tecidos vivos, especialmente tecidos duros, ademais de analizar a resposta destes fronte aos novos elementos hospedados. Para acadar este obxectivo, a nova spin-off do Campus de Lugo da USC céntrase no procesado histolóxico de mostras seguindo a técnica coñecida como de “lámina delgada”, unha metodoloxía que permite visualizar os tecidos e os materiais implantados a expensas da súa dureza.

A tecnoloxía de imaxe microscópica, unida á xa dilatada experiencia acumulada polo seu persoal, “permite a iBoneLab analizar a interacción dos distintos compoñentes das mostras e proporcionar así información veraz sobre o comportamento dos tecidos vivos ante os materiais implantados neles”, segundo destaca a USC.

María Permuy, nunha das salas de traballo de iBoneLab. Foto: USC.
María Permuy, nunha das salas de traballo de iBoneLab. Foto: USC.

O proxecto de iBoneLab achega tamén outras vantaxes competitivas, como a súa experiencia na realización e avaliación de estudos de microtomografía computerizada. Esta técnica de imaxe radiolóxica de alta resolución permite a avaliación 3D das mostras, un proceso que aporta valiosa información complementaria á histoloxía. Ademais destas prestacións de carácter pioneiro, iBoneLab concentra nunha única empresa todos os pasos da investigación en integración de materiais, desde o asesoramento técnico e a prestación de axuda á formulación da idea ata a entrega de resultados.

iBoneLab, constituída como empresa de base tecnolóxica a finais de 2019 a iniciativa de Antonio González Cantalapiedra, Mónica López Peña, Fernando Muñoz Guzón e María Permuy Mendaña, agrega os coñecementos e experiencias adquiridas durante máis de 20 anos por estes catro membros do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC. Emprazada nun laboratorio do viveiro de empresas Cei Nodus do Concello de Lugo, esta nova spin-off do Campus de Lugo ofrece xa os seus servizos a clientes nacionais e tamén de fóra de España, sobre todo en Canadá, Israel, Noruega ou Suiza, sinalan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.