Venres 19 Abril 2024

“Hai unha mutilación psicolóxica e educacional sobre o clítoris”

O clítoris foi, e aínda é, un dos grandes descoñecidos da anatomía humana, unha das ciencias médicas máis antigas. “Non foi ata 1998, por medio dos traballos da uróloga australiana Helen O’Donnell, cando se soubo con exactitude como era un clítoris”, sinala a sexóloga Martina González Veiga, responsable do Centro de Sexoloxía “Con mucho gusto“. Martina, coa colaboración do enxeñeiro Juan Callón, , de Imprenta 3D, imprimiu un modelo en tres dimensións e a tamaño real, co obxectivo de empregalo na educación sexual.

Houbo que agardar ao ano pasado cando se fixo o primeiro plano preparado para facer copias en tres dimensións do clítoris. A investigadora francesa Odile Fillod, “consciente de que o clítoris non estaba ben representado nos libros de texto, e do descoñecemento do mesmo, encárgalle a artista Marie Docher que lle fixera un modelo e deciden facer en 2016 o primeiro clítoris impreso en 3D, e facer accesibles os planos para que calquera persoa poida imprimilo e que se poida empregar con fins educativos”, conta Martina González. Hai uns meses, con motivo das Nerd Nites de Santiago, o catedrático Jorge Mira propúxolle a Martina realizar unha charla sobre o clítoris. E aproveitando a novidade do deseño en tres dimensións, ela decidiu enfocar a súa intervención en base a este modelo. “Creo que era de xustiza poética”, sinala Martina, que engade que este órgano foi “sistemáticamente era invisibilizado ou menosprezado pola medicina e a psicoloxía”.

Publicidade

Modelo desenvolto pola artista francesa Marie Docher en 2016.

Nese momento entra en xogo Juan Callón, enxeñeiro e xerente da empresa Imprenta 3D. “Unha amiga en común comentoulle a Martina que eu me dedicaba á impresión 3D, polo que se pon en contacto comigo”, conta. Enviáronlle un enlace dunha páxina onde a artista Marie Docher publicara toda a información ao respecto, ata os arquivos para levar a cabo a impresión. Callón púxose en contacto (foi a primeira persoa en facelo) con Docher para pedirlle permiso para a reprodución comercial do aparello, e todo foron facilidades. “Non só me dixo que si, senón que para ela é importante que o coñecemento se expanda de maneira libre“.

O procedemento foi sinxelo. “Só fixo falta un pequeno axuste”, sinala. “Neste caso, no balance resistencia da peza contra a estética, o que prima é o aspecto visual, de maneira que tes que fabricar a peza con isto último en mente”. A Juan chamoulle a atención a morfoloxía do clítoris. “Sorprendeume que esa fose a forma real”. E engade que lle alegra contribuír á súa difusión: “Para min é importante a súa aplicación en temas de educación sexual, para que entendamos mellor os nosos corpos, e de feito pode que a partir de aquí xurdan máis proxectos relacionados coa educación sexual”.

“É unha ferramenta de traballo moi potente“, explica Martina. “A xente non se fai a idea de como é ata que o ve así, quedan moi sorprendidos porque non sabían que era tan grande, e pregúntanme como é posible que ninguén llo ensinase antes”.

CLITORIS 3D from Marie Docher on Vimeo.

Para Martina, este descoñecemento ten que ver co enfoque únicamente reprodutivo que se lle dá á sexualidade das mulleres. “Como a función do clítoris é proporcionar pracer e orgasmos, desaparece dos debuxos e desaparece das explicacións. É unha mutilación psicolóxica e educacional, o que non se coñece non existe”. Cre, por tanto, que a divulgación deste modelo pode contribuír a desterrar moitos mitos. “O coñecemento do clítoris fai evidente que a estimulación da vaxina co pene non é o método máis doado para que as mulleres teñan un orgasmo, e que a meirande parte das mulleres precisan a estimulación directa do clítoris, xa que é o órgano deseñado para ese fin. Desmonta que o pracer da muller dependa do pene e ademais explica que a relación sexual non ten porque rematar cando o home chega ao orgasmo”.

Conclúe a sexóloga galega que “en xeral, os xenitais das mulleres están menos investigados ca os dos homes, e peor representados, do pene coñécense ben tódalas partes, o mecanismo da erección está estudado que é una marabilla e non adoitan a omitirse partes nos debuxos anatómicos. Isto é moi grave, e ten importantes implicacións na vivencia do corpo e da nosa sexualidade. Todo comeza no corpo”.

 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Doces de sabores: os fármacos pediátricos en 3D pioneiros en Galicia

Santiago lidera unha das últimas innovacións no mundo da farmacoloxía coa impresión de medicamentos en forma de lamberetada

Unha investigadora galega deseña próteses en 3D para integrar no tecido óseo

Ana Mejuto vén de gañar un áccesit da Real Academia de Farmacia por un artigo da súa tese doutoral sobre implantes 3D

Descobren que as serpes teñen dous clítoris

Ata o de agora confundíronse estes órganos con hemipenes ou glándulas odoríferas. A súa vida sexual podería ser máis complexa do que se cría

A investigadora María Vivero López, premiada pola Real Academia de Farmacia de Galicia

A farmacéutica foi galardoada co Premio Julián Francisco Suárez Freire a Mozos Investigadores por unha proposta que integra audífonos e fármacos