Unha guía dos elementos en galego para o Ano da Táboa Periódica

A Real Academia Galega acolleu este luns a presentación dunha obra de referencia na que colaboran expertos en filoloxía e química

Pola esquerda, Marcelino Maneiro, Víctor F. Freixanes, Manuel Bermejo, Ana María González Noya e Manuel González. Fonte: RAG.
Pola esquerda, Marcelino Maneiro, Víctor F. Freixanes, Manuel Bermejo, Ana María González Noya e Manuel González. Fonte: RAG.

Co gallo do 150 aniversario da presentación da táboa periódica de Dimitri Mendeleiev, agroman polo mundo numerosas iniciativas para render homenaxe a un dos alicerces da química, xa que a ONU declarou 2019 como Ano Internacional da Táboa Periódica. En Galicia xa hai en marcha algunhas ideas, como o xenuíno proxecto da granxa A Cernada de Palas de Rei para darlle nome de elementos químicos ás vacas que nazan durante este ano. E a lingua non podía ser menos.

Publicidade

Este luns, a Real Academia Galega acolleu a presentación da Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións,unha obra divulgativa que supón “”a primeira oferta de denominación normalizada e oficial dos nomes dos elementos químicos en galego”, subliña Manuel González, coordinador do Termigal, un servizo creado en 1997 por un acordo entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Política Lingüística e o CRPIH.

Alén do aspecto lingüístico, a guía é “unha obra fundamental para o profesorado universitario de Química, de Bioloxía e de Farmacia, para o relacionado con estas materias nos outros niveis de ensino, para os profesionais da industria química e farmacéutica, xornalistas especializados e mediadores da comunicación ou tradutores. Pero tamén é atractiva para calquera persoa porque pode ser lida como un relato, dá información pero que tamén esperta o interese do lector e divirte”, valora Manuel González.

A obra recolle tamén as achegas de mulleres ao longo da historia da química, como Lise Meitner, Marguerite Perey ou Ida Eva Tacke

A obra visibiliza tamén voces protagonistas da química, entre elas mulleres de grande importancia na historia do coñecemento, engaden os autores a só unhas semanas da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia. É o caso, entre outras, de Ida Eva Tacke, codescubridora do renio; Marguerite Perey, descubridora do francio; ou Lise Meitner, codescubridora do protactinio e lembrada co nome dado a outro elemento, o meitnerio.

Este traballo conta con Manuel Rafael Bermejo, Ana González Noya e Marcelino Maneiro, profesores de química inorgánica da Universidade de Santiago como autores. Estes mesmos investigadores veñen realizando desde hai tempo as actualizacións da táboa periódica en galego. E tamén contou coa participación na revisión lingüística e terminolóxica das investigadoras Tania de Dios Miguéns, Beatriz Fariñas, Belén Poutón e Inés Veiga, un labor realizado desde o Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) que contribuirá a estandarizar as denominacións dos elementos químicos en galego.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, salientou que iniciativas como esta “deben entenderse no proceso de modernización, enriquecemento e actualización permanente da lingua”, un compromiso da Academia que se vén concretando tamén a través doutras accións como a incorporación ao Dicionario de terminoloxía específica das matemáticas, a informática ou as telecomunicacións, engade. “A lingua galega non pode manterse á marxe da realidade científica e tecnolóxica”, conclúe.

Os elementos en clave galega

“Ao longo do volume resáltase o importante papel da química na sociedade actual, con exemplos de múltiples aplicacións dos diferentes elementos, e moitos destes exemplos son próximos, escollidos en clave galega”, explican os autores. É o caso das minas de volframio ou dos ferreiros de Riotorto, entre outros.

Un por un, todos os elementos químicos coñecidos ata a actualidade van sendo descritos neste volume que afonda tamén no seu aspecto, a súa historia, o seu comportamento, a súa utilidade e a súa posible perigosidade, ademais de pescudar na orixe da súa designación. A do hidróxeno, que quere dicir xerador da auga, débeselle a Lavoisier, quen o obtivo por descomposición do vapor da auga con ferro roxo e comprobou logo que o H2 arde no ar para producir auga, recolle a guía.

O último elemento oficial é o 118, o oganesson, o de maior peso atómico sintetizado, que debe o seu nome ao físico nuclear ruso Yuri Oganessian. O libro incorpora a súa denominación xunto ás dos outros últimos descubertos, o nihonio, o moscovio, e o ténnesso, aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC). Pecha a obra o unennio, nome provisional dun elemento ata o momento non sintetizado, aínda que os autores se mostran convencidos que non será o derradeiro: “Non dubidamos que, como predixo Mendeleev, a táboa periódica rexistre novas incorporacións”.

 

1 comentario

  1. Ola boas, onde se pode mercar?.
    Outra cousa, parece ser que as formas osíxeno e oxíxeno para o elemento químico son equivalentes, é isto posíbel?. Para min é o osíxeno (do grego xenerador de acedos)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.