Venres 29 Marzo 2024

A gran beleza que debuxan as matemáticas

“A liña recta é do home, a curva pertence a Deus”, dixo Antonio Gaudí. Cóntase que Napoléon, cando visitou a catedral gótica de Chartres, pronunciou unha frase preciosa. “Un ateo non estaría a gusto aquí“, sentenciou, abraiado pola beleza das formas e a luz do templo, como se aquilo non puidese ser obra deste mundo. Con estes dous fermosos exemplos comezou Luis Rández, catedrático da Universidad de Zaragoza (Unizar), unha charla que deixou coa boca aberta a decenas de alumnos na Facultade de Matemáticas da USC. Unha hora que valeu moito e que, posiblemente, espertara máis dunha vocación.

Á actividade asistiron, acompañados polos seus profesores, decenas de alumnos e alumnas de institutos de Cee, Moaña, Ponteceso, Muxía e Santiago. O encontro con Luis Rández, que tamén é director do Instituto Universitario de Matemáticas e Aplicacións da Facultade de Ciencias da Unizar, estaba organizado pola Sociedade Española de Matemática Aplicada e Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Agapema).

Publicidade

Na arte, todo ou case todo se pode explicar, segundo expuxo Rández, coas combinacións entre liñas rectas e circunferencias. Pola pantalla foron circulando obras célebres que o catedrático debullou en formas simples que a primeira vista parecen imposibles de acadar: o home de Vitrubio, as volutas xónicas, os cadros de Kandinski ou Mondrian… Coa axuda da proporción áurea, as raíces cadradas, os ángulos e os radios, a arte xorde como se fose maxia.

Pasos para conformar unha das tracerías de Notre Dame, segundo explicou Luis Rández.
Pasos para conformar unha das tracerías de Notre Dame, segundo explicou Luis Rández.

O poñente demostrouno cun exemplo ben coñecido: as formas da catedral de Notre Dame, en París. Círculo a círculo, con puntos de corte, tanxentes e arcos, vaise construíndo unha figura que abraia a todo aquel que a ve. Pero tamén a arte islámica, cos exemplos cheos de cor e beleza na Alhambra de Granada, o Alcázar de Sevilla ou a arquitectura mudéxar de Aragón, ou as proporcións que ideou o Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, teñen a súa orixe no método científico.

A beleza, en todas partes

Pero a beleza das matemáticas non se ve só mirando cara a arriba, segundo explicou Rández. Moitas veces está no propio chan. Se camiñamos polas rúas de moitas vilas galegas, ou nos famosos mosaicos das beirarrúas portuguesas, ou polo Cairo, estaremos pisando o que alguén ideou na súa cabeza tendo moi en conta a xeometría, e baixo dúas premisas básicas do que se veu chamar teselado: que non haxa espazo baleiro entre figura e figura, e que non se superpoñan unhas enriba de outras; a harmonía ten que ser perfecta.

E tamén pode estar, por exemplo na cabeza dun enxeñeiro da Renault. E pode ter aplicacións que hoxe son cruciais no noso día a día. Luis Rández contou a historia de Pierre Bézier, un francés que desenvolveu nos anos 60 un método para o trazado do debuxo técnico mentres traballaba no deseño de automóbiles. A idea das curvas de Bézier úsase hoxe nas impresoras, nos programas de deseño asistido por computación (o famoso CAD) ou nos formatos de arquivo PDF.

A intervención do catedrático de Matemáticas pechouse coa curtametraxe Ars Qubica, un proxecto desenvolvido pola Unizar no que se explican, en menos de catro minutos, as enormes achegas que a xeometría ofreceu á arte. Pódese ver aquí:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación