Mércores 24 Abril 2024

A Sagrada Familia de Gaudí, a uns minutos da catedral de Santiago

A exposición sobre a basílica achegará o templo aos visitantes no mosteiro de San Martiño Pinario
A exposición sobre a basílica achegará o templo aos visitantes no mosteiro de San Martiño Pinario.

Antonio Gaudí chega a Galicia. E faino na cidade do Apóstolo. A súa obra arquitectónica máis prestixiosa, a Sagrada Familia de Barcelona, arriba a Santiago de Compostela. “Gaudí e a Sagrada Familia. Unha experiencia interior abre as súas portas a tan só catro minutos da Catedral, no mosteiro de San Martiño Pinario. Está dispoñible dende o 6 de xuño ata o 30 de setembro. A exposición desvelará os segredos dun dos monumentos máis visitados de España. A través de tres ambientes, poderase afondar en aspectos chave sobre a vida do autor e a súa basílica. Tamén terá a súa disposición unha manchea de sorpresas, como unha maqueta a escala 1:200 do edificio.

O claustro de San Martiño Pinario é o emprazamento no que, por primeira vez en Galicia, os visitantes poderán ser participes da historia da construción da Sagrada Familia. É un percorrido que abrangue todo o proceso:  dende a colocación da primeira pedra ata no ano 1882 ata á futura finalización da construción. “Todos teñen en común que cando entran na basílica quedan marabillados”. Así falaba sobre a experiencia dos asistentes Marta Otzet, directora de Marketing e Comunicación da Sagrada Familia.

Publicidade

Os aspectos descoñecidos do autor da basílica

O autor da basílica é considerado un arquitecto científico pola minuciosidade do seu traballo e polo seu método persoal
O autor da basílica é considerado un arquitecto científico pola minuciosidade do seu traballo e polo seu método persoal.

Para algúns, Gaudí era máis que un revolucionario, un científico da arquitectura que aplicaba  formas xeométricas ás súas creacións. Todas elas son providenciais. Isto dótaas dun significado concreto e, en consecuencia, engade nelas un valor adicional. O certo é que Antonio Gaudí foi un persoeiro ateigado de misterios. Por exemplo, moitos aínda descoñecen a súa grande devoción pola Virxe María, a quen dedicou a ábsida da Sagrada Familia. A vida do arquitecto non foi fácil. Outros artistas como o pintor Pablo Picasso ou o escritor George Orwell rexeitaban algunhas das súas obras. Porén, tamén foi admirado por outras eminencias como Dalí.

Cando finalizarán as obras do templo?

Marta Otzet: “Se non tivera feito maquetas non poderiamos ter retomado o proxecto”

O arquitecto destinou máis de 40 anos á construción da Sagrada Familia. Doce anos antes da súa morte, decidiu dedicarse exclusivamente a este proxecto. A tarefa no foi doada. Hoxe, alí xace o seu corpo, na capela da Virxe do Carme. E tras case cen anos despois da súa morte a pregunta segue a ser a mesma: Rematará a súa construción algún día? A resposta, presente na exposición de Santiago de Compostela é si. Xa hai unha data provisional: 2026. En catro anos xa estarán construídas catro torres que ultimarán o templo. “Se non se tiveran feito maquetas non poderiamos ter retomado o proxecto”, afirma Marta Otzet.

Mediante unha serie de fotografías, os participantes poderán, no mosteiro de San Martiño Pinario, trasladarse á basílica da Sagrada Familia. Poderán tamén descubrir que hai de ciencia en Gaudí. O método de traballo que empregaba, por exemplo, explica o realismo das esculturas presentes no templo. Consistía en facer un estudo minucioso da anatomía da figura, centrándose nas articulacións. Para isto, botaba man dalgúns bonecos de arame para probar a postura adecuada da figura que tiña en mente. Tamén se axudaba dalgúns moldes que el mesmo elaboraba ou incluso de persoas.

Un dos templos máis espectaculares da historia da arte

A basílica da Sagrada Familia é recoñecida por moitos profesionais da primeira arte como unha xenialidade. Poderíase dicir que xa é un axioma. “A obra da Sagrada Familia é lenta porque o Amo desta obra non ten prisa”, explicaba en vida o propio Antonio Gaudí. Con calma e paciencia deixou a medias unha obra que xa denotaba excelencia. Unha creación que evoca sensacións diversas. Hai quen afirma ter experimentado algo indescritible, unha conexión espiritual dentro do recinto.

“A obra humana non pode superar á Divina, por iso a Sagrada Familia terá 170 metros de altura, tres metros menos que a montaña de Montjuic”, dicía o autor. A relixiosidade de Gaudí queda así plasmada na súa obra.  Porén, o templo é o rañaceos máis alto de toda a capital catalá. Na basílica, como todo ten un significado, non abonda con visitala, é preciso entendela. A exposición de Santiago desvela algúns dos detalles máis curiosos do proceso de construción. Gaudí fixo da Sagrada Familia de Barcelona unha obra arquitectónica enchida de simbolismo. O autor propuxo a construción de dezaoito torres que representan aos apóstolos, aos evanxelistas, a Xesucristo e á Virxe María. Ademais, na fachada se representan con detalle diferentes escenas bíblicas. É unha obra de precisión por dentro e por fóra.

Unha exposición que traslada no espazo

Na visita á exposición “Gaudí e a Sagrada Familia. Unha experiencia interior, os visitantes acharán unha morea de cousas sobre unha das obras máis prestixiosas da historia da arte. Aprenderán sobre as columnas arbóreas, nunca empregadas ata o momento. Tamén o farán sobre a función das esculturas ou o incrible sistema acústico do claustro da basílica. En palabras de Marta Otzet, comprobarán que “o interior é unha expresión de luz e de cor”. É unha oportunidade única para acceder, dende a distancia, a unha das obras máis visitadas de España. A día de hoxe, millóns de persoas acuden cada ano. Que acontecerá cando por fin rematen o templo? Confíase en que Jordi Faulí, o actual director do proxecto, cumpra coa súa promesa de finalización no 2026.

Os asistentes poderán acceder ás instalacións da exposición sobre a basílica da Sagrada Familia ata o 30 de setembro.
Os asistentes poderán acceder ás instalacións da exposición sobre a basílica da Sagrada Familia ata o 30 de setembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:06

Z de Zas: unha ponte (medieval) á arquitectura do pasado

A catedral de Santiago, a capela de San Miguel de Celanova e a igrexa de Santa Comba de Bande son algunhas das obras máis representativas da Idade Media en Galicia

O falso mito das casas galegas de pedra: cando os muros eran brancos

Hai 100 anos, as vivendas galegas cubríanse de cal por cuestións hixiénicas e de illamento térmico, pero unha nova corrente estética do século XX reverteu a tendencia

As galerías acristaladas da Coruña melloran o grao de confort das vivendas nun 27%

Un estudo sitúa o salto térmico achegado durante case todo o ano nun rango de entre 5 e 10 graos centígrados, cunha temperatura media anual en torno aos 22

Fainos máis felices crer en Papá Noel e os Reis Magos?

A rapazada que cre durante máis anos nos seres máxicos do Nadal adoita ser máis feliz cando chega á idade adulta