Venres 19 Abril 2024

Un gas illante, posible ‘culpable’ de que haxa un océano interno en Plutón

A historia da auga en Plutón non é nova. En decembro de 2016, un estudo publicado en Nature expoñía a posibilidade de que houbera un océano con tanta auga como a Terra. Non en tanto, as investigacións continuaron, e un traballo que publica esta semana Nature Geoscience propón unha nova visión sobre o suposto océano do planeta anano.

Debido ás baixas temperaturas (por debaixo de -200ºC) que ten Plutón, críase que era físicamente imposible a existencia de auga líquida, pero un equipo de astrónomos xaponeses achega un novo enfoque: a existencia dun gas illante baixo o xeo da superficie, e por riba do suposto océano, que permitiría a existencia de auga en estado sólido e líquido.

Publicidade

Esta proposta podería ser compatible coa anomalía detectada en 2015 pola sonda New Horizons na chaira Sputnik, e cuxos datos valeron para o artigo de 2016. Este océano líquido explicaría, do mesmo xeito, as características tectónicas do planeta.

“Para manter un océano, Plutón ten que conservar a calor no seu interior. Por outra banda, para manter grandes variacións no seu espesor, a codia de xeo de Plutón necesita ser fría“, escriben os investigadores no seu artigo. E engaden: “A presenza dunha fina capa de hidratos de clatrato (hidratos de gases) na base da codia de xeo pode explicar tanto a supervivencia a longo prazo do océano como o mantemento dos contrastes de grosor das diferentes capas”.

A través dunha simulación, o equipo calculou o tempo que tardaría en conxelarse o océano interno de existir unha capa de gas illante

Así, o equipo propuxo unha hipótese na que xustificaban o fenómeno debido á presenza dunha capa de hidratos de gas, e desenvolveron simulacións por computadora para comprobalo. Así, desde hai 4.600 millóns de anos, os investigadores simularon a evolución de Plutón, con e sen esta capa de hidratos de gas entre a codia xeada que cobre a chaira Sputnik e o océano baixo ela.

Os investigadores modelaron a evolución térmica do planeta anano, e calcularon canto tempo tardarían en conxelarse os océanos do subsolo e formar, deste xeito, unha capa de xeo uniforme. Así, viron que, sen a capa de hidratos de gas, o océano, como se esperaba, quedaría completamente conxelado hai uns 800 millóns de anos, cando os primeiros animais da Terra comezaban a aparecer.

Pero non foi o caso da simulación que incluía o hidrato de gas. Mostrou que, cando está illado por unha capa de gas, o océano apenas se conxelaba. Mentres que unha capa de xeo de espesor uniforme só tardou uns 100 millóns de anos en conxelarse sen unha capa de hidratos de gases, ao engadir esa capa á simulación, o tempo de conxelación aumentou a máis de 1.000 millóns de anos.

Aínda que o xeo que cobre a charira Sputnik é na súa maior parte nitróxeno xeado, o candidato máis probable para ese hidrato de gas sería o metano, procedente do núcleo rochoso de Plutón. “Os hidratos de gas actúan como un illante térmico, evitando que o océano se conxele completamente, mantendo a coida de xeo fría e inmóbil”, escriben os investigadores.

Estes achados demostran, do mesmo xeito, unha nova vía para explicar por que os  os océanos líquidos poden existir mesmo nos planetas máis fríos.

Referencia: Pluto’s ocean is capped and insulated by gas hydrates (Publicado en Nature Geoscience).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente

VÍDEO | Así foi como se pudio crear a Lúa

Unha nova simulación da NASA mostra que o satélite puido formarse moito máis rápido do que se pensaba. En menos dun día tras a colisión dun obxecto do tamaño de Marte coa Terra.

Poden ser os hidratos de gas fonte alternativa de enerxía? Científicos do Cinbio cren que si

Un proxecto de simulación molecular do centro da UVigo investiga estas estruturas co horizonte da loita contra o cambio climático

“A foto do buraco negro foi unha alegría enorme porque demostra que Einstein tiña razón”

A astrofísica ourensá Raquel Fraga forma parte do equipo internacional que capturou a imaxe de Saxitario A*, no centro da Vía Láctea