Venres 19 Abril 2024

Galicia prepara un sistema para mellorar a predición meteorolóxica e oceánica

Con preto de 6.000 quilómetros de costa, España unicamente conta cunha vintena de boias que achegan unha predición sobre o estado do mar, que os expertos e profesionais do sector consideran totalmente insuficiente. Pero non só en España existe unha manifesta carencia de información marítima, mesmo a Comisión Europea, xa no ano 2014, incidiu na necesidade de mellorar os sistemas de información para reducir os accidentes no transporte marítimo, protexer infraestruturas e ecosistemas e mellorar actividades produtivas como a acuicultura. “A necesidade de saber que tempo fai se produce tanto en terra como no mar, pero mentres en terra hai miles de estacións meteorolóxicas conectadas en rede, no mar non hai posibilidade de facer predicións fiables por falta de boias e por que estas deixan de funcionar ou pérdense polas condicións do mar”, explica Carlos Durán, director executivo de HCTECH, empresa conformada a partir da spin-off da Universidade de Vigo Hércules Control, que desenvolve solucións para oceanografía. Precisamente, e co obxectivo de deseñar un sistema que achegue unha predición oceano-meteorolóxica fiable, Carlos Durán, xunto ao enxeñeiro de telecomunicacións e docente xubilado da Universidade de Vigo Xulio Hermida, puxo en marcha o proxecto Infor-mar, Tecnoloxías para o despregue de información marítima de precisión, no que tamén participan o grupo de investigación CIMA da Universidade de Vigo, o centro tecnolóxico Gradiant e as empresas Strelia Electrotecnia e Quantum Innovative.

Esquema de funcionamento da rede de predición. Fonte: Duvi.
Esquema de funcionamento da rede de predición. Fonte: Duvi.

Cun orzamento total de 767.560,40€ e unha subvención da Axencia galega de Innovación (GAIN) a través do programa Conecta PEME de 383.780,20€, Infor-mar estrutúrase en dúas actividades principais: deseño e desenvolvemento de sistemas de monitorización marítima e xeración dun centro de control e explotación de información marítima. “O proxecto ten o obxectivo de desenvolver unha rede de sensórica de alta precisión e baixo custe, que permita aplicar matemática avanzada para unha disrupción no modelo de negocio na predición oceáno-meteorolóxica”, sinala Durán, que incide en que o custo e mantemento das boias actualmente utilizadas para a medición da ondada, fai imposible crear unha rede ampla de datos, que son precisos para poder alimentar modelizacións que permitan desenvolver unha predición fiable das condicións do mar.

Publicidade

Unha mellor predición

Profesionais da pesca e o marisqueo, da xestión de portos e tráfico marítimo, da navegación de recreo e en xeral de calquera actividade que depende das condicións do mar, serían as e os usuarios potenciais dos datos que nun futuro podería prover Infor-mar, que rematará en setembro do ano 2020. “Coa subvención recibida imos facer unha rede pequena de demostradores e calcular o custo que temos para ver e ese cambio de paradigma que queremos facer é posible. Trátase de probar que podemos colocar sensores que sexan estables e nos dean series temporais de datos largos para facer prognósticos meteorolóxicos, a través de modelos numéricos e de intelixencia artificial, e sacar uns prognósticos que sexan fiables”, detalla o director executivo de HCTECH.

Finalizada xa a primeira anualidade do proxecto na que se identificaron as especificidades que deben cumprir os sensores, tamén se comezou a traballar nos modelos virtuais para o estudo do impacto de diferentes tipos de boias sobre as medidas dos sensores.

A achega do grupo de investigación CIMA

Ao longo do proxecto e en diferentes etapas tomarán parte nel sete investigadoras e investigadores co grupo CIMA da Universidade de Vigo. “As tarefas que se realizarán son: estudos de condicións físicas e tarefas de desenvolvemento de encapsulado de sensores mediante técnicas de desenvolvemento CAD 3D e cálculo FEM, que permita a operatividade dos sensores nas condicións de traballo sen diminuír a capacidade de medición; estudos de resposta do sensor en tanque de ondas a escala; construción de modelos virtuais para o emprego de técnicas de simulación numérica para realizar predicións do comportamento hidrodinámico de diferentes estruturas ante diversas condicións ambientais e optmización de xeometrías de flotación e adecuación do sensor a outros equipos”, enumera Daniel Burgos, investigador do grupo CIMA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia
00:00:12

Karlotta azouta Galicia con refachos de máis de 200 km/h

A borrasca mantén á comunidade en alerta laranxa por vento e chuvia este xoves e provoca varias incidencias
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

Un crustáceo do tamaño dun gran de area: un reservorio de microplásticos no océano

Estes organismos poden reter ata un máximo de 200 partículas por metro cúbico de auga mariña e representar un punto de entrada nas redes tróficas