Elisa Fernández Rei é a investigadora principal de 'Lingua Viva'. Foto: Sumo Valor.
Elisa Fernández Rei é a investigadora principal de 'Lingua Viva'. Foto: Sumo Valor.

Como falas o galego? O proxecto Lingua Viva quere lerte e escoitarte

A investigadora Elisa Fernández Rei dirixe unha investigación coa que se conformará unha plataforma para recibir "doazóns lingüísticas"

A riqueza e diversidade do galego, coas expresións, a fonética e os rexistros que varían a través do territorio, é un tesouro que tanto os propios falantes como os investigadores que se dedican ao estudo da lingua queren conservar. Baixo o título Lingua Viva, unha iniciativa dirixida por Elisa Fernández Rei, investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILG), pretende poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego mediante un método colaborativo coa cidadanía. Un xeito, explican desde a USC, de que todos os cidadáns poidan participar fornecendo o seu coñecemento lingüístico. “O noso propósito é crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo”, indica Fernández Rei.

Para poñerse en marcha, Lingua Viva ten aberta unha liña de financiamento a través do programa de micromecenado da USC, Sumo Valor. Con estas achegas poderá contribuírse ao seu desenvolvemento. A plataforma en liña incorporará distintas vías para levar a cabo a recollida do legado lingüístico, que pode ir desde a doazón de palabras e expresións ata o envío de audios ou vídeos, conversas de whatsapp ou a participación en experimentos de produción ou percepción lingüística. “Por exemplo, a xente pode achegar as distintas expresións que emprega para amosar enfado, xa sexa a través dunha gravación, texto escrito… e con todo ese material obtense unha representación gráfica na que se reflicten as diversas expresións que se usan segundo a idade ou o sexo, poñamos por caso”, explican desde o ILG.

“A idea é que a cidadanía achegue información, pero que tamén poida comprobar como a fala cambia segundo distintos parámetros. As linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio, e precisamente iso é o que as converte en instrumentos tan eficaces para nos entendermos e nos comunicarmos”, engade Elisa Fernández.

Por outra banda, tal como explica a investigadora, “o recurso ofrecerá visualizacións dos datos que se vaian achegando, co fin de que as persoas que doan coñecemento lingüístico teñan un retorno e poidan ver como a súa doazón contribúe e enriquece a presentación dos datos en gráficos, mapas ou outros métodos de visualización”.

O corpus de ‘Lingua Viva’

A finalidade de Lingua viva é conformar un corpus amplo que represente de maneira adecuada a variedade do galego vivo en todas as súas expresións, contribuíndo a que a xente tome conciencia da riqueza que supoñen as linguas, que se recoñeza o valor que representa unha lingua viva. Ademais, a partir dos datos recollidos, poderanse realizar unha serie de investigacións moi últiles nos campos lingüístico, sociolingüístico ou da análise do discurso. “Un xeito de facer visible e poñer en valor o patrimonio lingüístico do galego actual”, resumen desde a USC.

“O noso principal obxectivo non é tanto salvagardar aspectos da lingua que se van perdendo senón resaltar a capacidade de comunicación e expresión da lingua que creamos e conformamos cada día cando falamos. A idea é que a xente vexa a lingua como algo vivo e que se recoñeza nalgún dos xeitos que temos de falar en Galicia. Trátase de achegármonos a como a xente realmente fala”, salientan desde o ILG.

A investigadora principal de ‘Lingua Viva’, Elisa Fernández, manifesta que “a investigación no eido da comunicación en xeral e da lingüística en particular ten cada vez máis importancia nun mundo no que se comunica tanto a través de tantos medios distintos, usando moitas veces tecnoloxías que están en continua mudanza. Movemos grandes volumes de información usando a lingua, de xeito que estas investigacións pódennos axudar a xestionar mellor a información e a aprender máis de como nos comunicamos para entendernos mellor”.

Nesta liña, Fernández apunta que “é fundamental que os cidadáns se animen a participar tamén nas investigacións de carácter lingüístico a través de pequenas doazóns económicas porque a lingua é de todos, é un ben que nos pertence a todos por igual e os resultados destes proxectos representan un beneficio para o conxunto da sociedade”.

1 comentario

  1. Entrei no enlace do financiamento e pon que a data límite para a achega das doazóns é o 31/03/2020. ¿Está correcto isto?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.