Martes 19 Marzo 2024

Formación e innovación, chaves para adaptarse ao novo mundo que xa está aquí

A Xunta impulsa as Unidades Formativas na Empresa e Unidades Mixtas de investigación para achegar á cidadanía as novas realidades laborais e tecnolóxicas

Nos últimos anos estamos sendo testemuños de cambios tecnolóxicos que cambiaron en gran medida a nosa forma de relacionármonos, de abordar as nosas tarefas cotiás e de traballar. Os coñecementos adquiridos hai anos poden parecer, nalgunhas ocasións, pouco acaídos para o novo modelo produtivo, e cómpre que os empregadores e institucións públicas faciliten aos seus traballadores a adaptación á nova realidade. Neste senso, a Xunta de Galicia desenvolve diversas iniciativas para responder a esta demanda. Da man de mecanismos como as Unidades Formativas na Empresa ou as Unidades Mixtas de Investigación, búscase que toda a cadea produtiva, desde os operarios e operarias ata os científicos responsables de deseñar as últimas innovacións, teña opción de situarse nunha boa posición de saída cara ao futuro que xa está aquí.

Formación en empresas

Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha unha nova edición das Unidades Formativas na Empresa, un proxecto pioneiro con 500 novas unidades que ofrece unha mellora na cualificación a preto de 4.500 persoas, tanto traballadoras en activo como en paro, con especial atención aos sectores estratéxicos vinculados á Axenda Industria 4.0. As unidades enmárcanse tamén na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego busca impulsar o traballo de calidade e o emprego estable.

Publicidade

O proxecto incide na formacion dos desempregados, con tres millóns de euros de orzamento cos que se formarán a máis de 1.500 persoas en paro a través de 100 cursos, cun compromiso directo por parte das empresas de contratar polo menos ao 40% dos participantes nesta iniciativa.

Ademais, a Xunta apoiará as contratacións destas empresas en canto superen a porcentaxe de compromiso, ofrecendo axudas con importes de entre 7.000 e 18.000 euros destinadas especialmente aos colectivos con dificultades á hora de atopar traballo, como os parados de longa duración, persoas con discapacidade funcional ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos ou emigrantes retornados. Alén disto, as empresas recibirán unha bonificación de apoio extra no caso de que estean emprazadas no medio rural.

Xunto aos cursos para persoas desempregadas, tamén se poñerán en marcha 400 unidades formativas que servirán para que as empresas enriquezan a formación dos seus propios traballadores, que ofrecerá unha aprendizaxe específica a preto de 3.000 persoas. Esta iniciativa, que conta cun investimento público de cinco millóns de euros, ten o prazo de convocatoria aberto. 

Desde a súa posta en marcha o ano pasado, xa son 12,7 millóns de euros os que a Xunta destinou para ofrecer unha formación técnica a máis de 7.100 persoas desempregadas ou ocupadas a través de 690 cursos, buscando esa resolución específica que permita un desenvolvemento profesional por parte dos galegos e galegas, salvagardando a competitividade e acadando novos horizontes de capacitación. 

Ademais, esta aposta pola formación permitirá a incorporación de 41 novas especialidades propostas polas empresas no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal. 

Unidades Mixtas de Investigación

Alén da formación, é preciso crear un ecosistema de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación que alimente ao sector produtivo en Galicia. E neste sentido, a Xunta de Galicia mobilizará 20 millóns de euros de investimento público e privado para impulsar o traballo de nove proxectos de innovación (catro xa existentes e cinco de nova creación) nos que colaborarán empresas e organismos enfocados no coñecemento.

Este sistema de Unidades Mixtas de Investigación (UMI) permite ofrecer, segundo a Xunta, unha fórmula híbrida que consensúa o traballo común da iniciativa privada e dos servizos públicos, contribuíndo a un desenvolvemento conxunto centrado na mellora dun eido central.

Estes proxectos enmárcanse en sectores estratéxicos da economía galega, como a automoción, o naval, o aeronáutico, o biotecnolóxico ou o forestal, creando ou mantendo 133 postos de alta cualificación. 

Así, dentro das cinco iniciativas de nova creación (co-financiadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020), atópase o proxecto Nautilus, no que colaborarán Navantia e Aimen, na procura de novos materiais e sistemas automatizados para a fabricación avanzada, con aplicación en buques militares. 

As Unidades Mixtas reúnen o esforzo do capital público e privado para contribuír a un desenvolvemento común

Apoiarase tamén o proxecto de Everis e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), centrado en investigar posibles melloras no tráfico aéreo, que desenvolverán servizos converxentes co novo paradigma de xestión UTM/USpace. 

En canto ao sector forestal, destaca a cooperación entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a empresa Finsa, que buscarán un proxecto de economía circular da madeira cara unha construción baixo-enerxética na UMI Eixo. 

Pola súa banda, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Grupo Antolín Enxeñería darán conta da súa colaboración coa iniciativa E-Space, que busca renovar os interiores dos vehículos ante os futuros retos da mobilidade, investigando novos conceptos mediante a electrónica que integren solucións innovadoras. 

A quinta das UMIs de nova creación nesta edición será a que une o traballo de Aimen con ArcelorMittal, desenvolvendo tecnoloxías facilitadoras para a fabricación de produtos de aceiro, incorporando novos materiais e tecnoloxías de fabricación que combinen a flexibilidade e a axilidade. 

No referido ás unidades das que se busca a súa consolidación, en Galicia desenvolveranse catro iniciativas nesta edición. É o caso do traballo de Cetaqua con Viaqua sobre a xestión integral das augas galegas, que no proxecto nacido en 2015 unen forzas para desenvolver novas solucións tecnolóxicas innovadoras para producir e recuperar subprodutos de alto valor engadido a partir de correntes residuais procedentes do sector agroalimentario galego e do propio ciclo da auga. 

Galicia tamén conta co proxecto que une á Universidade de Coruña con Navantia para, co apoio da Xunta, avanzar o estaleiro do futuro, apostando por un estaleiro 4.0 que transforme o modelo actual.

No eido da automoción, o CTAG traballa na optimización do proceso produtivo e loxístico de Viza, buscando mecanismos de dixitalización de procesos dentro da liña de fabricación 4.0. 

Finalmente, cabe salientar o traballo na mellora do ámbito sanitario da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) con Roche Farma, obtendo solucións innovadoras no campo da oncoloxía de precisión. 

O programa das Unidades Mixtas de Investigación enmárcanse dentro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que  desde a súa posta en marcha permitiu crear 39 alianzas entre centros de coñecemento e empresas. Grazas ás axudas da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), cifradas en 34 millóns de euros, lograron mobilizarse preto de 115 millóns e consolidáronse ata 580 empregos. 

Desde o comezo desta iniciativa en 2014, ata 28 empresas líderes dos seus respectivos sectores contribuíron co seu traballo a enriquecer os proxectos das diversas Unidades Mixtas. Entre elas, compañías como as xa mencionadas: Navantia, Finsa, Roche Farma, Esteve, GKN, Borgwarner, Repsol, Telefónica ou Grupo Copo, que dedicaron os seus recursos materiais e loxísticos para garantir unha competitividade maior do ecosistema galego de innovación, xerando grupos de investigación que se unen ao labor de 13 organismos de investigación galegos. 

Esta diversificación permite a atracción permanente de capital privado cara á I+D+i do país, potenciando os eixos da resolución tecnolóxica, o crecemento continuo e a necesidade da investigación como piar do desenvolvemento. 

Do mesmo xeito, estas Unidades Mixtas abriron novas vías para a cooperación entre os organismos de investigación e o tecido empresarial, tendo en conta tanto as necesidades conxuntas como as solucións beneficiosas para ambas partes a través da coordinación de programas baseados na innovación.

Deste xeito, blíndase a competitividade das empresas galegas, mellorando o rendemento das súas ofertas; foméntase a I+D+i; créase emprego cualificado; e, finalmente, impúlsanse as capacidades dos organismos de investigación da Comunidade, potenciando o talento dos profesionais de Galicia. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas