Forenses da USC participan nun proxecto europeo para identificar criminais

Equipo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Foto: USC.
Equipo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Foto: USC.

Un grupo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC participa no proxecto europeo Visage, consorcio financiado con cinco millóns de euros que reúne institucións universitarios, grupos policiais e institucións de xustiza de oito países europeos co fin de deseñar técnicas que permitan determinar as características físicas, ancestrais e idade dun individuo a partir de restos do seu ADN. O grupo da USC coordinado por Ángel Carracedo, María Victoria Lareu e Chris Phillips lidera dentro deste consorcio a investigación no ámbito da ancestralidade. O seu obxectivo será o desenvolvemento de protocolos para a determinación da orixe xeográfica dun individuo, eido no que o grupo da USC xa fora pioneiro polo deseño e utilización de técnicas de análise nos atentados do 11-M. 

Visage, acrónimo de “Visible Attributes Through Genomics”, é un proxecto financiado polo programa H2020 que coordina Manfred Kayser da Universidade de Rotterdam. A finalidade desta liña de traballo é a definición de técnicas que permitan a identificación das características físicas dun individuo como a cor de ollos ou de cabelo, características faciais, idade ou procedencia xeográfica a partir de calquera mostra biolóxica que fóra identificada nunha escena dun crime.

“Cando nun delito non hai sospeitoso non son válidos os métodos tradicionais de análise de ADN, polo que describir as características visibles externas do individuo que o cometeu a través de mostras biolóxicas atopadas na escena do crime axudan á investigación policial”, aclara o coordinador Manfred Kayser. A misión do proxecto será “establecer novos coñecementos científicos, desenvolver prototipos de ferramentas para a análise de ADN e a interpretación estatística, validar e implementar estas ferramentas na práctica forense, investigar as dimensións éticas, sociais e normativas” e a súa posterior difusión.

Os investigadores da USC participaron este martes na Erasmus University Medical Center Rotterdam na xuntanza de lanzamento coa que o proxecto comezou o seu traballo. Ademais da USC participan universidades e institucións forenses e policiais de Polonia, Austria, Alemaña, Reino Unido, Francia, Países Baixos e Suecia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.