Fogos fatuos: a reacción química da Santa Compaña

Cadro do pintor alemán Hermann Hendrich que representa uns supostos fogos fatuos.
Cadro do pintor alemán Hermann Hendrich que representa uns supostos fogos fatuos.

O avance da ciencia e a tecnoloxía fixo diminuír en gran medida, a cantidade de fenómenos paranormais que moita xente aseguraba ter presenciado. Algunhas destas experiencias, vinculadas aos días nos que se rende homenaxe aos Defuntos, contan como os fogos fatuos, supostas ánimas dos mortos, alumeaban sobre o solo dos cemiterios, desprendendo unha especie de charamela. Hai quen vía nelas á Santa Compaña, que se aparecía non só nos cemiterios, senón tamén no solo das brañas, ou por riba da auga dos lagos ou estanques. A literatura, a tradición oral e as lendas narran moitos casos desde hai centos de anos en Galicia.

A tradición oral fala de casos nos cemiterios, as brañas e os estanques

A lenda era certa, mais non eran espíritos. O que vían estas persoas era unha reacción química que ten lugar en presenza de organismos en descomposición. Os fogos fatuos son pequenos escapes de gas que reacciona ao contacto co aire en determinadas condicións de temperatura e humidade.

Cando a materia orgánica (pode ser un corpo humano, animais, follas ou plantas) situada baixo o terreo comeza a descompoñerse, as reaccións químicas comezan a producir cambios nos organismos. “O responsable deste fenómeno é a fosfina -PH3- (chamado fosfano, segundo a actual nomenclatura), unha molécula que ten a propiedade de arder espontáneamente en contacto co osíxeno do aire. Se a isto se lle engade que nestas descomposicións de materia orgánica vai haber metano (CH4), que tamén é combustible, xa temos a explicación”, conta José María de la Viña, profesor xubilado de Química que impartiu clase durante máis de 40 anos no IES Alfredo Brañas de Carballo.

Para facer posible este fenómeno, entran en acción varias moléculas presentes nos seres vivos. “Ao descompoñerse, os corpos xeran anacos de moléculas máis pequenas, como o amoníaco (NH3), a citada fosfina ou fosfano e outros compostos de xofre, como o ácido sulfhídrico (H2S), causante do fedor dos cadáveres e do cheiro dos ovos podres”, conta De la Viña.

As moléculas dos fogos fatuos

Como aparecen entón estas combustións? Ás veces, nalgunhas condicións, o terreo retén eses gases combustibles. Pero entón, un cambio de humidade, temperatura ou concentración pode facer que, de súpeto, saian á superficie, xerando unha reacción en forma de lapa azulada, e que nalgúns casos tamén pode ser amarela, verdosa ou avermellada. Non é propiamente un lume, xa que a súa temperatura é relativamente baixa, mais a reacción si desprende enerxía en forma de luz.

Do mesmo xeito, a tratarse dunha cor azul, semellante á que xera a combustión do alcohol, é preciso que haxa pouca luz nos arredores para que se poida observar ben. De aí que os supostos fenómenos paranormais relacionados cos fogos fatuos aconteceran sempre de noite, cando era posible que as reaccións químicas deste tipo fosen visibles. Amais, excepcionalmente, os fogos fatuos poden xerar un efecto chamada noutros depósitos próximos destes mesmos gases, polo que poden perdurar durante varios minutos.

Adoitan ser máis habituais en zonas húmidas e con moita materia orgánica, como as brañas, as turbeiras ou os estanques, onde os procesos de putrefacción son máis rápidos. Pero tamén se poden dar, como ben narra a tradición oral, no caso dos cemiterios, cando os cadáveres eran sepultados baixo o solo e os cadaleitos non illaban ben o proceso de descomposición.

2 COMENTÁRIOS

  1. Cuando era nena, ás veces pasabamos por díante do cimeterio para ir cara casa. Un día era noite, e vin como a luz camiñaba, ou algo así. Foi un instante . Ese è o meu recordó, e igual non vin tal. Non había alumeado polos camiños. Oxe sempre é día..

  2. Lamentable que teñamos que alentar os nosos rituais por oposición ao Hallowenn, cando teñen sentido por si propios.
    Dobremente lamentable se, para facernos escoitar, impostamos o nome de Samaín, absolutamente alleo e, casualmente, o nome co que antigamente eles -os do Hallowenn, non nós- designaban, por advocación a un deus, o encontro cos seus defuntos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.