O oceanógrafo Fiz Fernández ingresa na Academia Galega de Ciencias

Fiz Fernández Pérez, no claustro de San Roque, antes do acto de ingreso. Foto: Suso Rivas.
Fiz Fernández Pérez, no claustro de San Roque, antes do acto de ingreso. Foto: Suso Rivas.

O científico Fiz Fernández Pérez (Alicante, 1957) pronunciou este martes o seu discurso de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). A súa intervención, titulada “A diferencial oceánica”, foi contestada polo tamén académico Antonio Ballester Álvarez-Pardiñas. Fernández súmase á Sección de Química e Xeoloxía da institución, engadindo así o recoñecemento a unha extensa traxectoria no estudo da oceanografía química, masas de auga, o ciclo do carbono mariño e a acidificación dos océanos. O novo académico é doutor en Química pola Universidade de Santiago (USC) e profesor de Investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM).

Fiz Fernández comezou o seu discurso cun breve limiar no que agradeceu ás académicas e académicos a súa xentileza ao propoñelo como membro da institución, feito que tal como confesou supón “unha honra e un reto para poder contribuír coas miñas capacidades, con ilusión e dedicación ás tarefas que me correspondan como académico dentro do meu eido de coñecemento”. Tamén neste día quixo facer público un agradecemento especial ao que fóra director da súa tese doutoral, o recentemente finado profesor Fernando Fraga, que lle ensinou a oceanografía e lle transmitiu a paixón, o tesón e o entusiasmo pola investigación. Mención especial fixo á falecida académica Aida Fernández Ríos polo seu traballo conxunto no reto de investigar a variabilidade do CO2  en campañas oceanográficas transoceánicas desde 1991.

O profesor Fernández mostrou na súa disertación como o cambio global oceánico acontece con variacións case imperceptibles nunha “enorme, vasta e case infinita masa de auga”, que están orixinando graves danos ambientais e perdas económicas e humanas. Pero antes das conclusións, Fiz Fernández relatou os seus inicios na investigación oceanográfica coa súa tese Fisicoquímica dos equilibrios iónicos na auga do mar e a súa aplicación en oceanoloxía de 1985.

No traballo de doutoramento comezou estudando o sistema do carbónico e a metodoloxía do pH no océano, tema recorrente na súa carreira científica, nun principio para avaliar á produtividade das rías galegas e máis tarde como factor de importancia global para coñecer os efectos do cambios climático no océano.

De xeito detallado, indicou os elementos básicos da oceanografía da contorna, un litoral galego caracterizado por augas que teñen unha elevada produtividade biolóxica que sustenta unha apreciada explotación pesqueira, marisqueira e unha importante acuicultura, unha alta produtividade conseguida grazas ao afloramento costeiro e á propia circulación das rías galegas. Segundo concretou, o contraste entre as augas frías das rías, ricas en nutrientes, e as cálidas do océano aberto, o papel do vento do norte, o aporte dos ríos, xunto á contribución do carbónico, son os factores que explican a riqueza do ecosistema mariño das rías galegas.

“O océano está axudando a mitigar o cambio climático pero a un custo moi alto, a súa acidificación”, destaca o novo académico

Neste punto, a súa investigación avanzou cara a acidificación oceánica, efecto provocado polo aumento das emisións de dióxido de carbono á atmosfera procedentes de actividades humanas que reaccionan co carbonato cálcico causando que o océano se volva máis ácido. “O océano está axudando a mitigar o cambio climático pero a un custo moi alto, a súa acidificación” –destacou Fiz Fernández–. Continuou explicando que se trata dun síndrome oceánico que está orixinando “graves consecuencias” en augas frías, en xeral árticas ou antárticas, pero tamén en augas profundas do Atlántico, mentres que en rexións costeiras como as rías galegas o profesor sinala que ao ter augas máis quentes son “máis resilientes” aos efectos da acidificación a curto prazo.

A pesar da capacidade de adaptación das rías, como exemplo Fiz Fernández expuxo unha serie de medidas de pH realizadas nas augas costeiras de Galicia para determinar ritmos de acidificación significativos e superiores aos obtidos en mar aberto, cun aumento de dúas milésimas de pH por ano e un incremento da temperatura da auga da ría de tres centésimas de grado por ano. Segundo apuntou, estes datos demostran que hai un menor afloramento polo descenso da dominancia dos ventos do norte que provoca unha menor renovación da ría con augas oceánicas e unha maior eutrofización, é dicir, un exceso de nutrientes inorgánicos procedentes, en parte, de actividades humanas que incide na diminución do osíxeno, e aumenta o carbónico orixinando polo tanto máis acidez. “É necesario un bo modelado numérico dos procesos físicos, químicos e biolóxicos para asesorar sobre o futuro dos nosos ecosistemas mariños e avaliar o impacto do cambio climático na saúde das rías e na acuicultura. Posiblemente cheguemos tarde na supervivencia dos corais de auga fría, pero para moitos dos nosos ecosistemas aínda estamos a tempo” –asegurou–.

Contestación

O responsable de pronunciar á contestación ao discurso de ingreso de Fiz Fernández foi o académico da Sección de Química e Xeoloxía da RAGC, Antonio Ballester Álvarez-Pardiñas quen destacou a excelencia investigadora do novo académico evidenciada cun índice H en Scopus de 45 (a maior base de datos bibliográficos de resumos e citas de artigos de revistas científicas) e de 55 en Google Académico, ademais de ter publicado nas tres mellores revistas do mundo: Nature, Science e PNAS. Con estas pinceladas xerais do seu extenso e un brillantísimo currículo, Ballester apostou por ler entre liñas e lembrar os seus inicios.

Así, relatou que Fiz naceu circunstancialmente en Alicante, de pai palentino e nai galega, pero xa aos catro anos a familia asentouse en Vigo. A súa relación co mar comeza xa na adolescencia grazas ás actividades extraescolares do Instituto Santa Irene onde estudaba e co que visita o Instituto de Investigacións Mariñas e o buque oceanográfico Cornide de Saavedra, “sen poder imaxinar que ían ser esas referencias unhas coordenadas esenciais no seu devir científico”.

Ballester repasou a vida universitaria de Fiz, que rematou coa súa tese de doutoramento sobre a termodinámica do CO2 na auga do mar, e co tempo desenvolveu unha metodoloxía orixinal para a medida da alcalinidade da auga que se adaptou moi ben ás campañas oceanográficas nas que participou posteriormente. “Estamos ante un experto internacional coñecedor en primeira persoa do posible impacto do CO2 producido pola actividade humana na calidade dos océanos” –destacou Ballester.

Antonio Ballester: “Estamos ante un investigador que non escatimou esforzos nin riscos ao longo da súa traxectoria vital por moi difíciles que fosen”

A dedicación de Fiz Fernández non só estaba entre as paredes do IIM, senón que, tal como lembrou Ballester, o profesor chegou a pasar case dous anos da súa carreira científica embarcado en barcos nacionais e estranxeiros para a súa participación en máis de 25 campañas oceanográficas distintas, sendo investigador principal en cinco delas.

O 13 de novembro de 2002 foi un día sinalado en negro no calendario de todas as galegas e galegos co desastre do petroleiro Prestige, que finalmente afundiu á beira da Costa da Morte. E nesta catástrofe, Ballester sinalou que tivo un papel moi destacado Fiz Fernández como parte do comité científico que asesoraba ás autoridades sobre que medidas tomar. Subliñou que estivo a bordo do buque nodriza Atalante, que dispoñía do batiscafo Nautile co que baixou a 3.790 metros de profundidade para inspeccionar os restos de Prestige e controlar a temperatura do fuel. “Estamos ante un investigador que non escatimou esforzos nin riscos ao longo da súa traxectoria vital por moi difíciles que fosen, o que nutriu o seu currículo e axudará a aumentar a capacidade da Academia para responder aos retos futuros da sociedade” –manifestou–.

Finalmente, Ballester indicou que o discurso do profesor Fiz debe levar a unha reflexión serena: “O océano é unha maquinaria perfecta que está engraxada para facilitarnos a vida tal como a coñecemos, hoxe en día sometido a cambios case imperceptibles pero constantes. Deberíamos ter coidado co que facemos a nivel individual e colectivo para non ter que lamentar algún día que a nosa irresponsabilidade nos levou a consecuencias irreparables”.

Ao acto presencial asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, así como o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; o profesor Gabriel Rosón, en representación da Universidade de Vigo (Uvigo); e o novo delegado Institucional do CSIC en Galicia, Francisco Javier Rey Campos; entre outras autoridades.

Pola súa parte, o presidente da RAGC, Juan Lema, indicou que a Academia está moi satisfeita pola incorporación do profesor Fiz Fernández, “xa que vén cubrir unha área de enorme importancia para Galicia”, como é a oceanografía e a química mariña, tomando o relevo do seu director de tese o finado académico Fernando Fraga. “A oceanografía ten actualmente un enorme papel a desenvolver no marco do cambio climático e o impacto dos gases de efecto invernadoiro sobre a acidificación do medio mariño que cobran unha importancia máis que relevante, especialmente polo efecto sobre os ecosistemas mariños e os recursos pesqueiros”, concluíu Lema.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.