O Gran Colisionador de Hadróns do CERN.
O Gran Colisionador de Hadróns do CERN.

Físicos da USC confirman no acelerador do CERN a simetría entre materia e antimateria

A antimateria está formada por antipartículas. Un electrón dun átomo de materia ten carga negativa. E un electrón dun átomo de antimateria (chamado positrón), ten carga positiva. Un átomo e outro semellan mirarse nun espello, coas cargas das súas partículas invertidas. E, aínda que a antimateria semelle algo que só pode atoparse nun gran acelerador de partículas, a realidade é que xa convivimos con ela. De feito, un aparello que está nos nosos hospitais, o Tomógrafo por Emisión de Positróns (PET) é un escáner sofisticado pero moi común. E baséase no choque entre un electrón do corpo do paciente (partícula) con un positrón (antipartícula) xenerado pola máquina.

Vista aérea do CERN.
Vista aérea do CERN.

Así que o concepto de antimateria non debe asustarnos. Xa está no noso día a día. Pero a exploración científica das súas posibilidades é aínda enorme. Unha das claves é saber se materia e antimateria son completamente simétricas e seguen as mesmas leis da física. E esta semana un experimento con participación de físicos da Universidade de Santiago vén de comprobalo.
O experimento ALICE no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) no CERN realizou unha medición precisa da diferenza entre as proporcións da masa e carga eléctrica en materia e antimateria mediante medidas de núcleos lixeiros e antinúcleos. Estes resultados confirman unha simetría fundamental da natureza cunha precisión sen precedentes para os núcleos lixeiros e foi publicada en Nature Physics. A medida comproba que as leis da física son as mesmas baixo inversións simultáneas de carga, reflexión das coordenadas espaciais e inversións temporais. Estes resultados estanse a presentar esta semana na conferencia Quark Matter 2015, que ten lugar en Xapón e onde os investigadores da USC teñen una importante representación.
O experimento confirma que as leis da física non son alteradas para as antipartículas

ALICE –experimento no que se atopa integrado o grupo de Fenomenoloxía do Departamento de Física de Partículas da USC- rexistra colisións de alta enerxía de núcleos de chumbo no LHC, o que fai posible estudar a materia a moi altas temperaturas e densidades. Deste xeito, é posible recrear as condicións do Universo primixenio nos instantes posteriores ao Big Bang, cando todo era un líquido ideal a temperaturas varios centos de miles de veces superiores ás que se rexistran hoxe no centro do sol.
As colisións de núcleos de chumbo son unha fonte abundante de partículas e antipartículas, ademais de que os núcleos e antinúcleos correspondentes son producidos a velocidades semellantes. Como explican os investigadores, estas características permiten ao experimento do LHC facer unha comparación detallada das propiedades da materia e a antimateria mediante a detección de núcleos e antinúcleos que se producen de xeito máis abundante. As medidas das diferenzas de carga e masa en partículas e antipartículas obtidas por ALICE son compatibles con cero, o que implica que as simetrías das leis fundamentais da física non son alteradas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.