José Manuel Martínez Costas, Eugenio Vázquez Sentís e José Luis Mascareñas. Foto: CiQUS.
José Manuel Martínez Costas, Eugenio Vázquez Sentís e José Luis Mascareñas. Foto: CiQUS.

Descobren unha ferramenta para estudar a reciclaxe da ‘batería’ das células

Químicos de Santiago de Compostela publican un traballo no que describen un composto capaz de sinalizar a renovación das mitocondrias

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela foron quen de descubrir un composto capaz de sinalizar de maneira sinxela e eficiente a reciclaxe das mitocondrias, a fonte de enerxía das células, e unha estrutura por tanto esencial para os organismos. A ferramenta, que leva o nome de MitoBlue, “pode usarse para analizar facilmente os cambios nos procesos de degradación das mitocondrias en diferentes células e condicións celulares”, explican os autores na revista Scientific Reports, do grupo Nature, que publica os resultados da investigación.

Esta nova ferramenta molecular podería axudar a entender mellor os mecanismos celulares das mitocondrias e, grazas a isto, facilitar o estudo de enfermidades neurodexenerativas e outras de alta prevalencia que teñen a súa orixe en trastornos da homeostase mitocondrial. O traballo iniciouse ao abeiro da tese doutoral de Mateo Sánchez, e está liderado por José Manuel Martínez Costas, en colaboración cos investigadores principais do CIQUS Eugenio Vázquez Sentís e José Luis Mascareñas.

As mitocondrias son ás células o que as baterías aos móviles e, igual que nos dispositivos telefónicos, descárganse e deben ser renovadas permanentemente. Ese proceso de control de calidade e reciclaxe mitocondrial que realiza a célula é de gran relevancia fisiolóxica e asociouse con numerosas enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer, o Parkinson; outras como cancro, diabetes ou cardiopatías e con procesos naturais como o envellecemento. Con todo, a pesar da súa importancia fundamental na vida das células, non existen ferramentas que permitan o seu estudo de maneira sinxela. “O composto MitoBlue que descubrimos permite estudar estes procesos de reciclaxe a través de microscopía de fluorescencia. Estes procesos favorecen a caracterización detallada de comunicación entre as mitocondrias e os lisosomas, as encargadas da dixestión intracelular”, explica Eugenio Vázquez, IP do CiQUS.

A fluorescencia é un dos fenómenos físicos máis utilizados en microscopía biolóxica e analítica, principalmente pola súa alta sensibilidade e especificidade; e fai posible determinar a distribución dunha soa especie de molécula, a súa cantidade e localización no interior da célula. “Ata o momento a maioría das técnicas de observación requirían fixación celular, o que pode afectar ás estruturas da propia célula e ocultar a observación de procesos dinámicos. Algo que agora logramos suplir con este método alternativo de alta eficiencia no descifrado das mitocondrias e de gran potencial en aplicacións básicas e aplicadas en investigación biomédica”, engade Eugenio Vázquez.


Referencia: MitoBlue as a tool to analyze the mitochondria-lysosome communication (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.